Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Non houbo San Cibrao. Non houbo festas do setembro. Unhas das tres de sona nese espazo imaxinario que compartimos con dona Emilia: as da virxe do Portal, de Ribadavia, no anuncio da vendima; as do setembro do Carballiño, que tiñan a mesma función para o alto Ribeiro, e as que sinalan o fin do verán, as da nosa señora das Dores de Lalín. Ningunha delas puido este ano axuntar os seus oferentes, agás que fosen distanciados e enmascarados ata o ridículo. En verdade, son cada vez menos os devotos nunha sociedade móbil e terciaria en exceso e individualizada ata o enfermizo.

Aquel remexer de estantes, mostradores e sacos. Aquela nova orde de caixas e bidóns. Aquel atafego de pesar e medir. Aquel labor de verter, en paquetes de mesto, terso e áspero papel, o po, entre vermello e laranxa, de pemento, unhas veces doce, outras picante; os figos secos ou uvas pasas, o azucre ou a fariña, arroz, garavanzos, café…. Aquelas restras de tripas artificiais co seu insinuante frufrú. Aquela orde de follas de bacallau atrapadas por un basto cordel e penduradas das alcaiatas prendidas da viga, ou aquelas outras previamente guillotinadas, en medidas máis ou menos estándar e de variado peso, amoreadas nun estante á beira das libras de chocolate “La Torronesa”, ou de “La Carballinesa”, das botellas da coñac e de viño Sanson, dos “surtidos” de galletas, en caixa ou ao peso, das froitas confeitadas e do saco de coco relado.

Aquela nova orde de mostradores reconvertíase en barreira inaccesíbel, en trincheira bélica cun obxectivo manifesto, soportar a presión dos clientes, en especial mulleres que ao día seguinte invadirían a tenda de ultramarinos e coloniais do sr. Pachó, procedentes dese espazo entre Cebre e O Borde en toponimia pardobazaniana.

Aquel arrecendo intenso, de cheiros inesquecíbeis a bacallau seco e café moído, a pemento estragado e xabón de Lagarto, a cascarilla e torrefacto, anunciaba a chegada da gran feira do ano. Era a véspera, á que dona Emilia lle dedica o seu paragrafo lembrando como a música apampaba as rúas “con su estrépito de murga victoriosa” e como na praza “salpicada de tinglados[1] que hacían vistosa confusión de colorines chillones y disparejos (…) se levantaban unos extraños armatostes, que así podían parecer instrumentos de martirio, como juguetes de chiquillos o espantapájaros y no eran sino los árboles y ruedas de fuego que a la noche habían de quemarse con magnífica pompa”.

Había que prepararse para o gran día; o máis grande do ano para o comercio vilego. Dun lado da imaxinaria liña Maginot, enfardados en gardapós, as xentes da casa, muller e fillos do dono, e eu, rapaz de recados, que aquel dia ocupaba tamén lugar no posto de mando. As restras de papel de envolver estratexicamente colocadas, o lapis sobre a orella, as pesas, unha de cada lado do mostrador-fronteira, e o caixón dos cartos no medio.

O balbordo estendíase pola vila. Nos mesmos labores de intendencia atarefábanse as tendas de roupa feita, as farmacias e os bares, e,  xa un pouco afastados da vila, en Arcos, brunían as caldeiras do pulpo e  aquelaban as pitolas de leña; máis lonxe aínda, os tratantes afiaban as tesoiras de marcar os xatos.

A vila enchíase de ruídos de camións descargando as estruturas metálicas de tómbolas e “caballitos”, de casetas de tiro e churreiras, de muíños de nubes de azucre e mazás acarameladas e da inmensa pista de “cochitos” Camarero, a última en chegar de Ribadavia e a última en saír cara a Lalín. Para eses labores chegaban mozos moinantes, das máis variadas castes, que emerxían cun punto marxinal, de descontrol, na ríxida orde vilega de montañas nevadas adolescentes e engravatadas camisas azuis baixo chaquetas de fino corte. Pola media tarde os primeiros sons festeiros anunciaban o boureo dos dous días seguintes.

Como non houbo festas do setembro procurei afastar o virus da nostalxia relendo a dona Emilia. Recoméndoo como terapia contra a incerteza que nos aferrolla. Ese pequeno parágrafo que lle dedica á véspera remátao a nosa autora: “Del balcón del consistorio salía, a manera de brazo titánico, el mástil donde debía izarse el magno globo[2].”

Non só en Betanzos houbo globo, mesmo non era un senón varios os que podía haber naquela “villita”, segundo o ton algo ofensivo de dona Emilia, que gorentaba ser vila. Aqueles días o Carballiño deixaba de ser Vilamorta.


