O Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo da Limia e o Concello de Vilar de Santos conmemoran o centenario do achado desta extraordinaria xoia castrexa.
No ano 1924, na paraxe de Vilar de Santos coñecida como Albariño, ao pé da lagoa de Antela, trinta e poucos anos antes da súa desecación, cando Benito Saburido cavaba un foxo de dous metros de fondo para desaugar unha leira, atopou a ARRACADA de Vilar de Santos, “unha das mostras máis sobranceiras da produción da ourivaría castrexa”, ao dicir do investigador sobre a ourivería prehistórica e actual presidente do Grupo Marcelo Macías, Bieito Pérez Outeiriño.
Cúmprense, por tanto, cen anos da súa descuberta. Con tal motivo, o Museo Arqueolóxico de Ourense (que custodia a arracada), o Museo da Limia e o Concello de Vilar de Santos celebran o centenario da aparición desta inigualábel alfaia que data dos séculos III-II antes de Cristo. No ano 1988 pasou a formar parte da identidade deste concello ao ser incorporada ao seu escudo, creado por quen era daquela director do Museo Arqueolóxico, Francisco Fariña Busto.
Os vindeiros días 20 e 21 (venres e sábado) do presente mes, dende as 11 até as 18 horas, a xoia castrexa estará exposta ao público no Museo da Limia. Ás 18 horas do día 20 (venres), no salón multiusos da casa consistorial, terá lugar un acto presentado por Xosé Carlos Sierra Rodríguez (Ex director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, membro do Consello Asesor do Museo da Limia), ao que vai asistir César Llana Rodríguez (director do Museo Arquerolóxico de Ourense) e no que van intervir Bieito Pérez Outeiriño (Presidente do Grupo Marcelo Macías, Investigador sobre a ourivería prehistórica), para impartir a conferencia titulada “A arracada de Vilar de Santos no centenario da súa descuberta (1924-2024)” e Francisco Fariña Busto (Ex-director do Museo Arqueolóxico de Ourense, creador do escudo de Vilar de Santos) que ha de falar de “A arracada como identidade”.
Alén disto, o pasado día 2 de setembro, a Xunta Directiva do Museo da Limia decidiu crear a distinción denominada Arracada de Honra, consistente na réplica da nosa peza castrexa, da que han ser merecentes aquelas persoas ou institucións que teñan feito achegas substanciais nos campos da Etnografía e Arqueoloxía da comarca.Neste sentido, váiselle facer entrega da primeira Arracada de Honra á familia de Benito Saburido (descubridor da xoia de Vilar de Santos), representada na persoa da súa neta Josefa Saburido Traveso.
CENTENARIO DA DESCUBERTA DA ARRACADA
VILAR DE SANTOS (1924 – 2024)
Vena ver ao Museo da Limia!
VENRES-20 e SÁBADO-21, DEC. 2024
DE 11 A 18 HORAS
EXPOSICIÓN AO PÚBLICO DA ARRACADA ORIXINAL
17:30 HORAS, VISITA DAS AUTORIDADES
XORNADA
VENRES-20, DEC. 2024, 18 horas
SALÓN MULTIUSOS DO CONCELLO
Presenta: Xosé Carlos Sierra Rodríguez (Ex-director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, membro do Consello Asesor do Museo da Limia)
INTERVEÑEN
Bieito Pérez Outeiriño (Presidente do Grupo Marcelo Macías, Investigador sobre a ourivería prehistórica): A ARRACADA DE VILAR DE SANTOS NO CENTENARIO DA SÚA DESCUBERTA (1924-2024)
Francisco Fariña Busto (Ex-director do Museo Arqueolóxico de Ourense, creador do escudo de Vilar de Santos): A ARRACADA COMO IDENTIDADE
César Llana Rodríguez (Director do Museo Arqueolóxico de Ourense)
Antón Jardón Dacal (Coordinador do Padroado do Museo da Limia)
Entrega da Arracada de Honra á familia de Benito Saburido