O alcalde de Ribadavia, César Fernández, participou esta mañá na presentación do Campo de Voluntariado “Viaxa pola Istoria”, unha iniciativa que converte á vila nun punto de encontro internacional para a mocidade comprometida co patrimonio e a cultura e á que tamén acudíu a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo. No acto, Meneses destacou “a gran importancia de participar activamente nestas experiencias que favorecen e fomentan a convivencia, a partipación e a solidariedade entre eles”.
Esta actividade desenvólvese ata o vindeiro 15 de xullo, reunindo a 15 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos procedentes de distintos países, e enmárcase no programa de campos de voluntariado xuvenil impulsado pola Xunta. O Campo “Viaxa pola Istoria” está centrado na dimensión cultural e festiva de Ribadavia, especialmente arredor da organización da Festa da Istoria, declarada de Interese Turístico Nacional. As persoas voluntarias colaborarán na restauración de elementos ornamentais, na ambientación histórica da vila e na creación de novos recursos turísticos, como un evento de rol en vivo que conectará coa veciñanza e visitantes.
César Fernández destaca “a importancia de iniciativas como esta para seguir poñendo en valor o noso patrimonio material e inmaterial, mentres Ribadavia se abre ao mundo a través do intercambio cultural e a implicación da xuventude”. O rexedor sinala tamén que “este campo de voluntariado contribúe a manter viva a esencia da Festa da Istoria e reforza o vínculo entre tradición e participación social”.
O programa complétase con múltiples actividades complementarias como obradoiros de música e baile tradicional, visitas ao patrimonio local, rutas nocturnas e excursións ás termas de Prexigueiro ou ás Pozas de Melón. As persoas participantes aloxaranse no albergue do Convento de Santo Antonio, que será tamén o punto de encontro para a súa incorporación.
Este campo de voluntariado reforza o compromiso do Concello de Ribadavia co fomento do turismo cultural, a mocidade activa e a proxección internacional da vila, que cada verán revive a súa historia para compartila co mundo.