O fotógrafo Albert Brull convida a coñecer Islandia nunha mostra de imaxes que se exporá na Casa do Concello

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Casa Consistorial do Carballiño acollerá a exposición “Islandia. Tierra de hielo y fuego” do fotógrafo e filmmaker Albert Brull desde o próximo luns, 15 de xuño, ata o 15 de xullo. A mostra, composta por máis dunha vintena de imaxes, reflicten a beleza paisaxística e a riqueza natural do país. “É un auténtico pracer para nós contar cunha exposición dunha persoa como Albert, cunha ampla bagaxe e formación, que forma parte da vila e que está integrado en movementos sociais e culturais”, explicou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación da mostra.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O edil convida á poboación a achegarse ao Concello para descubrir a calidade artística do fotógrafo, así como novos espazos da illa. “É unha viaxe desde O Carballiño ata Islandia”, destacou. Pola súa parte, Albert Brull deu conta das particularidades do país nórdico, non só a nivel paisaxístico, senon tamén político e social. “O motivo da exposición non é só mostrar a espectacularidade da natureza, tamén viaxaremos polo país cunha serie de carteis nos que se explica a política, a sociedade e a economía de Islandia”, apuntou o artista. Nese sentido, referiuse ás reivindicacións feministas, das primeiras do mundo, ou ao profundo respecto pola natureza. “É moi sorprendente o coidado e o respecto polo medio ambiente, pola natureza e polos animais”, engadiu.

A mostra, de acceso libre, pódese visitar nas escaleiras da Casa Consistorial do Carballiño desde o próximo luns, día 15 de xuño, ata o 15 de xullo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------