O subdelegado do Goberno destaca o descenso de casos activos no sistema VioGén no concello de Verín con respecto ao ano 2020

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, celebrada de maneira telemática, na que se realizou unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

No tocante á seguridade cidadá, o subdelegado do Goberno destacou a tendencia á baixa que presentan os datos correspondentes aos delitos graves e menos graves contra o patrimonio, ao igual que os delitos graves e menos graves contra as persoas. Sen embargo, no concello de Verín constátase un incremento dos delitos telemáticos e dos delitos leves contra o patrimonio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así mesmo, no concello de Verín produciuse un incremento da cifra de infraccións administrativas con respecto ao pasado ano. Este aumento débese, en boa medida, aos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte a COVID-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

O subdelegado do Goberno destacou que os niveis de seguridade cidadá se atopan en índices similares aos do ano 2020, o que implica que o concello de Verín segue a ser “un municipio seguro no que as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”.

O subdelegado do Goberno destacou o esforzo e o traballo levado a cabo polas forzas e corpos de seguridade neste concello ao compatibilizar, dende o pasado mes de marzo, as labores fronte a pandemia coa protección da seguridade e incidiu na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todos os corpos.

En canto aos datos presentados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indican un descenso dos casos activos no sistema VioGén con respecto ás cifras aportadas na Xunta Local de Seguridade celebrada no ano 2020, pasando de 37 casos activos a 29. Deles, un presenta risco alto, dous risco medio,  sete risco baixo e dezanove risco non apreciado. Constátase que en 25 casos se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

Igualmente na Xunta Local de Seguridade analizouse a posibilidade de levar a cabo a construción dunha dependencia para detidos no recinto do cuartel da Garda Civil, pendente da resolución do proxecto definitivo e da dotación orzamentaria, actuación que o subdelegado do Goberno promoverá ante o Ministerio do Interior.

Como outro dos puntos da orde do día estableceuse a activación do Plan Estratéxico de resposta policial ao consumo e tráfico de drogas minorista en zonas, lugares e locais de ocio do concello de Verín, a través do cal as forzas e corpos de seguridade desenvolverán actuacións para previr e reducir a oferta de drogas aos consumidores, especialmente entre a mocidade, así como previr a condución de vehículos a motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas.

Igualmente, acordouse o impulso do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas en canto a situación da pandemia o permita co obxectivo de incrementar nos centros escolares do municipio o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, sobre o acoso escolar, sobre a violencia de xénero, sobre a prevención de condutas aditivas (consumo de alcohol e drogas, así como adición ao xogo) e outras actividades. Así mesmo, manteranse os dispositivos de vixilancia por parte da Garda Civil e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.