A Xunta reinvindica o seu compromiso coa inclusión na 8ª edición de ‘Sportur’, centrada nas actividades deportivas adaptadas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na xornada de apertura da VIII edición do Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia. Esta edición está centrada na inclusión, co obxectivo de promover o deporte como canle de superación, integración e transmisión de valores.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro destacou que eventos como Sportur son fundamentais para divulgar a “excelencia do sacrificio, da entrega, do traballo e da resiliencia” do deporte galego e incidiu na aposta da Xunta por un deporte plural, diverso, igualador, motor de cambio social e axente económico determinante. Diego Calvo destacou, asemade, o “momento de esplendor” que está a vivir o deporte adaptado en Galicia, que conta con 46 deportistas de alto nivel con diversidade funcional, así como os éxitos acadados nos Xogos Paralímpicos de París onde oito de cada dez deportistas galegos, dos 14 representantes, regresaron entre os oito mellores do mundo.

Pola súa banda, Rogelio Martínez, resaltou que “Sportur converte a Expourense ata o sábado nunha gran cancha polideportiva, que acollerá exhibicions, torneos e campionatos dunha vintena de disciplinas deportivas”. Engadíu que “o obxectivo é promocionar o deporte como unha ferramenta inclusiva, podendo falar de deporte para todos, e, tamén, servir de escaparate para tódalas federacións deportivas”.

As instalacións deportivas de Expourense acollerán ata este sábado multitude de actividades, nun espazo que compartirán clubs e asociacións dunha quincena de disciplinas deportivas con distintas asociación de persoas con diversidade funcional ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión.

Os deportes que estarán representados nesta cita son: Atletismo; Bádminton; Balonmán; Ciclismo; Esgrima Clásica; Fitness; Fútbol; Hockey; Karate; Pickleball; Piragüismo; Remo Indoor; Roller cross; Taekwondo; Tai-chi; Tenis; Voleibol; Wushu; Xadrez e Ximnasia.

Ademais da participación de escolares de Primaria e Secundaria de distintos centros escolares da provincia de Ourense, está confirmada a participación de membros de distintas entidades con diversidade funcional ou que representan a colectivos específicos. Participarán nesta primeira edición de Xogos Deportivos: Asociación Dano Cerebral Ourense; Asociación Discapacidade Ourense; Asociación Club Recreativo As Burgas; Asociación de Esclerose Múltiple de Ourense; Fundación San Rosendo (Los Milagros); Asociación Trascos. Autismo Galicia; Down Ourense; Asociación Trama; Fundación Intercultural Gitana e Centro de Menores Monteledo.

Sportur Galicia está organizado por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfiís en Facebook e Instagram. O horario de feira será o mesmo durante os tres días: de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas.

Este ano, Xunta e Expourense decidiron dividir en dous eventos separados o Salón do Deporte e Turismo Activo  e o Congreso Internacional de Turismo e Deporte que ata o ano pasado celebrábanse de xeito conxunto no mes de decembro. Deste xeito, aproveitarase mellor cada iniciativa que cada ano atraen a milleiros de visitantes.

En pasadas edicións, Sportur reuniu en Expourense entidades de Galicia, España e Portugal, ademais doutros actores internacionais como Arxentina; achegando centenares de actividades a unha media de 10.000 visitantes ao ano.