- Na súa estadía no centro, o delegado territorial referiuse á partida destinada ao eido educativo dos novos orzamentos que inclúe un investimento total de 15,6M€ destinados a executar obras na provincia de Ourense
- Manuel Pardo destacou que os Orzamentos de 2025 permiten afrontar retos como a maior modernización do sistema educativo que iniciamos este curso e que vai continuar nos próximos anos ou a matrícula universitaria gratuíta e unha intensa aposta polo I+D+i galego
- As obras que se desenvolveron neste centro educativo consistiron; na fachada posterior, na reconstrución dun novo muro de formigón armado dotado de malla electrosoldada e postes de suxeición (22.216€); e na zona da fachada principal, na retirada do muro de ladrillo, aproveitando o valado tipo hércules existente (25.820€)
Ourense, 13 de decembro de 2024.- O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá o remate de distintas obras que se levaron a cabo no CEIP Rodolfo Núñez Rodríguez de Vilardevós nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional investiu máis de 48.000€.
Na súa estadía no centro, o delegado territorial referiuse á partida destinada ao eido educativo dos novos orzamentos que inclúe un investimento total de 15,6€ destinados a executar obras na provincia de Ourense. Compre logo dunha década de posta en marcha de proxectos específicos, dar un salto cualitativo cara a excelencia, e os orzamentos deste ano, en palabras de Manuel Pardo, “proporcionan as ferramentas para acadar este reto, como a Estratexia de Educación Dixital 2030, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Plan de Linguas, o Plan de modernización da FP ou a Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade para os vindeiros anos”.
Manuel Pardo destacou que os Orzamentos de 2025 permiten afrontar retos como a maior modernización do sistema educativo que iniciamos este curso e que vai continuar nos próximos anos ou a matrícula universitaria gratuíta e unha intensa aposta polo I+D+i galego; no ensino, mellores rateos, máis profesores a pesares da baixa do alumnado, máis atención ao alumnado con necesidades especiais, máis coidado do rural e mellor carreira profesional docente; e na ciencia, máis investigación e apoio ao talento que se fai desde as universidades e os centros tecnolóxicos.
Tamén lembrou que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implante a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”; e subliñou outras novidades para este novo curso como o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20%, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais.
Entre as actuacións máis destacadas, o representante do Goberno galego salientou o novo IES do Pereiro de Aguiar (9,5M€); a ampliación do CIFP A Farixa (970.000€) e a ampliación do IES Manuel Chamoso Lamas (2,4M€) e puxo énfase no investimento de 3,3M€ na acreditación de excelencia do Campus Auga da Universidade de Vigo.
As actuacións no CEIP Rodolfo Núñez Rodríguez
Reunión coa alcaldesa
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no concello para manter un encontro coa alcaldesa Eva María Pérez e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.
Manuel Pardo trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello”.