
O Concello do Carballiño impulsa do 19 ao 23 de novembro o Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga, que se consolida na súa segunda edición despois da renovación da proposta en 2024. “Este é un ano importantísimo porque ademais de continuar, consolidouse un novo modelo que foi un auténtico éxito en 2024. O novo festival internacional no que se transformou as Xociviga é un motivo de orgullo”, apuntou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación oficial da cita. Nese sentido, o edil destacou o traballo dos irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy, artífices da renovación e directores artísticos do actual festival.
O éxito de 2024 tradúcese nas máis de 1.000 curtas recibidas desde a apertura da convocatoria desta nova edición, así como na crecente proxección internacional da cita cultural. “Esta nova etapa consolídase coa forza, coa intención de seguir medrando e co respaldo dun público que respondeu moi positivamente a este cambio”, resaltou Mario Fernández Filloy.
O público poderá desfrutar do 19 ao 23 de novembro no Auditorio Manuel María de producións audiovisuais de 22 nacionalidades distintas, desde Francia a China, Exipto ou Indonesia. “Teremos unha estrea mundial, estrearemos 18 curtas internacionais que se verán por primeira vez en Galicia e 4 que se verán por primeira vez en España”, detallou Mario Fernández Filloy. A estrea mundial, que se desvelará proximamente, terá lugar o día da inauguración, o mércores 19.
Catro seccións
O festival conta con catro seccións: Xentes, Xénese, Infantil e Videoclip. “O primeiro bloque, o máis grande, é a sección oficial internacional Xentes, na que se combinan 22 curtametraxes internacionais con 4 galegas”, indicou Daniel Fernández Filloy. As propostas inclúen estilos variados e linguaxes innovadoras. “O xurado profesional otorgará o premio Xentes, valorado en 1.500 euros”, engadiu. As catro curtas galegas, por outra banda, tamén optan ao premio Xentes de aquí, valorado en 1.000 euros.
“A sección Xénese dá cabida a curtas realizadas por menores de 30 anos do territorio peninsular, quen nos presentarán novas formas de facer cinema, de narrar e mesmo de imaxinar o mundo”, explicou. Neste caso será un xurado novo o que entregue o galardón de 500 euros á mellor curtametraxe e o galardón de 500 euros á mellor dirección de fotografía xove.
A sección Videoclip, pola súa parte, inclúe videoclips galegos que o público poderá votar polas redes sociais. O galardón á mellor produción é de 300 euros. “Este ano colaboramos cos centros educativos, polo que temos unha sección Infantil que reúne curtas de temáticas divertidas que apostan pola sensibilidade, o humor e a emoción como ferramentas para educar e entreter”, sinalou Daniel Fernández Filloy.
O público, ademais, poderá votar tras cada sesión para decidir o Premio do Público, valorado en 500 euros en metálico. “O sistema de votación que implementamos o ano pasado resultou moi enriquecedor e permitía coñecer en tempo real a opinión da audiencia. Sorprendeunos moito a alta nota media das votacións, sinal de que a selección foi moi ben recibida”, valorou Mario Fernández Filloy.
Una das novidades desta nova edición é un obradoiro infantil de foley e dobraxe, no que os nenos e nenas poderán descubrir como se fan os sons e como se dobran os diálogos nas producións audiovisuais. A actividade, dirixida a rapaces e rapazas de 7 a 12 anos, levarase a cabo o sábado 15 de novembro.

















