A Deputación referenda o seu compromiso coa cultura propia co apoio á XXXIII edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño

A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, presidiu no Pazo Provincial o acto de presentación deste evento. “A cultura é un dos piares fundamentais para este goberno provincial, polo que non dubidou en apoiar unha nova edición que ofrece un cartel de calidade”.

A programación do festival inclúe dez espectáculos que terán como escenario o auditorio municipal, as rúas da vila, o anfiteatro da praza da Veracruz e maila Insua dos Poetas. A edición deste ano ten un marcado carácter solidario, destinando parte da recadación a asociación de discapacitados Aspadisi

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 2 de setembro de 2022.- O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación da XXXIII edición do Festival de Teatro Galego “Celso Parada” (FETEGA), que se celebrará do 6 ao 9 de setembro no Carballiño coa posta en escena dunha ducia de espectáculos e dúas importantes novidades: o carácter solidario do festival coa Asociación de Discapacitados Psíquicos das comarcas do Carballiño e Ribeiro (Aspadisi), e a colaboración da Fundación Insua dos Poetas, que acollerá no espazo da Esgueva a obra de clausura.

A deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, presidiu un acto ao que asistiron o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; o director do certame, Carlos Ledo; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; e o representante de Aspadisi, Manuel Amil.

“A cultura é un dos piares fundamentais para este goberno provincial”, declarou Patricia Torres, polo que a Deputación “non dubidou en apoiar esta nova edición que ofrece un cartel de calidade que seguro espertará o interese do público”. A deputada, que subliñou o carácter solidario do festival e, sobre todo, o feito de que se desenvolva todo en galego, engadiu que durante a pandemia e o confinamento “quedou claro que a cultura era a única vía de escape, nas súas diversas modalidades, polo que non podemos ser alleos á colaboración con iniciativas como esta”.

Para Anxo Lorenzo “trinta e tres edicións non son poucas”, máxime ademais mantendo “unha aposta clara pola produción en lingua galega”, palabras ás que se sumou Diego Fernández asegurando que o festival “é un motivo de orgullo para todos nós, pois falar de teatro galego dentro e fóra da nosa comunidade tamén é falar do Carballiño”.

Luis González Tosar, que agradeceu a oportunidade ofrecida á Fundación Insua dos Poetas para colaborar co certame, anunciou que na edición do próximo ano promoverán un premio “destinado a dramaturgos que elaboren proxectos teatrais galegos para interpretar en espazos non convencionais”. O 20 % da recadación do festival irá destinado a Aspadisi, “un xesto que permitirá facer visible un labor de 27 anos”, agradeceu entre tanto Manuel Amil.

Catro escenarios para dez espectáculos

O director de FETEGA, Carlos Ledo, que recoñeceu o decidido apoio da Deputación a este evento, ofreceu os detalles dunha programación que inclúe dez espectáculos teatrais que terán como escenario o auditorio municipal, as rúas da vila, o anfiteatro da praza da Veracruz e a xa citada Insua dos Poetas.

O festival inclúe os premios Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo, escollido polo público, e o premio de honra que nesta edición recoñecerá a traxectoria de Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, polos seus 39 anos de carreira como marionetista e referente do teatro de obxectos en Galicia.