- “Temos dous obxectivos: preservar a sanidade e a saúde da xente e crear emprego, porque as dúas cousas están ameazadas”, dixo
- Fronte a un multipartito, a inestabilidade e os experimentos, sinala que o PPdeG aporta goberno, estabilidade e experiencia
- Avanzou a presentación do Plan Director do Hospital do Barco, a mellora das consultas externas e a creación dunha unidade de cirurxía maior ambulatoria e de farmacia
AUDIO DE FEIJÓO


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu non deixar á sorte nin a pactos nin a carambolas o que se pode resolver nas urnas indo a votar o próximo 12 de xullo. “Galicia merece un resultado que saia directamente das urnas e non nos despachos dos partidos que perden as eleccións”, salientou.
Durante un mitin no Barco de Valdeorras, aproveitou para incidir en que, tras tomarse todas as medidas de limpeza e protección, poderase votar con total tranquilidade e normalidade; e afeou aos que pretenden meter medo ou desanimar a facelo. Así, animou a acudir ás urnas, para que deste xeito “ninguén decida por vós”.
UNHA PARTICIPACIÓN MASIVA
Nun momento de división entre partidos, de inquedanzas e no que se busca o enfrontamento, o líder dos populares galegos propuxo unión, confianza, xestión e certezas. E sinalou que o entendemento é a materia prima para construír futuro e solucionar os problemas do presente.
Así, tras pedir unha participación masiva para elixir o mellor para Galicia entre as dúas opcións posibles, dixo que, o vindeiro 12 de xullo, os galegos están chamados a escoller entre un multipartito ou un goberno, entre a inestabilidade ou a estabilidade, entre experimentos ou a experiencia ou entre ir á contra ou unirnos todos.

O EMPREGO E A PANDEMIA, AS PRIORIDADES DO PPDEG
O líder do PPdeG fixo fincapé na necesidade de ofrecer certezas, ante a pandemia e ante as dificultades sociais e económicas derivadas dela: “Temos dous obxectivos: preservar a sanidade e a saúde da xente e crear emprego, porque as dúas cousas están ameazadas”. “A pandemia sanitaria ameazou toda a estrutura económica de España e Europa, e o primeiro efecto é a perda masiva de empregos, que o Banco de España fixa en máis de 6,5 millóns de parados”, concretou.
É e que, tal e como subliñou, todos os galegos que están preocupados polo Covid-19, polo seu futuro e que queren unha política útil e ao seu servizo, terán no PPdeG un partido con proxecto e programa.
O líder do PPdeG aproveitou para poñer a resposta de Galicia fronte ao virus: con sentimento e sentidiño, con cabeza e corazón. Unha ferramenta, dixo, que utilizará para superar as dificultades económicas e sociais. Neste sentido, asegurou que “non dimos ningunha vida por perdida porque o obxectivo era manter con vida a todos os enfermos” de coronavirus.
UNHA CAMPAÑA DE PROPOSTAS
Feijóo, que salientou que non ten máis prioridade que Galicia, garantiu 15 días de programa e de propostas para que Galicia conte con catro anos de xestión. Así, garantiu que, nesta campaña, non perderá nin un segundo en buscar a confrontación, xa que o seu compromiso é investir todo o tempo en presentar propostas.
“Propoñemos certezas ante as necesidades máis inmediatas e para a Galicia que queremos na vindeira década”, manifestou, para engadir que no PPdeG “estamos preparados e temos máis experiencia, e sabemos cales son as solucións máis eficientes, porque somos especialistas en xestionar en momentos de dificultade”.
Incidiu en que non quere unha Galicia dividida en partidos, senón unha Galicia que siga traballando conxuntamente; e que quere ser o presidente dun pobo que se mantén unido para alcanzar o futuro. Porque, tal e como remarcou, o seu obxectivo é que Galicia sexa un lugar para vivir, con dereitos, para constituír unha familia, crear emprego e traballar en liberdade. Para iso, garantiu esforzo, compromiso, dedicación, proxecto e programa.
GALICIA, PREPARADA PARA ENCARAR O FUTURO
Así mesmo, amosouse convencido de que Galicia será capaz de encarar o futuro con máis oportunidades. Para iso, farao apostando por un ensino máis completo e competitivo; apoiando ás familias e aos maiores; reforzando as políticas de innovación; respectando o medio ambiente; e con máis infraestruturas e medios de transporte
Para rematar, destacou o seu compromiso con O Barco de Valdeorras e a comarca. En concreto, afirmou que “seguirei traballando polo Hospital Público” e anunciou que na vindeira lexislatura “presentaremos o Plan Director do Hospital do Barco, melloraremos as consultas externas e faremos unha unidade de cirurxía maior ambulatoria ou de farmacia”.
Ademais, referiuse ao sector da lousa e defendeu que “a capacidade de riqueza do sector da lousa se pode explotar respectando o medio ambiente”.