Ourense, 17 de novembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego de Ourense presentou a súa campaña para o 25 de novembro nun acto encabezado pola deputada Noa Presas, quen subliñou a necesidade urxente de reforzar os servizos públicos e o feminismo como ferramentas imprescindibles para combater a violencia machista.
“No BNG queremos poñer o acento nun problema moi grave: a Xunta de Galiza está privatizando todos os servizos que pode e que teñen que ver coa atención ás vítimas de violencia machista”, afirmou Presas. A deputada lembrou que o Goberno galego “privatizou os centros de crise 24 horas para mulleres vítimas de violencia sexual, privatizou a rede de acollemento e agora acaba de anunciar tamén a privatización dos futuros CIM móbiles”.
Ante esta situación, o BNG denuncia que “é algo que non podemos tolerar” e reclama con firmeza que estes recursos “sexan servizos públicos, cun reforzo real da atención psicolóxica, da asistencia nos xulgados e doutras áreas fundamentais no acompañamento ás vítimas”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Presas incidiu ademais en que “en tempos de cuestionamento e negacionismo cómpre máis feminismo contra a violencia machista”, polo que o Bloque chama á mobilización neste 25N.
“O 25 de novembro estaremos nas rúas, da man do feminismo galego de base, berrando alto e claro: contra a violencia machista, ningún paso atrás!”, concluíu a deputada.
Acto 19 de novembro no Carballiño
Dentro do marco desta campaña, o mércores 19 de novembro celebrarase na Casa da Cultura do Carballiño un acto no que se proxectará o filme documental: “Tódalas mulleres que coñezo”. Seguido dun faladoiro no que participarán Xiana Teixeiro, directora do filme; Antía Pousa, Xeracción S. Coop Galega e Fátima Gómez, compoñente da Agrupación AMICA do Carballiño.
















