A rehabilitación dun inmoble no casco histórico de Ribadavia permitirá construir cinco novas vivendas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta comeza a rehabilitación dun inmoble no Casco Vello de Ribadavia, que supón un investimento autonómico de 1,8M€ e acadará 5 vivendas de promoción pública. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na compaña do alcalde, César Fernández, visitou hoxe o inicio destas obras nun inmoble situado na praza García Boente, que en pouco máis dun ano estarán rematadas.

A conselleira puxo en valor o esforzo económico da Xunta, que xa licitara as obras en 2024 e ao quedar deserta, subiuse case un 60% o importe para que resultase máis atractiva para o sector. Fixo fincapé en que esta intervención se executa ao abeiro do programa Rexurbe da Xunta, co que se recuperan inmobles en estado de abandono ou semiabandono en centros históricos para logo ofrecelos en alugueiro accesible.

María Martínez sinalou que as vivendas froito destas rehabilitacións se ofrecerán como alugueiros taxados ás persoas inscritas no Rexistro de demandantes. Remarcou que este programa autonómico ten un dobre obxectivo: por unha parte, achegar ás familias vivendas dignas e a prezo accesible; e por outra parte, revitalizar zonas históricas.

Tamén salientou que este edificio de Ribadavia ten parte dos seus muros sobre a muralla medieval do século XII. Neste sentido, trátase está a desenvolverse unha proposta arquitectónica que respecta a  singularidade deste inmoble. Puxo o acento en “conservar as pegadas da historia en Ribadavia, que foi declarado BIC no ano 1947 ; e área de rehabilitación no ano 1999”. Engadiu que tamén hai outra área de rehabilitación integral declarada en San Cristovo en 2008.

Lembrou que o Goberno galego destinou dende 2019 preto de 5M€ de orzamento a ambas áreas para renovación de vivendas particulares e actuacións de rexeneración urbana. Ademais, por outra parte, no concello de Ribadavia un total de 6 mozos xa mercaron a súa primeira vivenda gracias á liña de axudas da Xunta destinada a menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Peticións de Ribeiro en Común

Con respecto á política de vivenda desenvolta pola Xunta en Ribadavia, o grupo municipal de Ribeiro en Común trasladou á Conselleira de Vivenda as seguintes peticións:

1.- A necesidade de promoción de vivenda pública en Ribadavia é unha urxencia social, que se acelerou nos últimos anos. Nese sentido, xa propuxeron a adquisición de solar para promoción de vivenda pública, e solo dotacional no barrio se San Lázaro, na estrada entre Filgueira e Francelos, e a compra de dous inmobles construídos e inacabados para destinalos a vivenda pública nas rúsa Banda A Lira (Barrio de San Xoán) e Otero Pedrayo (Barrio dos Chalés).

2.- A necesidade de que o IGVS continúe coa rehabilitación dos inmobles adquiridos nestes cinco anos, na Praza de San Xoán e nas rúas Santiago, Portanova de Abaixo e Portanova de Arriba, e anteriormente na rúa das Adegas (Cervantes).

3.- Unha vez se cumpran estes obxectivos, sería o momento de pensar en continuar mercando novos inmobles no casco histórico para a súa rehabilitación, pero antes deberían estar rematados os xa adquiridos. Cabe lembrar que para este obxectivo, en xaneiro de 2023, o Concello realizou e aprobou o Plan de Dinamización do Programa Rexurbe de Ribadavia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------