O Concello do Carballiño vén de formalizar a adquisición dun solar de 2.211 metros cadrados situado entre a rúa dos Carboeiros e a avenida de Pontevedra (N-541), con fachada a ambos viais. É unha actuación estratéxica destinada a favorecer a construción de vivenda de promoción pública no municipio.
Trátase dunha parcela cunha localización privilexiada, con acceso por dúas vías e unhas características urbanísticas que permiten o desenvolvemento dun edificio de baixo máis cinco alturas. Esto traducirase en arredor de medio cento de vivendas de promoción pública, contribuíndo a dar resposta á crecente demanda de vivenda accesible existente no municipio.
A adquisición deste solo representa un paso decisivo para ampliar a oferta de vivenda protexida no Carballiño e facilitar o acceso a un fogar a prezos asumibles, ao tempo que se promove o asentamento de poboación e se impulsa o desenvolvemento urbano da vila, tal e como explica o alcalde en funcións da vila, José Castro-Gil.
O goberno local da responde así a unha das súas prioridades, que é incrementar a vivenda de promoción pública como forma de facilitar o acceso á mesma. Como en outros moitos lugares, no Carballiño existe neste momento un problema de insuficiencia de vivenda, o que unido á evolución dos prezos do mercado inmobiliario poñía de manifesto a necesidade dunha iniciativa deste tipo.
O seguinte paso será a cesión inmediata á Xunta de Galicia para a execución da actuación. A xustificación da compra atópase en que non existen no patrimonio municipal outros chans dispoñibles como características equivalentes que permitan atender dita necesidade, segundo consta na resolución de Alcaldía subscrita por José Castro-Gil.
A parcela en cuestión está no coñecido como barrio do Cornuval ou Canteiros. Actualmente inclúe unha pequena edificación duns 70 metros cadrados aínda que conta cunha edificabilidade de baixo máis cinco alturas. O prezo de adquisición por parte do Concello foi de 48.960 euros, máis IVE.
Será a primeira promoción completa de vivendas de promoción pública de nova planta construídas no Carballiño desde hai máis de 20 anos. As últimas datan de finais da década dos 90 e principios dos 2000, concretamente na Avenida de Compostela.

















