Xulio Dobarro Ferradás. Profesor xubilado e veciño do Irixo
O Colexio Público de Educación Infantil e Primaria, Virxe da Pena da Sela do Irixo, vén de presentar na sala NOVO CINE de Leiro o “IV Festival de Cine do Irixo”.Foi durante os días 18, 21 e 22 de xuño, en horario de mañá, cando a comunidade educativa puido desfrutar dos pases organizados con carácter exclusivo para alumnado, profesorado e familiares.

É en Leiro,onde Ernesto Romero mantén acesa a afección pola sétima arte e nos dicía este día que tiña reconstruída unha maqueta do que foi a vella sala de cine de Leiro e que a estrea de “Cuñados” se mantivo varias semanas en cartel.O que nos tempos que corren non deixa de ser case unha heroicidade e ademais tratándose nunha vila con tan pouca poboación, cando nas grandes cidades moitas salas tiveron que botar a fechadura pola ausencia de público desde que outros medias están a desprazar as proxeccións en salas profesionais.Neste sentido, o exemplo da vila do Carballiño é paradigmático, pois non hai tantos anos, na miña lembranza perduran, polo menos tres nomes: O Reque, O Rivas e O Alameda e moito maís próximo o Cinema Paradiso cuxo artífice, Miguel Anxo Fernández, é un profesional e crítico de cine,natural da mesma vila. Nun primeiro momento foi o vídeo o que diezmou o cine que ata entón se proxectaba ao xeito tradicional e, máis modernamente, os novos soportes tecnolóxicos e de difusión que, se ben dinamizan a produción audiovisual, a súa difusión estase a transladar a ámbitos máis íntimos; por exemplo, no fogar, a partir dos novos recursos tecnolóxicos informáticos-telemáticos (Netflix…).
Pois ben, non deixa de resultar abraiante que nun colexio rural cun alumnado e profesorado relativamente reducido, con medios limitados, teña a capacidade de organizar un festival destas características. Indudablemente, non se trata de seren moitos, senón de iniciativa e sacrificio de moitas horas de traballo con criaturas desde os tres aos doce anos, diría máis, de vocación dunhas persoas que buscan para o seu alumnado un desenvolvemento integral das súas capacidades cognitivas, afectivas e motrices.

Non teño a menor dúbida que, neste caso, a persoa responsable da planificación e xestión do colexio é un piar fundamental para que todo sexa posible: o director, Álvaro, que se ve apoiado por algunhas outras persoas do claustro que fan posible esta fazaña.
En canto aos traballos presentados a concurso nesta cuarta edición “todas as curtametraxes son adaptacións cinematográficas de obras literarias” tal e como se recolle no triptico que se difundiu entre a asistencia e “interpretadas por todo o alumnado de educación infantil e primaria do colexio dirixidas polo profesorado do centro”.
Os títulos son: “La hormiguita Charito” (adaptación de I. Díaz); “O elefante comellón” (Rafael Ordóñez e Marc Taeger); “Yo voy conmigo” (Raquel Díaz Reguera);; “La tempestad” (W. Shakespeare); “A Mellor barbacoa” (Susanna Iser e Mar Ferrero; “A tía Lambida” (E. Blanco Amor”).
Para resolver tan complexa participación -que non competición- o director propuxo un grupo de catro persoas para que valoraramos os traballos. Entre elas estiven eu,ademais de Loli López, orientadora do colexio; Rosa Fuentes, membro da ANPA e Mª José Villanueva, bibliotecaria do concello do Irixo.Houbo unanimidade do xurado á hora de outorgar os premios, e tendo presente en todo momento que as idades entre o alumnado eran moi dispares e que había que saber relativizar tales premios.
O premio á mellor película foi para “LA TEMPESTAD” (3º/4º de primaria); e mellor 2º película para “YO VOY CONMIGO”. Os demais premios persoais repartíronse entre “Mellor actor”, “Mellor actriz”; e mellor actor 2º e mellor actriz 2ª”.
As proxeccións non se reduciron só á pasaxe das curtas, senón que tamén se rendeu homenaxe ao alumnado que este curso que remata hoxe, 22 de xullo, é o derradeiro para eles e dan un pinchacarneiro para o próximo aos Ies do Carballiño.Polo que se ve nas súas declaracións están moi ledos de teren asistido a este centro, a pesar das dificultades destes dous ultimos cursos a causa da pandemia da COVID19, que todo o fixo mudar.
Non quero deixar pasar a ocasión para agradecer a oportunidade que me deron de participar en tan gratificante actividade e desexarlles todos os éxitos posibles tanto ao alumnado como ao profesorado, porque, o futuro pasa polo “ENSINO”. Grazas.
Xulio Dobarro Ferradás. Vigo, 22 de xuño de 2021.
Outros artigos de Xulio Dobarro
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.