Visita guiada gratuíta a «A vida lenta», na Sala de Exposicións Afundación de Ourense

Aser Álvarez, coordinador da mostra, guionista e produtor, e Moisés Quintás, creador da banda sonora, conducirán esta multidisciplinar visita guiada
I Esta actividade está enmarcada en «Cultura por alimentos», que anima á doazón de alimentos non perecedoiros a xeito de entrada nas propostas de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá mañá, mércores 6 de abril ás 19.00 h, unha visita guiada á mostra «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego» na súa Sala de Exposicións Afundación Ourense. O formulario de inscrición está dispoñible aquí. A entrada a esta actividade será a cambio da doazón dalgún alimento non perecedoiro, ao estar enmarcada en «Cultura por alimentos», un proxecto en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos), que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Da man de Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego, e coordinador desta mostra, e mais de Moisé Quintás, creador da súa banda sonora, ofrécese unha visita guiada multidisciplinar na que as imaxes convivirán cos sons dos instrumentos que, antano, reproducían as nosas melodías tradicionais.

AVANTAR ACTIVIDADES

As imaxes desta mostra están dispoñibles aquí:

https://drive.google.com/drive/folders/1Ie561kGnCNaFU4Gbfr_6ZyVkZPHCwGXQ?usp=sharing

A exposición conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Cada un deles achega unha perspectiva diferente sobre unha mesma realidade, e é esta diversidade de perspectivas a que favorece unha precisa análise sobre as representacións do rural, aquelas que foron constituíndo, tamén lentamente, o imaxinario colectivo.

A mostra presenta tamén versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Medos Romero, Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea. A banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.

Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Esta exposición desenvólvese nunha conxuntura en que a preocupación pola conciliación persoal, a convivencia co medio natural e a análise dos nosos ritmos vitais está a experimentar unha reflexión intensa a consecuencia da pandemia. A teor deste contexto, o traslado ao rural ou a núcleos de poboación máis reducidos preséntase como un garante de calidade de vida. O que noutrora fora deostado como antítese do progreso, contémplase agora como posible solución dos desequilibrios de demografía territorial.

A mostra complétase con actividades online e convidados de primeira liña, que desenvolven a creación contemporánea e de vangarda desde un forte compromiso co rural e que inspiran un necesario debate sobre a súa situación actual e as súas opcións de futuro. Algunhas das persoas participantes nestas actividades son, entre outras, o premiadísimo cineasta Óliver Laxe, que está a traballar nun centro de desenvolvemento rural na aldea luguesa onde filmou O que arde; Elena Ferro, zoqueira de Vila de Cruces de terceira xeración; ou o chef Javier Olleros, á fronte do restaurante Culler de pau, que conta con dúas estrelas Michelin.

Por outra banda, e co fin de seguir achegando a cultura e o valor do coñecemento do patrimonio entre a rapazada, Afundación deseñou unha completa programación didáctica para escolares.

Para infantil ata 3.º de primaria. «Do bo uso da curiosidade, nace a creatividade». Un canto ao silencio, ao rechouchío dos paxaros e aos cantos dos grilos, á relación cos animais e a riqueza da terra. En plena era da tecnoloxía, a sala de mostras será un lugar para a reflexión lenta, curiosa e creativa.

Para 4.º primaria a 2.º de ESO. «Apagón tecnolóxico, só apto para valentes». Un planeta descoñecido, sen móbiles nin pantallas, sen plásticos nin latas. Unha viaxe ao inexplorado, este planeta é só mar, terra e apenas unhas poucas máquinas. A expedición máis arriscada nunca antes vista para un grupo de escolares que se enfrontará a unha auténtica apagada tecnolóxica…

De 3.º de ESO a bacharelato e CF. «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego». Visita á mostra explicando a orixe das fotografías, significados e o enfoque xeral da exposición.

A mostra estará aberta ata o 1 de maio na Sala de Exposicións Afundación Ourense de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.