O PSOE de Punxín solicita o cumprimento da recollida do lixo á Deputación de Ourense

As concelleiras socialistas do municipio ourensán de Punxín veñen de presentar un novo escrito no que solicitan o “cumprimento íntegro” por parte da Deputación de Ourense do convenio para a recollida do lixo, asinado entre o Concello e a entidade provincial. Lorena Peleteiro, voceira socialista, afirma que “a Deputación cumpre puntualmente co cobro das taxas á veciñanza, pero esquécese de cumprir coas obrigas máis básicas do convenio”.

Desde o Partido Socialista de Punxín destacan que as queixas da veciñanza sobre o mal funcionamento “son constantes”, pero “intensifícanse ano tras ano na época estival, cando a poboación do muncipio increméntase e a recollida do lixo redúcese”. Denuncian as edís que “hai localidades nas que os contedores levan 20 días sen baleirar, co conseguinte desbordamento dos mesmos, así como os malos olores que causan”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“É inconcibible que, coas altas temperaturas que estamos a sufrir e coas vilas cheas de xente polo período estival, teñamos montañas de lixo acumuladas nos contedores por culpa da total ineficiencia da Deputación de Ourense e do desleixo absoluto do Concello de Punxín”, denuncian antes de recordar que “tampouco efectúan a limpeza das contenedores, cos problemas de salubridade e oleres esaxerados que eso xenera”.

Peleteiro manifesta que “a Deputación incumpre, o Concello cala e a veciñanza paga unha vez máis”, considerando que esta “situación inasumible” debe “mudar de maneira urxente”. “Non reclamamos cousas extraordinarias; simplemente pedimos que cumpran co convenio asinado, un convenio polo que pagamos por un presunto servizo de luxo mentres que, en realidade, recibimos un servizo pésimo”.

As socialistas demandan que “non haxa veciños de primeira e de segunda” en Punxín e que todas e todos teñan aceso aos mesmos dereitos. “A falta de dilixencia do actual grupo de goberno para facer cumprir o acordado coa Deputación ourensá, provoca que a recollida ordinaria de lixo estea sendo máis deficitaria ca nunca, algo que non soamente dicimos nós, senón que é un clamor entre toda a veciñanza e así nolo trasladan semana tras semana”, sinalan antes de concluír recordando que estamos a falar dun “servizo básico” que a lexislación vixente obriga a prestar con dilixencia a todos os municipios, polo que “nin é de recibo nin é regular” a situación na que se atopan localidades de Punxín.