A Casa Artesanía de Galicia de Ribadavia será o escenario, os días 3, 4 e 5 de abril, dunha nova proposta para achegar a artesanía ao público a través de obradoiros participativos e accesibles. A iniciativa, impulsada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia no marco do proxecto Vilas Vivas, ofrece tres actividades abertas, gratuítas e dirixidas a todos os públicos, sen necesidade de inscrición previa.
Os obradoiros estarán impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, do proxecto Peixesapop, e permitirán ás persoas asistentes iniciarse en diferentes técnicas artesanais de maneira práctica e creativa. A programación comezará o venres 3 de abril cun obradoiro de gyotaku en saquetas, unha técnica de estampación de orixe xaponesa, que se desenvolverá en dúas quendas: de 11,00 a 13,30 horas e de 17,00 a 20,00 horas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O sábado 4 de abril será a quenda dun obradoiro de iniciación ao traballo en coiro, tamén en horario de mañá e tarde, no que os participantes poderán coñecer as bases deste material tradicional.
Finalmente, o domingo 5 de abril terá lugar un obradoiro de marmoleado aplicado a un neceser, unha técnica decorativa que permite crear pezas únicas a través de patróns de cor.
Todas as actividades celebraranse na Casa Artesanía de Galicia (Rúa Banda da Lira, 2 – 1º andar), en Ribadavia.
Esta proposta forma parte do programa Vilas Vivas, unha iniciativa que busca dinamizar o territorio a través da artesanía, fomentando o contacto directo entre artesáns e cidadanía e promovendo o valor cultural e creativo do feito a man.

















