A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta denunciou hoxe que, en pleno mes de agosto, cando Galicia enfronta “o momento de maior risco” de incendios forestais, “miles de hectáreas continúan sen as actuacións preventivas que a propia Xunta consideraba imprescindibles”. A parlamentaria socialista recordou que, despois da vaga de lumes de 2025, “Rueda comprometeuse a reforzar a prevención e a garantir a limpeza das faixas secundarias de protección dos concellos de menos de 10.000 habitantes”. “Pero ese compromiso quedou nun mero anuncio”, criticou.
Dacosta sinalou os “demoledores” datos oficiais dispoñibles a día de hoxe: “Cando comezaba a época de alto risco, das 276 parroquias priorizadas, que a Xunta consideraba que deberan ter unha especial protección, 206 seguían sen ter executados os traballos de xestión de biomasa”. É dicir, só se actuara en 70, de modo que aínda non se fixera nada en arredor do 75 % deses terreos.
En relación con isto, chamou a atención sobre o feito de que, a día de hoxe, “a Xunta segue sen explicar cantas desas actuacións continúan pendentes”. “Estamos falando da protección de persoas, de vivendas e dos nosos pobos, porque cada faixa sen limpar é unha oportunidade máis para que un incendio poña en perigo persoas en bens”, alertou.
Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle, por iso, ao Goberno de Rueda “que actúe de maneira inmediata, que mobilice todos os medios necesarios para rematar as actuacións pendentes e que informe con total transparencia do grao de execución” deses traballos.
“A prevención non pode chegar cando o lume xa está enriba”
Insistiu tamén en que “a prevención non pode chegar cando o lume xa está enriba; ten que facerse antes”, e advertiu que, chegado agosto, “cada día perdido aumenta o risco”.
Ante esta situación, o Grupo Socialista no Parlamento de Galicia ten rexistrada unha batería de iniciativas a través das que se lle esixe á Xunta que garanta a xestión adecuada da biomasa nas faixas secundarias cos concellos de menos de 10.000 habitantes, que revise en colaboración coa Fegamp o convenio que mantén coa empresa pública Seaga para garantir un sistema máis eficaz, que no futuro execute antes do 31 de maio as actuacións nas parroquias priorizadas, que estableza un sistema público de planificación e seguimento dos traballos e que antes de cada época de alto risco informe ao Parlamento da situación na que se atopa a xestión da biomasa nas devanditas parroquias priorizadas.
Estas demandas veñen motivadas polo incumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno galego. Tal como recolle o texto das iniciativas promovidas polo Grupo Socialista, tras os incendios do ano pasado, o propio Rueda anunciou na Cámara autonómica un cambio de modelo, polo que a Administración galega asumiría a xestión da biomasa nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Mais, en vez de facelo, impulsou un novo convenio coa empresa pública Seaga “para a consolidación do sistema de xestión da biomasa nas faixas secundarias”. Ese convenio permite a propietarios contratar a limpeza con Seaga, mentres que a Xunta debe coordinar a planificación das actuacións cos concellos adheridos, co que se debía garantir que os traballos estivesen concluídos antes do 31 de maio.
Durante a negociación do convenio, a Fegamp xa advertiu que a proposta do Goberno galego non garantía un modelo eficaz e sinalou a insuficiencia dos medios previstos, a falta de transparencia orzamentaria, a imposición unilateral de determinados criterios poboacionais e a utilización do Fondo de Cooperación Local como mecanismo de presión sobre os municipios. A esa crítica sumáronse alcaldes e alcaldesas de distinto signo político, que coincidiron en cualificar o convenio como insuficiente e ineficaz.
Ademais destas eivas, moitos concellos advertiron de graves problemas na tramitación, con incidencias na plataforma informática e ausencia de resposta por parte de Seaga. Algunhas administracións locais, malia ter trasladado toda a documentación requirida, seguían sen recibir ningunha actuación semanas despois.

















