A opinión de Cristina Martínez Penas: “A realidade das mulleres que sobreviven en sociedades que silencian os seus dereitos”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cristina Martínez Penas Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Gañadora da VI Edición do Premio CREA 2026 (Campus CREA-UVIGO)


A Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo celebraba o pasado 5 de novembro a súa Segunda Edición do Ciclo de Cine Tempos de feminismo en plano secuencia. O acto tivo lugar no Campus de Ourense, no edificio Xurídico-Empresarial. Neste ciclo pretendese acadar entre os seus obxectivos, o uso do cinema para amosar os efectos do patriarcado sobre as mulleres e as desigualdades de xénero, así como poñer o foco nas mulleres que viven en contextos nos que os seus dereitos fundamentais e a súa liberdade están radicalmente limitados, como ocorre no Sáhara Occidental e no Afganistán. Todo isto para xerar unha reflexión colectiva e promover un cambio de mentalidade que permita facer visible a necesidade de eliminar estas diferenzas de xénero e a violencia que sofren as mulleres.

No Acto da inauguración estivo presidido pola Vicerreitora do Campus de Ourense, Montserrat Cruz, a Decana da Facultade de Relacións Internacionais, Laura Carballo, e a catedrática María Lameiras, organizadora das Xornadas e sendo o enlace de Igualdade da Facultade de Relacións Internacionais.

Neste evento proxectouse o filme Serás Hombre (Isabel de Ocampo, 2018) cunha conferencia sobre a “Construción social da masculinidade tóxica”, a cargo da súa directora. Pola tarde, tivo lugar a proxeción do documental Insumisas-Mujeres en lucha en el Sáhara (Laura Dauden e Miguel Ángel Herrera, 2023) que contou cunha charla sobre “Ser muller no Sáhara Occidental” coa intervención de Souadou Mohamed Fadel e Ana Pernas Vázquez.

A realidade das mulleres afgás foi o eixo da parte final do ciclo, coa proxección do documental Gorrións entre tulipáns. Soños rotos detrás do burka (2024), dirixido por Anna Amorós Pons, Catedrática da Facultade de Comunicación da UVIGO, e a posterior intervención da refuxiada afgá, Rahila Raya, protagonista principal do mesmo. No documental, Rahila, nada no 1998, falo da súa vida e explicou o seu proceso educativo, onde destacou o inicio da súa carreira universitaria que non puido rematar xa que, no seu último ano, a Universidade pechou en xullo de 2021 por motivos de seguridade. Ademais, comentou os duros momentos que tivo que vivir ao perder amizades en diferentes atentados sufridos na poboación afgá ao longo destes anos e a súa fuxida de Afganistán.

O seu testemuño na sala permitiu achegar ao público unha visión máis próxima da realidade que viven as mulleres e nenas no Afganistán talibán. Durante a súa participación, explicou que a súa experiencia en Afganistán estivo marcada polas diferenzas entre as zonas rurais e as grandes cidades. Segundo relatou, nas cidades existía unha maior separación entre homes e mulleres, como nas propias escolas, onde nenos e nenas acudían a clases diferentes. Pola contra, Rahila vivía nunha zona hazara, máis aberta que outras partes do país durante a súa infancia, onde moitas mulleres tiveron a oportunidade de estudar na universidade e mesmo viaxar. Porén, cando visitou unha zona de pobos pakhtunes cunha sociedade máis pechada, observou como as mulleres viaxaban nos maleteiros dos coches aínda que houbese asentos libres “porque non podían estar tan preto do condutor… porque iso era algo moi malo”.

O testemuño de Rahila permitiu coñecer máis de preto a realidade das persoas que aínda loitan por sobrevivir baixo o mandato dos talibáns, especialmente ás mulleres, que, segundo explicou, “están perdendo a súa capacidade de pensamento” ao non poder defender os seus dereitos básicos, estudar, falar en público ou incluso saír soas da casa. Para exemplificar a transformación que supuxo a chegada dos talibáns, comparou a súa situación coa da súa irmá menor, que chegou recentemente a España e que xa non tivo a oportunidade de iniciar os seus estudos en Afganistán, polo que manifestou que “a ela cústalle moito máis aprender o idioma español”.

Cando Rahila falou do proceso da súa fuxida de Afganistán explicou que “non quero simplificar as consecuencias que supuxo para os meus pais e o resto dos meus irmáns”. Describiu o proceso como longo e moi duro. Para conseguir un pasaporte tivo que viaxar a Paquistán e esperar case seis meses á intemperie antes de poder chegar a España. Segundo explicou, conseguir este tipo de documentación non é sinxelo e, mentres agardan, moitas persoas vense obrigadas a vivir de forma irregular, polo que son persoas moi vulnerables… “Coñezo persoalmente a xente que aínda está esperando desde 2021 e a outros incluso os devolvían a Afganistán”, comentou.

No momento de responder sobre o que supuxo para ela tomar a decisión de marchar, sinalou que era a súa única opción, posto que, se permanecía en Afganistán, tería que casar forzosamente e aceptar unha vida na que non sería libre. Unha decisión que tamén significou deixar atrás a súa familia e asumir as consecuencias que a súa marcha podía supoñer para o resto da súa vida. Nun intre do acto, unha emocionada Rahila, comentou que cando chegou a España “pensei que estaba experimentando demasiada liberdade”. Unha reflexión que resume o forte contraste entre a realidade marcada polas restricións dos dereitos fundamentais e a posibilidade de vivir en liberdade.

Rahila chegou a Santiago de Compostela no ano 2022 acollida polo goberno español cun permiso de residencia de “asilo de protección internacional”, como explicou Anna Amorós durante a presentación. Nesta cidade contou co apoio de moitas persoas, de membros da asociación Arraianas, de profesores da Universidade de Santiago de Compostela, así puido continuar e finalizar os seus estudos. Actualmente reside en L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona), onde se trasladou por motivos laborais. Rahila ten ante si unha nova vida, coa ilusión e esperanza posta no futuro.

Máis información do Ciclo:

DUVI-Diario da Universidade de Vigo:

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/ciclo-cine-aborda-feminismo-contextos-sociopoliticos-marcados-vulneracion-dereitos-fundamentais


Outros artigos de Cristina Martínez Penas:

A opinión de Cristina Martínez Penas: “A mirada fotográfica como conservación fronte o esquecemento”

A opinión de Cristina Martínez Penas: “Visibilidade do 8M: a loita pola Igualdade de Xénero”

A opinión de Cristina Martínez Penas: “A mirada simbólica de Lola”

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------