A Deputación de Ourense reforza o servizo de Teleasistencia, como medida contra o coronavirus

En relación ao labor informativo e de sensibilización social, así como das medidas que a Deputación de Ourense está a tomar fronte ao coronavirus (COVID-19), a institución provincial comunica que no ámbito da Teleasistencia estase a reforzar estes días o servizo que presta neste ámbito, para dar acompañamento e información aos usuarios, mantendo así coa poboación máis vulnerable da nosa provincia unha canle de información constante relativa aos procedementos, actuacións e manexos que deben realizarse como prevención fronte ao coronavirus.

Publicidade

A Deputación de Ourense presta este servizo de Teleasistencia a preto de 2.000 persoas, entre titulares e cotitulares deste servizo, dependente da Área de Reto Demográfico e Benestar da institución provincial. “Para elas estamos a facer un especial esforzo no labor informativo sobre normas e medidas preventivas”, explica Luz Doporto, deputada provincial deste ámbito, afirmando que estas medidas refírense as aspectos sociais, de comportamento individual e hixiénico-sanitarias, “que se deben cumprir para conter e evitar unha maior propagación do virus”, sinala a deputada.

Os maiores e as persoas dependentes da provincia de Ourense son o obxectivo desta especial labor informativa e de acompañamento que realiza o servizo de Teleasistencia da Deputación, coa finalidade de protexelos e de achegarlles o máximo apoio nestes momentos.

Esta medida forma parte das iniciativas que nestes últimos días ten adoitado a Deputación de Ourense contra o coronavirus. O pasado xoves, o Comité de Seguridade e Saúde da Deputación, en sesión extraordinaria, estableceu un protocolo especial de prevención e actuación contra o virus, acordando medidas estruturais e persoais, centradas na hixienización e desinfección, así como a instalación de paneis informativos. E ao día seguinte, á vista das propostas formuladas no Comité de Seguridade e consultados os técnicos; os representantes dos empregados públicos provinciais, e os portavoces dos grupos políticos, determinouse o peche ao público de todas as dependencias pertencentes á Deputación de Ourense, unha medida que, en principio, estará en vigor ata o vindeiro 1 de abril.