O grupo de Ribeiro en Común vén de manifestar que “a xunta de goberno local de Ribadavia non se reúne desde o pasado 7 de novembro, hai máis de dous meses e medio. O que explica moitas das cousas que están a pasar en Ribadavia, ou máis ben non pasar, onde falla a presenza do Concello, desde a captación de investimentos e presentación de proxectos ata a xestión diraria dun goberno, como é o cumprimento das normas de tráfico, limpeza, pequenas reparacións ou a execución de obras que estaban aprobadas hai moitos meses”.
Ao respecto, lembran que “esta falta de actividade tamén se reflexa en que o goberno aínda fora capaz de plantear uns orzamentos municipais, cando no seu día anunciaron que serían aprobados antes de rematar o 2025”. Engaden que “diante desta situación de deixadez, con uns orzamento que non irán a Pleno ata o mes de febreiro, cun alcalde ausente ou de viaxe, cunha alcaldía que está máis en actos culturais da Deputación que no Concello, non é de extrañar esta ausencia de actividade política do goberno municipal”



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
.
“A paradoxa dun goberno que presumía de ser o máis numeroso da historia, con maioría absoluta, e sen embargo demostra ser o de menor actividade que se recorda”, apuntan dende Ribeiro en Común. En consecuencia, suliñan que “diante desta inacción de goberno”, presentaron nas comisións informativas tres mocións para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro xoves:
A primeira está referida a solicitar que o Concello de Ribadavia inclúa nos orzamentos de 2026 os verdadeiros problemas de Ribadavia: Concretamente, a creación de “máis traballo, unha partida para a mellora e ampliación do polígono industrial, en coordinación e cooperación coa Consellaría de Economía e Industria, e as súas axudas para a mellora de infraestruturas en parques empresariais”. Tamén piden “máis vivenda, cunha partida suficiente para a adquisición de solo destinado a promoción pública de vivenda, a través do IGVS”, e, finalmente, a consignación doutra partida “que permita baixar as taxas dos servizos sociais do Concello: servizo de asistencia no fogar, xantar na casa e conciliación familiar”.
Na segunda moción, Ribeiro en Comón reclama que “o Concello redacte e aprobe o Plan Director de San Xés, que debe autorizar Dirección de Patrimonio Cultural da Xunta, como paso previo a rehabilitación e mellora do seu entorno”, e, na terceira e última, solicitan que “o Concello destine os fondos 2026 da Deputación á creación dun parque infantil cuberto”.
