[1] Nunhas notas soltas, a xeito de prólogo, que incorpora M.A. Fernández a un libro de fotografías, acláranos a que se refería a Pardo Bazán cos “tinglados”. Infórmanos de que no mesmo ano da publicación de El cisne…, isto é, en 1885, un grupo de veciños solicítanlle ao alcalde “la demolición de los tinglados o cobertizos que en terreno público denominado las “Barracas” habían construido algunos particulares para poner a la venta géneros de comercio, toda vez que ya no servían para su objeto y aquel paraje constituye un foco de infección por depositarse en el estiércoles, y además dichos tinglados perjudican el ornato público”, e engade que os “tinglados” ou barracas “apoyadas en columnas de madera y cantería, sin simetría y arquitectura alguna, existentes en la calle del Carmen y del Centro, y que son ocupadas los dieciséis de cada mes con ocasión de las ferias de ganados”, sendo tamén “abrigo de malhechores”. Ese mesmo ano, o alcalde fixo xestións para retirar as barracas, cortes e currais que deixara o exército cando estivera acantonado na vila. Interpretamos nós que os “tinglados” terían xeito de “pendellos” e que os veciños reclamantes serían comerciantes instalados nos baixos dos novos edificios que ían arrodeando a praza maior, desexosos de maior ornato e menor competencia. Ver: Fernández M.A.: O Carballiño. Vellas historias, vellas fotografías (1870-1970), Xociviga, Poio, 1992, p.8.

[2] Coidamos que dona Emilia reflicte con moita fidelidade as festas do setembro nos tres capítulos de El cisne… que lle dedica. Concordamos coa opinión que, nun suplemento especial de La noche (16/9/1957) coordinado polo galeguista e entusiasta pardobazaniano Xosé María Calviño, expresou Xosé Fariña Jamardo. Considera o autor de Carballiño. Poemas ao xeito vello (1957) que as festas que lle serviron de modelo á Pardo Bazán foron as de 1882, ás que debeu asistir e nas que o concello “botou a casa pola ventá” para facerse un oco no panorama festivo do Avieiro. Os datos que nos fornece Fariña Jamardo proceden do arquivo municipal, na altura era secretario do concello. Dona Emilia cumpría 31 anos, precisamente, aquel 16 de setembro.

Infórmanos Fariña Jamardo de que o concello designou tres comisións, integradas por concelleiros, para organizar as festas. Unha encargada da organización de horarios, contratación da banda de música, iluminación da praza e decoración do salón de baile, que, como nos deixa claro dona Emilia, non era outro que o salón de sesións da casa do concello; a “villita” aínda non tiña “casino”.

A segunda das comisións tiña como función todo o referente aos globos e accesorios (mechas, aceites, gas…). Despréndese a importancia desta actividade ao designarse unha comisión só con este fin. O globo, de grandes dimensións, o que non empecía que algún outro emerxese cara ao ceo como nos relata a nosa autora, elevábase o día 15, adornado con motivos artísticos ou caricaturescos ou dedicado a algún benfeitor ou personalidade política, como se reflicte en El cisne…, onde o gran globo, acantazado polos contrarios, era unha homenaxe ao exministro don Victoriano. O globo pendurábase do “brazo”, aferrado ao balcón da casa consistorial, e unha vez inflado ascendía ao ceo ante a admiración da veciñanza e demais xentes festeiras que se disputaban, con fereza, un recanto na praza.

A última das comisións xestionaba todo o referente aos fogos artificiais con especial atención ás “rodas”, convertidas en espectáculo primordial e de identidade.

Foron catro días de festa (15,16,17 e 18 de setembro) animadas pola charanga do batallón de cazadores de Reus que casualmente se atopaba en Ourense. O capitán xeneral autorizou esta excepcionalidade por non contar a “villita” cunha banda de música estábel. Por suposto que o concello tivo que correr con todos os gastos.

Pero este non quería deterse en pequeneces. Como a imaxe do San Cibrao estaba en moi mal estado e comesta pola couza, encargouse unha nova, aínda que houbese que transferir o gasto ao seguinte orzamento. O caso foi que a nova imaxe do patrón luciu na procesión; aínda que a “villita” non tivese propiamente igrexa, pois a que agora se chama “vella” aínda tardaría en construírse. Daquela a igrexa era a de Señorín.

As festas resultaron un éxito aínda que se gastaron 2.765,25 pts. máis do orzamentado, sen contar o custo do San Cibrao de madeira, pero tales excesos consideráronse un investimento de futuro. Así foi.


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “