Cine Club rende homenaxe ao director David Lynch cun ciclo de tres filmes no programa ‘Filmoteca de Galicia’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cine Club Carballiño adicará nos vindeiros meses de marzo e abril unha homenaxe ao director estadounidense David Lynch cunha escolma de tres das súas mellores películas, en colaboración coa programación da ‘Filmoteca de Galicia’.

Falecido fai pouco máis dun ano (o 15 de xaneiro de 2025), David Lynch é sen dúbida un dos grandes directores dos últimos 50 anos. Dende o seu debut con “Eraserhead” no ano 1977, a súa carreira está chea de grandes filmes, unha boa morea de curtametraxes e varias series de televisión, onde destaca sen dúbida a mítica “Twin peaks” dos anos 90. Nomeado en tres ocasións aos premios Oscar como mellor director (que nunca acadou) as súas películas foron creando pouco a pouco un estilo claramente definido e conseguindo a ceptación dun público cada vez máis maioritario, así como o aplauso de unha grande parte da crítica.

Dende o Cine Club Carballiño deciden facerlle “unha pequena homenaxe en colaboración coa programación da Filmoteca de Galicia, escollendo tres das súas obras máis aclamadas (e tamén as nosas favoritas dentro da súa filmografía)”. As tres, consideradas por moitos como tres obras mestras.

O ciclo comezarás con “Terciopelo azul”, do ano 1986, que lle valeu a Lynch a súa primeira nominación como mellor director nos Premios Oscar. Unha película onde Lynch emprega xa os seus habituais recursos e historias de cine negro impregnadas de intriga e misterio que caracterizarán unha boa parte da súa obra.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O segundo filme escollido foi o grande éxito de Lynch, cunha historia que se escapa do seu universo habitual para convertirse nunha das películas máis fermosas e emotivas dos anos 90, con esceas que xa están por mérito propio na historia do cinema. “Unha historia verdadeira” é unha delicia, como dixo Boyero, “un regalo impagable a los espectadores y a la historia del cine”.

E pecharase este ciclo cunha película de comezos do século XXI, “Mulholland drive”, coa que gañou a Palma de Ouro á mellor dirección no Festival de Cannes de 2001, e onde volve aos esquemas xa clásicos do seu cinema, cunha historia enigmática e perturbadora.

As datas de proxección serán os domingos  1 e 22 de marzo e o domingo 12 de abril, sempre ás 19,00 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño, co prezo das entradas a 3 euros.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------