A espectacular ‘Baixada da Pepa Loba’ centra o programa desta tarde na feira cultural e de artesanía de Flores

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A ‘Feira Festa da Pepa Loba: tradicións e buscas’ chegou hoxe a súa segunda xornada no barrio carballiñés de Flores cun programa de actividades que se iniciou á media mañá coa apertura dos postos de exposición e venda de mercadorías e a lectura de fragmentos da obra de Aurelio Miras Azor, “A mocidade da Pepa Loba”.

Xa pola tarde, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo organiza diferentes xogos populares para a cativada e público en xeral e tamén comezará o campionato mixto de brisca e Sergio Moreno impartirá un obradoiro de cestería aberto á participación do público asistente.

Un pasarrúas co Trasno Arnaldo dará paso, ás 20,00 horas, a escenificación da tradicional ‘Baixada da Pepa Loba’, coa que se recrean historias do paso da afamada bandoleira e a súa gabilla polo casco vello do Carballiño, que representarán integrantes do grupo de teatro local Dar Trela. O percorrido iniciarase na Casa do Concello e percorrerá diferentes rúas e prazas do barrio.

E mañá, domingo 13 de setembro, esta 30ª edición da feira chega a xornada de clausura, abríndose ás 11,30 horas cun pasarrúas da agrupación folclórica Feitizo de Pau, unha demostración de vellos oficios como cesteiro ou zoqueiro e un obradoiro de cerámica a cargo de Alén das Olas, una actividade que se estenderá pola tarde.

A Fonte de Flores acollerá a continuación da lectura de “A mocidade da Pepa Loba” dende as 11,45 horas, e, ao fío das 12,30 horas, celebrarase na Eira do barrio o campionato de chave nas categorías de infantil e adulto. Ás 14,30 horas terá lugar o xantar de confraternidade, a entrega dos galardóns aos gañadores dos torneos desputados e o sorteo dunha peza de artesanía.

Antes do peche da feira, previsto para as 21,00 horas, haberá outra quenda de xogos populares e Chus Otero impartirá ás 18,30 un obradoiro de estampación.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------