Coincidindo co segundo paro que tivo lugar hoxe e que rexistrou tamén un amplo seguimento, centos de traballadores/as mobilizáronse pola cidade
Ourense, 16 de outubro de 2025.
A CIG e a UGT anunciaron hoxe a convocatoria de tres novas xornadas de folga no siderometal ourensán para os vindeiros días 28, 29 e 30 de outubro para reclamar un convenio colectivo provincial digno. Coincidindo co segundo paro que tivo lugar hoxe e que rexistrou ao igual que no día de onte un seguimento moi amplo, centros de persoas traballadoras percorreron en manifestación o centro da cidade dende a Casa Sindical até a Confederación Empresarial de Ourense (CEO).
Deste xeito o persoal do sector dá un paso máis na loita para reclamar unha mellora das condicións de traballo ante o bloqueo das negociacións por parte da patronal, que insiste en propostas regresivas que contemplan unha suba salarial insuficiente e un aumento da xornada laboral. “Valoramos moi positivamente a resposta das persoas traballadoras do sector, que nestas dúas xornadas de folga amosaron a súa capacidade de mobilización e o seu compromiso coa defensa dunhas condicións dignas, pero é hora de ir un paso máis alá e de levar adiante novos paros”, sinala o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.
O responsábel sindical adiantou tamén que as centrais preparan tamén outras protestas antes de que se fagan efectivas as seguintes xornadas de folga, comezando este mesmo sábado día 18 cunha concentración diante de Expourense ás 11:00 horas coincidindo coa celebración do Salón do Automóbil.
Ao tempo que insistiu en que coa súa actitude e as súas propostas o empresariado busca unicamente confrontación, “ao igual que aconteceu na negociación do anterior convenio”. Mais a parte social, nun intento de desbloquear as conversas, achegou unha contraoferta o pasado 8 de xullo que non foi respondida até o 1 de setembro.
Na súa resposta a patronal remítese á proposta do 21 de maio, que contempla un convenio a tres anos (2025, 2026 e 2027) cunha suba salarial total do 7,5% máis unhas pequenas cantidades dun plus de asistencia nos dous últimos anos. “Non queremos plus de asistencia efectiva, o que queremos é incremento do salario base e carencia de incentivos”, detallou.
En canto á actualización de soldos, o empresariado pretende que a cláusula IPC se aplique se a suma do IPC dos tres anos supera o 9,5%. Neste caso a actualización a táboas sería dun máximo de tres puntos. Ademais, propón un día máis de traballo anual que en 2024.
As centrais, pola súa banda, apostan por un convenio a dous anos cun incremento de soldos de 100 euros ao mes en 2025 e da mesma cantidade en 2026, así como pola actualización anual a IPC real sen topes. E por unha xornada anual de 1712 horas.
O siderometal de Ourense convoca novas xornadas de folga os días 28, 29 e 30 de outubro
----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE
---------------------------------------------------------------------------------------------------