O burgalés Diego Gil gaña o concurso de cartaces da “62ª Feira do Viño do Ribeiro”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O xurado do Concurso de Carteis da “62ª Feira do Viño do Ribeiro” reuniuse na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartaz que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2025, que terá lugar na vila ribadaviense do 1 ao 4 de maio. O cartaz gañador está deseñado por Diego Gil Hernando, de Burgos (Castela–León), e foi elixido entre 69 propostas presentadas nesta edición do concurso. El é arquitecto de interiores, natural e residente en Burgos e actualmente realiza traballos como ‘freelance’ de deseño, cartelería e logotipos. En relación á idea que o inspirou comenta que “o deseño representa a explosión de aromas, sabores e sensacións que produce o viño no momento da cata a través das nosas propias emocións. Prodúcese unha experiencia multisensorial que involucra os cinco sentidos.” Ademais engade que ao protagonista o quixo ataviar “cunha vestimenta con grafismos relativos ao mundo vinícola cunha paleta de cores planos vivos que evocan o ambiente festivo do evento.”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Para a elección do seu cartaz anunciador, o certame da “62ª Feira do Viño do Ribeiro” contou cun xurado integrado por profesionais no ámbito do deseño gráfico e dos coorganizadores da Feira do Viño. O grupo tivo que deliberar entre 20 obras preseleccionadas polo público. Un total de 186 persoas emitiron os seus votos durante o prazo para a preselección, que foi dende o 27 de xaneiro ata o 9 de febreiro. Todas elas foron sometidas ao xuízo, resultando a obra gañadora premiada con 1.000 euros. Participaron como membros do xurado Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro; Yolanda Gómez, concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia; Jaime Díaz, de Incubarte, creatividad multicanal, e Sabela Martínez, deseñadora e arquitecta.

A presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, apuntou que: “este sistema de selección do cartel a través dun concurso fai que se poidan implicar moitos profesionais do sector, tanto pintores, como ilustradores ou deseñadores gráficos, tanto galegos como do resto de España e incluso hai varios participantes internacionais. Deste xeito, o resultado sempre será acertado, xa que partimos dun alto nivel de profesionalidade.”

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, engade que “estamos moi satisfeitos polos preto de 200 votos do público, persoas que se achegaron á exposición en Ribadavia que se puido visitar durante 14 días no local social da Madalena, así logramos facer máis participativa esta vindeira Feira do Viño do Ribeiro, involucrando aos veciños e veciñas de Ribadavia e de toda a comarca”.