A “Spanish Wine RoadShow” celebrará a súa sexta edición a vindeira semana, unha xira por Estados Unidos na que novamente participará o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, representando a un bó número de adegas adheridas a esta denominación de orixe galega, a máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de España. A presidenta do Consello, Concha Iglesias, asegura que o obxectivo principal de esta acción promocional é “apoiar ás nosas adegas na laboura de fidelizar ou introducir as súas marcas nun mercado tan importante coma é o estadounidense”, de xeito que esta xira permitirá “dar a coñecer a excelencia dos viños do Ribeiro en cinco estados distintos de Estados Unidos. Consideramos que é unha actividade que amosa a gran aposta do Consello Regulador, na que traballamos ano a ano en accións de desenvolvemento no mercado tanto no mercado nacional coma no internacional”.
Un total de 13 produtores presentarán os seus viños nos cinco eventos para achegarse a centos de compradores norteamericáns. As referencias vinícolas de Alanís, A Vilerma, Campante, Casal do Canteiro, Coto de Gomariz, Loeda, Pablo vidal, Pazo Casanova, Ramón do Casar, Siah, Terras do Castelo, Viña Costeira e Viños de Encostas mostraranse nas cinco paradas que se contemplan nesta xira. A finais de xaneiro, a D.O. Ribeiro contará así cunha presencia moi especial na “Spanish Wine RoadShow”, promocionando os seus viños brancos, alguns monovarietais de treixadura e outros que son froito de ‘coupages’ de treixadura con outras uvas como albariño, godello, loureira ou lado.
Dende a organización do evento, a consultora Giménez&Sigwald Wine Associates, aseguran que “agrádanos que a D.O. Ribeiro repita nunha nova edición da xira por Estados Unidos”, e engaden que, “deste xeito, tanto as adegas de meirande tamaño como as máis pequenas teñen acceso ao mercado estadounidense, e ése é un dos nosos principais obxectivos”. Giménez&Sigwald é unha consultora especializada na internacionalización de viños españois que organiza a xira “Spanish Wine RoadShow”, iniciativa privada de difusión e promoción do viño español nos Estados Unidos. A vindeira edición deste evento celebrarase do 22 ao 28 de xaneiro nas cidades de Charlotte, Atlanta, Nashville, New Orleans e Miami.