O PSOE urxe crear un consello municipal para fomentar a participación dos migrantes

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha moción que levará á sesión plenaria municipal deste venres para instar ao goberno local á creación dun Consello Municipal da Multiculturalidade co obxectivo de fomentar a convivencia igualitaria e a participación democrática das persoas emigrantes na vida social da cidade.

Durante a presentación da iniciativa, á que asistiron numerosos representantes de colectivos de inmigrantes de Ourense, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, fixo fincapé na necesidade de “darlles voz ás distintas comunidades que forman parte da realidade plural da cidade”, onde case o 12 % da poboación é de orixe estranxeiro, segundo os datos do censo. “Ourense é a cidade do Estado onde máis medrou o número de cidadáns estranxeiros non europeos, concentrándose a súa localización no barrio do Couto e no Casco Vello; mentres que na sección urbana os barrios con maior volume de cidadáns extracomunitarios se artella na contorna da rúa Doutor Fleming e do río Barbaña”, explican no texto da iniciativa.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, Villarino explicou que a inspiración desta moción parte doutros países como Alemaña, que son “receptores naturais” de poboación emigrante. Así, o voceiro exemplificou que “no ano 1971” xa empezaron a existir no país teutón consellos destinados a inmigrantes, e “hoxe en día aquelas cidades que teñan máis de 20 000 habitantes e alomenos o 5 % de poboación extranacional deben, por lei, contar con eses consellos para dar voz a representantes doutros países”; ao tempo que fixo mención a Vigo, a única cidade galega onde xa existe un Consello Municipal de Migracións. 

“A partir da creación deste organismo, queremos definilo entre todos e todas, e que os representantes de cada comunidade fagan as súas achegas” detallou o socialista, quen subliñou que a finalidade do Consello de Multiculturalidade sería a de “evitar entre outras cousas, que agromen conflitos e actos xenófobos” como os acontecidos e denunciados semanas atrás no barrio do Couto a causa de panfletos anónimos de contido racista dirixidos contra a poboación de orixe latinoamericana da zona.

“Cremos que son acontecementos illados que non responden á natureza do galego que viaxou polo mundo e que segue a facelo” sinalou Villarino, ao tempo que lembrou que “somos unha cidade que forma parte dun pobo emigrante”.

Pola súa banda, o secretario de emigración do PSdeG-PSOE, Luís Gulín, explicou que no seu país de nacemento, Alemaña, estes consellos foron creados pola necesidade de “atender as demandas das persoas estranxeiras, previr conflitos e fomentar unha mellor integración coa poboación autóctona nos anos 70”.

“A filosofía era que non había que falar deles, senón con eles. Non ten ningún sentido falar deles se non convives con eles, se non participas das súas inquedanzas e se non atendes as súas demandas”, subliñou Gulín, facendo fincapé na necesidade de tender unha ponte de comunicación e diálogo entre a poboación inmigrante e a sociedade ourensá que a acolle.

O secretario de emigración socialista lembrou así mesmo o labor de moitos emigrantes españois en Alemaña que traballaron a prol da participación activa das súas comunidades na vida social das cidades nas que viviron, como foi o caso de Rogelio García Barroso –membro do partido socialdemócrata alemán–, Pedro Mateos Ferrari –un dos primeiros concelleiros socialistas non alemáns no Concello de Frankfurt–, Gustavo Rodríguez –quen faleceu o ano pasado, representante no consello municipal de emigración de Nuremberg– e Enrique Blanco Cruz –primeiro estranxeiro en presidir as Xuventudes Socialistas da comarca de Hannover, impulsor no 1975 do dereito a voto das persoas estranxeiras nas eleccións municipais e promotor dos consellos municipais de emigración–.

As representates do colectivo de inmigrantes de Marrocos, Aziza El Kasmi e Rachida Abbouzi; a representante da Federación Venezolana de Galicia, Francys Salinas; o voceiro da Asociación de Dominicanos, Alberto Ramos; e o representante da Asociación de Senegaleses de Ourense coincidiron en sinalar a idoneidade da iniciativa, para a cal amosaron o seu completo apoio e desexo de contribuír.