A Xunta aproba inicialmente o Plan Básico Municipal do Concello de San Amaro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta vén de aprobar de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) do concello de San Amaro para dotar o municipio ourensán dun instrumento eficaz de ordenación do territorio. A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, informou hoxe ao alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica. Tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.

O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 1.040 habitantes, clasifica un total de 62 núcleos rurais, repartidos en 8 parroquias. Deles, 46 son tradicionais, 7 comúns e 9 combinan partes tradicionais e comúns. Ademais o Plan tamén contempla un total de 160 elementos de patrimonio cultural. Deles, 19 son bens etnolóxicos catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC); e entre os Bens Catalogados (CAT) hai 27 arqueolóxicos, 43 arquitectónicos e 71 etnolóxicos.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamentos xerais. O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.

Na actualidade, hai cinco PBM aprobados definitivamente: Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín, O Páramo e Alfoz. Tamén hai 15 PBM con aprobación inicial, ademais de San Amaro. Son os de San Cristovo de Cea, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río, Guntín, Punxín, Dozón, Viana do Bolo, Lobeira, Beariz, Negueira de Muñiz e Samos. Ademais hai outro plan pendente de aprobación inicial, Antas de Ulla, e outros tres para os que se está redactando o borrador.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------