

“Foi unha edición espectacular, a mellor das celebradas en América ata a data polo alto nivel de participación e polo incrible involucramento dos anfitrións locais”. Con estas palabras concluía o acto de clausura o director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez. E esta rotunda afirmación procede dos datos de participación e seguimento das accións formativas que incluían a participación de 55 expertos de 13 países.
A 23ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (a sexta en América) conclúe recibindo máis de 2.000 visitas presenciais, ás que hai que sumar as 24.900 visualizacións que alcanzou o streaming do VI Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que foi retransmitido en vivo pola Canle de Youtube de Teleandina. Aqueles que non puidesen conectarse ou desexen volver velas, poden consultalas en https://www.youtube.com/@canalteleandina. Foi ademais a edición máis participativa, xa que os asistentes presenciais puideron facer preguntas e resolver todas as súas dúbidas cos expertos participantes tanto no congreso como nos conversatorios especializados en turismo de saúde.
O acto de clausura, dirixido polo director de Termatalia, contou coa participación dos socios estratéxicos desta edición en Colombia: o Fontur, Cotelco, a Gobernación de Boyacá e a Alcaldía de Paipa. Todos eles mostraron a súa satisfacción polos resultados obtidos e mostraron o seu agradecemento a Termatalia por converterse nunha plataforma de difusión internacional do termalismo de Colombia en xeral e de Boyacá e Paipa en particular. Coa celebración desta cita, Colombia deixa patente ademais a súa aposta polo turismo de saúde e busca xa un sitio preferente no mapa de grandes destinos termais internacionais. Durante esta xornada de clausura, Termatalia foi distinguida como un dos eventos relacionados co turismo de saúde máis importantes do mundo. Este recoñecemento foi entregado pola Asociación Latinoamericana de Spa, ALTSPA, que tamén recoñeceu a historia vinculada ao turismo de saúde do Hotel Sochagota de Paipa que foi tamén a sede do evento.
Tamén durante o día de hoxe iniciouse o protocolo de irmandamento entre a cidade termal de Paipa (Boyacá – Colombia) e a cidade termal de Serrezuela (Córdoba – Arxentina). A estes excelentes datos de participación nunha edición celebrada en América, hai que sumar a participación dos máis de 1.000 veciños que saíron á rúa para recibir a Termatalia a tarde da súa xornada inaugural. O acto oficial de Termatalia Colombia 2025, tamén transmitido por streaming, obtivo máis de 10.000 visualizacións. Estas cifras deixan patente o involucramento dos veciños de Paipa con todo o relacionado co termalismo, o principal recurso turístico deste municipio.
Conclúe así a sexta edición de Termatalia en América. A de 2026 celebrarase na súa sede habitual cando se celebra en España, a cidade de Ourense. A edición de 2027 volverá ser no estranxeiro e os países que queiran optar a ser sede da mesma xa poden presentar as súas candidaturas. Durante esta edición colombiana, Expourense recolleu xa a postulación de Costa Rica que conta co apoio tanto das institucións públicas que xestionan o turismo neste país, como do empresariado termal. Unha ducia de representantes institucionais e empresarios desprazáronse ata Paipa para presentar formalmente a candidatura.
Termatalia Colombia 2025 estivo organizada por Expourense coa colaboración de entidades nacionais como Fontur (Fondo Nacional de Turismo), Cotelco (Asociación Hostaleira e Turística de Colombia) e Procolombia e co apoio dos anfitrións locais entre os que destacaron a Gobernación de Boyacá e a Alcaldía de Paipa. Como proxecto internacional nacido en Galicia, conta tamén co soporte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.