A Praza Maior de Ribadavia acolleu este mércores, 25 de novembro, o acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha cita para visibilizar esta problemática social e reivindicar a necesidade de avanzar cara a unha sociedade libre de violencia machista.
O acto, celebrado ás 13,00 horas, contou coa participación das concelleiras do grupo de goberno (PP) e do BNG, que se alternaron na lectura do manifesto con motivo do 25N, escenificando a unidade institucional fronte á violencia de xénero.
A conmemoración contou tamén coa presenza do alcalde de Ribadavia, César Fernández; do conselleiro de Emprego da Xunta José González; e do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
A través desta iniciativa, Ribadavia sumouse á reivindicación colectiva deste 25N, poñendo o foco na importancia da prevención, da sensibilización social e da educación en igualdade, así como na necesidade de manter unha resposta firme e conxunta fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres.
A xornada serviu para lembrar que a erradicación da violencia machista require do compromiso permanente das institucións e do conxunto da sociedade, máis alá das datas conmemorativas.

















