Martín Gil substitúe a Ignacio Campo na presidencia da xestora de Novas Xeracións na provincia de Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Martín Gil Blanco vén de asumir a presidencia da xestora provincial de Novas Xeracións do PP de Ourense, tal e como acordou a organización xuvenil popular nunha reunión celebrada na sede principal, onde ademais dos representantes da mocidade do PP tamén se deron cita o presidente provincial, Luis Menor; a presidenta de NNXX en Galicia, Nicole Grueira; e a vicepresidenta e secretaria xeral dos populares ourensáns, Marta Novoa e Sandra Quintas.

Martín Gil (Ourense, 2000; enxeñeiro informático e profesor de sistemas e aplicacións informática) agradeceu a confianza depositada na súa persoa para estar á fronte da xestora da organización xuvenil, “como mozos comprometidos coa provincia e co proxecto popular”.

Para o presidente da xestora, Novas Xeracións ten que ser un “apoio real ao partido, que responda ás necesidades da mocidade ourensá”, sinalando entre os seus obxectivos máis inmediatos ampliar a participación na organización xuvenil e comezar a traballar con intensidade “coas eleccións municipais de 2027 no horizonte inmediato”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Gil Blanco sucede no cargo a Ignacio Campo, que ocupaba a presidencia da xestora desde febreiro de 2021 e quen dá un paso ao lado por motivos profesionais. “Cheguei para axudar e dou o relevo para seguir axudando”, dixo Campo, que centrará os seus esforzos como portavoz do PP no Concello de Maside.

A presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, cualificou a incorporación de Martín Gil como un “relevo natural e consensuado”, que vai sumar e facer que a organización siga medrando como “xente nova que comparte os principios e valores que defende o Partido Popular”.

Pola súa banda, o presidente provincial Luis Menor agradeceu a Ignacio Campo o traballo desenvolvido nestes case cinco anos, ao tempo que pediu a Martín Gil que contribúa a ofrecer á mocidade galega as oportunidades que necesitan e demostrar a valía dos máis novos, “sexa na política como na vida cotiá”.

Con este relevo, dixo Luis Menor, ábrese unha nova etapa en NNXX de Ourense que ten que servir para relanzar este espazo xuvenil cara un congreso que normalice o seu traballo orgánico. Ese labor interno, engadiu, tamén permitirá “fortalecer a escoita e recoller o sentir dunha parte tan importante da sociedade como é a  mocidade”, co fin de ter en conta as súas propostas ante futuros procesos electorais así como á hora de deseñar as políticas promovidas desde as administracións.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------