A Deputación foi recoñecida cunha distinción de ouro “pola posta a disposición de tódolos medios e recursos de obra pública”, así como polo seu papel na xestión e mobilización dos parques de bombeiros do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense
O presidente provincial puxo en valor o papel dos voluntarios durante a vaga de lumes que asolou a provincia este verán
Entregáronse un total de 61 condecoracións: entre elas, premiouse o papel do CECOP durante a vaga de lumes, así como aos voluntarios que colaboraron no rescate de brigadistas feridos en Oímbra
Ourense, 5 de decembro de 2025.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe no acto de entrega de Medallas ao Mérito de Protección Civil, organizadas pola Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Potección civil ( AVPC). Menor destacou o papel deste colectivo durante a vaga de lumes, así como o seu espírito “colaborador, de esforzo e voluntariedade”. Precisamente o acto, no que se outorgaron 61 condecoracións, enmarcouse este ano no Día Internacional do Voluntariado.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Nesta edición, a asociación provincial da Protección Civil, puxo en valor o “incansable traballo” dos voluntarios durante a vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense durante o verán de 2025. Neste sentido, Menor resaltou o papel do CECOP como centro de coordinación para loitar contra os lumes e reiterou o seu agradecemento aos voluntarios da Protección Civil por estar “a plena disposición” do dispositivo de emerxencia.
Menor recibiu, como presidente da Deputación de Ourense, unha das 15 condecoracións de ouro outorgadas a tódolos organismos que formaron parte do CECOP durante a vaga de lumes, onde a institución provincial participou activamente con medios humanos e técnicos.
A asociación de Protección Civil recoñécelle á Deputación de Ourense a súa “posta a disposición de tódolos medios e recursos de obra pública” da institución e, especialmente, a xestión e mobilización dos parques de bombeiros do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense
“Temos equipos humanos de referencia na xestión de catástrofes. Equipos humanos que se deixan a pel, sen os que sería imposible paliar os danos dunha traxedia como son os incendios”, sinalou o presidente provincial durante a súa intervención.
Ademais, Menor foi o encargado de entregar unha das cinco distincións de prata, neste caso á agrupación de voluntarios de A Pobra de Trives. Tamén recibiron medallas de prata polo seu labor as agrupacións de Manzaneda, Parada de Sil, Viana do Bolo e Vilardevós.
Recoñecemento para o rescate dos brigadistas feridos en Oímbra
Ademais de 12 medallas de ouro aos organismos do CECOP e as cinco de prata, entregáronse tres condecoracións de ouro aos voluntarios de Protección Civil da agrupación de Verín, que colaboraron no rescate dos brigadistas feridos de Oímbra.
Ademais, 41 voluntarios de Protección Civil na provincia recibiron 41 medallas de bronce a título individual.

















