Manuel Pardo subliña a importancia da enfermería de atención primaria na educación para a saúde

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado da Xunta saudou aos alumnos e alumnas que participaron no taller de primeiros auxilios e educación para a saúde ‘Pupas, sustos e outros desgustos’, no CEIP Calvo Sotelo do Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O delegado da Xunta en Ourense explicou que esta iniciativa impulsada por Atención Primaria e dirixida ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, ten como fin formar á poboación infantil na xestión práctica de emerxencias cotiás mediante metodoloxías lúdicas e dinámicas participativas
  • Manuel Pardo, tras felicitar aos promotores, monitores e participantes, subliñou a importancia de formar, xogando, aos máis pequenos neste ámbito para salvar vidas

Ourense, 20 de novembro de 2026.- O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudiu esta mañá ao CEIP Calvo Sotelo do Carballiño para saudar aos alumnos e alumnas que asistiron ao taller de primeiros auxilios e educación para a saúde ‘Pupas, sustos e outros desgustos’, un programa de intervención comunitaria en primeiros auxilios deseñado para estudantes de 3º e 4º de Educación Primaria de entre 8 e 10 anos nos centros escolares da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

O delegado da Xunta lembrou que esta iniciativa, impulsada por Atención Primaria, iniciouse no curso 2017-2018 na comarca do Carballiño, e estendeuse por toda a área, manténdose activo grazas á implicación da enfermaría de atención primaria e dos colexios, co fin de formar á poboación infantil na xestión práctica de emerxencias cotiás mediante metodoloxías lúdicas e dinámicas participativas que garanten a retención dos coñecementos ao longo do tempo. A día de hoxe xa se formaron máis de 9.000 nenos e nenas de toda a area sanitaria.

Manuel Pardo, tras felicitar aos promotores, monitores e participantes, subliñou a importancia de formar, xogando, aos máis pequenos neste ámbito “xa que nalgunhas ocasións pode salvar vidas, xa que aprenden cando e como alertar aos servizos sanitarios ante unha emerxencia e como actuar”. Deste xeito, ao longo da mañá os rapaces que participaron nesta actividade recibiron unha formación práctica, adaptada a súa idade, para recoñecer as situacións de emerxencia mais habituais, desde as máis comúns -como golpes, cortes, queimaduras ou outras feridas-, a outras de maior gravidade, como convulsións ou falta de consciencia.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O taller ‘Pupas, sustos e outros desgustos’

Os talleres teñen unha duración de dúas horas, divididos en dous módulos, cunha breve proxección e explicación inicial, para de seguido realizar exercicios prácticos en grupo. O primeiro módulo refírese as “pupas e sustos de cada día” como febre, diarrea e vómitos, golpes e hematomas, feridas, cortes, sangrado polo nariz, sustancias nos ollos, queimaduras e recomendacións para manterse sans.

O segundo inclúe o capítulo de “Sustos e grandes desgustos” onde se lles orienta a recoñecer estas situacións, ao tempo que se lles traslada a importancia e a maneira de alertar aos servizos sanitarios, así como a recoñecer e actuar ante a convulsión ou inconsciencia dunha persoa.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------