O castelo de San José, en Lanzarote, é o escenario elixido para a presentación, este vindeiro luns, 8 de xuño, da ‘Festa do Pulpo do Carballiño’, que nesta 64ª edición está adicada á comunidade desta illa canaria. O acto comezará ás 12,00 horas (13,00 h no horario galego) e contará coa presenza do presidente do Cabildo de Lanzarote, Oswaldo Betancourt; o conselleiro dos Centros de Arte, Cultura e Turismo, Ángel Vázquez; o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, e o concelleiro delegado de Turismo e Industria, Manuel Dacal.
O Concello do Carballiño escolleu Lanzarote como protagonista do evento gastronómico da vila do Arenteiro, que se celebrará o domingo 9 de agosto, debido ao seu especial vínculo co Carballiño, nun guiño á comunidade canaria, que acolleu a moita emigración carballiñesa. “Tanto Lanzarote como O Carballiño reivindicamos a calidade da cociña atlántica, dos produtos do mar e da terra. As nosas pulpeiras participaron varios anos no festival enogastronómico ‘Saborea Lanzarote’, sempre cunha moi boa resposta por parte da organización e do público”, apuntou Manuel Dacal.
A colaboración tamén busca abrir novas oportunidades de cooperación entre ambos territorios e converter a gastronomía nunha ferramenta para o diálogo, o intercambio e a proxección conxunta. Ademais, o conselleiro Ángel Vázquez naceu no Carballiño e mantén unha importante relación coa vila do Arenteiro.
Nos seus 63 anos de historia, a Festa do Pulpo do Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional, foi adicada a diversos lugares, institucións e colectivos vinculados á vila, á súa historia e á súa veciñanza. A pasada edición, o goberno local escolleu a cidade italiana de Noventa Padovana, irmandada co Carballiño e onde tamén se celebra unha gran festa anual protagonizada polo pulpo. Asturias, o Centro Partido de Carballiño en Buenos Aires, o Mosteiro de Oseira, as pulpeiras de Arcos, os centros galegos no mundo, Portugal, México, Euskadi ou os emigrantes en Alemaña son algúns exemplos das homenaxes realizadas polo festexo gastronómico nas últimas décadas.

















