O club KYO HKD do Carballiño prepárase para participar no Campionato de España de Hapkido, que terá lugar o vindeiro 9 de novembro no polideportivo San Pablo de Sevilla, cun total de 20 deportistas, 14 deles representando á Federación Galega de Taekuondo e, o resto, competindo directamente polo clube. O hapkido, unha disciplina coreana de defensa persoal, foi gañando presenza en Galicia nos últimos anos, sendo O Carballiño unha das localidades que ten contribuído de xeito significativo a este crecemento. A participación do club neste evento foi presentada hoxe na Casa do Concello carballiñés, coa asistencia do concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, e o adestrador da escola KYO HKD, Fidel Gómez. O instrutor destacou o feito de que de 50 loitadores de toda Galicia, deles 40 sexan do club carballiñés, fundado no ano 1992, e que xunto coa outra escola existente na vila suman máis dun cento de alumnas e alumnos.
A participación neste tipo de competici¡óns é o resultado do traballo continuo e o compromiso dos membros do club, que xa destacaron no Campionato Galego deste mesmo ano, celebrado no pasado mes de maio, onde lograron 6 medallas de ouro, 7 de prata e 6 de boronce. O ano pasado, a Federación Galega estivo integrada por 24 deportistas, que conqueriron un total de 13 medallas (3 de ouro, 3 de prata e 7 de bronce), o que levou a Galicia ao terceiro lugar no podio, sendo a primeira vez que participaba neste torneo. Desas medallas, a escola KYO HKD contribuíu con un ouro, unha prata e tres bronces, demostrando o potencial e o esforzó dos seus deportistas. Ademais do campionato nacional, o evento de Sevilla coincidirá cunha competición internacional para cinturóns negros, o que engade un contexto aínda máis esixente e ofrecendo unha oportunidade única para que os deportistas galegos se midan con alguns dos mellores exponentes internacionais desta disciplina marcial.