O Real Club Celta de Vigo presenta este xoves o documental “O Carballiño: pulpo á feira, sangue Celta”, elaborado no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Carballiño. O proxecto de Celta Media, no que participan diversas voces carballiñesas e celestes, amosa a historia e tradición das pulpeiras e pulpeiros, así como a estreita relación da vila do Arenteiro co clube vigués.
A presentación oficial do documental -do que xa se proxectou o trailer a pasada fin de semana no Estadio de Balaídos, antes do encontro entre o Celta e o Levante- terá lugar este xoves ás 18,00 horas na sede social do Celta. O evento contará coa presenza de familiares de xogadores carballiñeses do Celta, como Herminio González ou Cesáreo Rivera, que deixaron unha importante pegada no clube vigués.
















