O Centro de Estudios Chamoso Lamas bota unha ollada cara O Ribeiro no seu 14º congreso, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de outubro en Cabanelas

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O ‘XIV Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas’ presenta como título “O Ribeiro. A cultura do viño, patrimonio, territorio e xentes”, centrando os seus contidos nos recursos naturais e etnográficos, a historia, o clima e o potencial de futuro que posúe a comarca vitivinícola. O evento celebrarase os días 2, 3 e 4 de outubro na Casa da Bexanca, sede social do colectivo de investigadores na localidade carballiñesa de Cabanelas. O congreso foi presentado esta mañá na Casa do Concello do Carballiño, coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o presidente do Centro de Estudios, Carlos Rodríguez, que estivo acompañado por Alicia González e Miguel García, directivos da asociación.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Diego Fernández salientou a traxectoria do Centro de Estudios, “cun traballo deste grupo de investigadores que nos permite coñecer a historia do Carballiño e O Ribeiro e a recuperación e posta en valor deses pobos de Cabanelas, Barón e Banga”. “Hai que felicitalos porque é un auténtico luxo a tarefa dos seus investigadores, polo que animo á xente e estudantado do Carballiño a que asista a este congreso”, apuntou o concelleiro.

Carlos Rodríguez destacou “o gran esforzo que supón a organización dun congreso que ten carácter bianual e que estará centrado na cultura do viño, e para que xa abrimos hoxe a prazo de inscrición na nosa páxina web, no que calquera persoa pode anotarse só cubrindo os datos que figuran alí”. Un total de 25 comunicacións e ponencias, dúas conferencias, un debate e un roteiro pola comarca do Ribeiro, ademais de proxeccións audiovisuais, integran o contido das tres xornadas congresuais, que contan coa colaboración da Universidade de Vigo, que concederá un crédito de 25 horas ao estudantado pola súa participación.

O presidente do Centro de Estudios avanzou algunhas das claves interesantes desta cita, como a exposición audiovisual sobre os documentais que o historiador Carlos Montes elaborou sobre a historia da vila do Arenteiro; unha conferencia de Pablo Rodríguez, ‘Oitabén’, creador do Bosque de Ridimoas; un roteiro por Ribadavia, San Vicenzo de Avión, Pena Corneira e Amiudal, ou unha mesa de debate sobre O ribeiro, que moderará o enxeñeiro técnico carballiñés Xosé Carballido.

Por vez primeira, a Casa da Bexanca será a sede exclusiva do congreso e a organización pon a disposición dos asistentes un microbús gratuíto para desprazarse en viaxes de ida e volta entre O Carballiño e Cabanelas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------