O detective Frank Soutelo volve as librarías con “Buscando a Dalia”, a nova novela do autor carballiñés Miguel Anxo Fernández e oitava entrega dunha saga que se achega xa os 25 anos de historia, nunha publicación de Editorial Galaxia.
Nesta ocasión, a acción sitúase principalmente no Carballiño. A desaparición da investigadora Dalia Maxino, mentres traballa nun caso relacionado cun cadáver da apariencia ritual, pon de novo en marcha a Soutelo. Coa axuda de Franeiras e Poncio, a investigación complícase coa aparición dun segundo cadáver e coa sospeita de que Dalia non sexa a única muller desaparecida. Así, a posibilidade dun asasino en serie mestúrase cos segredos dunha vila marcada pola intolerancia social, os abusos, os intereses inmobiliarios e o comercio clandestino de moedas históricas.
“Buscando a Dalia” chega ademais ás portas dunha data significativa para a personaxe: en 2027 cumpriranse 25 anos da publicación de “Un nicho para Marilyn”, a novela coa que Frank Soutelo inicou o seu percorrido literario.
Por iste motivo, ao mediodía de hoxe, e co fondo do emblemático inmoble do antigo Forno da Elvira, na rúa Curros Enríquez da vila carballiñesa, e que figura na portada desta nova publicación, situose o escenario escollido para presentar “Buscando a Dalia” aos medios de comunicación. Alí estiveron o propio autor, Miguel Anxo Fernández, acompañado por Marcos Calveiro, director de Editorial Galaxia, e de Diego Fernández, concelleiro de Cultura do Carballiño.
Unha presentación que, ás 20,00 horas de hoxe, terá carácter aberto no exterior da libraría Escolma. Neste caso, Miguel Anxo Fernández, estará arroupado polos xornalistas, tamén carballiñeses, Raquel Domínguez, presentadora da TVG, e Carlos Rodríguez Calvo, presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas.


















