O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez anunciou hoxe no Carballiño a organización dunha gran pulpada en Bruxelas. “Para que non volvan a dubidar nunca máis de como se come o polbo na nosa terra, Galicia”, dixo, en referencia ao polémico suceso que lle aconteceu hai unhas semanas no comedor do Parlamento Europeo, cando denunciou que vendesen como “polbo á galega” un prato que non se parecía en nada á receita tradicional.
Así o manifestou nun encontro con membros da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, na que participaron tamén o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, a secretaria xeral provincial, Sandra Quintas, e o portavoz do PP local, José Castro.
O representante lalinense explicou que a pulpada, á que estarán invitados os eurodeputados e eurodeputadas, se celebrará esta primavera na capital belga, a onde se desprazarán un grupo de polbeiros e polbeiras de Carballiño, “o lugar máis icónico” deste produto, para que tamén se reúnan cos responsables do cátering do Parlamento “e lles ensinen como o preparamos os galegos”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
En referencia ao prato que lle serviron a Adrián Vázquez na Eurocámara como “polbo á feira” e que criticou nas súas redes sociais, sinalou: “A nosa denuncia ía en serio. Non se pode vender, nun escaparate internacional tan concorrido como o cátering do Parlamento Europeo, catro argolas de lura con patacas, cebola e brócoli, como se iso fora polbo á galega”.
Tamén reivindicou que esta “anécdota” sirva igualmente para reivindicar as axudas europeas ao sector pesqueiro e a eliminación das trabas burocráticas que “están afogando á xente do mar”.
Pola súa banda, Luis Menor tildou de “desagravio e adefesio” o menú presentado en Bruxelas e que “restou valor a unha tradición centenaria, que forma parte da nosa cultura gastronómica e ten recoñecida á Festa do Polbo de Carballiño como de Interese Turístico Internacional”. Ademais, sinalou a importancia que ten para a vila e para a súa economía a promoción deste produto.
Menor puxo en valor o “apego á terra” do eurodeputado á hora de “defender os intereses de Galicia e, neste caso, do Carballiño, en Europa”, polo que reivindicou o voto popular en Bruxelas. Criticou que as outras forzas políticas “non se mollan como se molla o PP” en cuestións de relevancia para os galegos, como é o caso da promoción dos produtos gastronómicos.
Por último, José Castro destacou a importancia do anuncio de Adrián Vázquez para “poñer en valor o polbo de Carballiño e que a xente saiba o que é o polbo á galega”. Ademais, agradeceu a presenza do eurodeputado e do presidente provincial na vila do Arenteiro.
















