A Deputación e Telefónica avanzan na implementación do plan de Destino Turístico Intelixente na provincia de Ourense

Manuel Baltar mantivo esta mañá unha reunión no Pazo Provincial con Paula Beirán, directora de Telefónica en Galicia e Asturias, empresa adxudicataria do proxecto “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”

O presidente da Deputación amosa a súa satisfacción polo enfoque proporcionado por Telefónica para executar un plan que “nos sitúa á vangarda do turismo interactivo e, sobre todo, proporciona novas solucións tecnolóxicas para seguir promocionando os nosos recursos turísticos e avanzar na transformación do territorio dende perspectivas sostibles e innovadoras”

AVANTAR ACTIVIDADES

Paula Beirán destaca que “o noso obxectivo é dixitalizar, e polo tanto facer máis eficaces, actividades e reservas frecuentes como as estancias nos hoteis ou restaurantes, visitas a monumentos ou rutas”

Ourense, 21 de decembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a directora de Telefónica en Galicia e Asturias, Paula Beirán, reuníronse esta mañá no Pazo Provincial para avanzar na implementación do plan “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, proxecto de Destino Turístico Intelixente (DTI) desenvolvido polo goberno provincial xunto a Red.es e adxudicado en concurso público a Telefónica, que comezará nas vindeiras semanas a desplegalo.

O plan abrangue unha plataforma smart e aplicacións para móbiles, ademais dun portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de realidade virtual e de realidade aumentada, ou experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.

Despois da reunión desta mañá, Manuel Baltar amosou a súa satisfacción polo enfoque proporcionado por Telefónica para comezar a execución dun plan que “sitúa á Deputación de Ourense na vangarda do turismo interactivo e, sobre todo, proporciona novas solucións tecnolóxicas para seguir promocionando os nosos recursos turísticos e avanzar na transformación do territorio dende perspectivas sostibles e innovadoras”.

O presidente da Deputación explica que a través desta iniciativa, os turistas poderán dispoñer dun “acceso rápido, sinxelo e intuitivo” de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña “Ourense a tu alcance”); de servizos personalizados baixo demanda (liña “Siente Ourense”), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña “Ourense te guía”).

Este plan, remarca Manuel Baltar, “é un símbolo da nosa forma de traballar: sempre con creatividade e con músculo para tecer colaboracións e executar iniciativas coas que damos novos pasos para seguir construíndo o Ourense do futuro”.

Paula Beirán: “A Deputación de Ourense sempre ten destacado por ser moi activa na promoción do turismo da provincia”

Pola súa parte, a directora de Telefónica en Galicia e Asturias explica que “o obxectivo é dixitalizar, e polo tanto facer máis eficaces, actividades e reservas frecuentes como as estancias nos hoteis ou restaurantes, visitas a monumentos ou rutas. En definitiva, afondar no concepto de ‘Destinos turísticos intelixentes”.

“En Telefónica estamos moi satisfeitos do traballo que estamos levando a cabo coa Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial a través de Red.es para introducir novas solucións tecnolóxicas no ámbito turístico, e no que ademais de Ourense están as deputacións de Badaxoz e Cádiz, e os concellos de Arona, Benidorm, Bilbao e Calviá”, destaca Paula Beirán.

Paula Beirán recoñece que “a Deputación de Ourense sempre ten destacado por ser moi activa na promoción do turismo da provincia, e neste sentido quero agradecer a magnífica dispoñibilidade mostrada por Manuel Baltar para colaborar con Telefónica neste e outros proxectos”.

Crear un territorio intelixente con capacidade para impulsar o desenvolvemento económico sostible da poboación local

Este proxecto foi deseñado pola Deputación de Ourense co fin de promover un modelo de turismo interactivo e intelixente que teña como base o emprego das TICs por parte das entidades locais dedicadas á actividade turística, permitíndolle a estas ofrecer servizos diferenciais e competitivos. A finalidade última de “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo” é a de crear un territorio intelixente capaz de manter un desenvolvemento económico sostible para a poboación local, e a proxección dese territorio cara o exterior coa atracción de máis visitantes mediante a promoción dunha marca de calidade.

Este proxecto de transformación contempla a apertura cara un modelo tecnolóxico aberto que facilite a participación, diálogo e colaboración entre os turistas e os cidadáns a través das ferramentas dixitais. A través da Plataforma de Xestión Integral dos Recursos, preténdese recompilar todo tipo de datos para elaborar diferentes servizos e mostrar toda a información turística da provincia de Ourense a modo de oficina turística virtual -planificación de rutas, aloxamentos, restauración…-.

“Hay un Ourense para ti. Descúbrelo” está enmarcado no Programa “Provincia Intelixente” do eixo Smart do “Plan Dixital 2018-2023” e foi seleccionado como beneficiario da ‘Convocatoria de Destinos Turísticos Intelixentes’ de Red.es, entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa. O proxecto provincial, enfocado a cambiar a xestión dos recursos turísticos da provincia, obtén fondos do Estado e da Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER); cun orzamento de case tres millóns de euros (2.989.022 €).