O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

IES CHAMOSO LAMAS

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


  A aquelas persoas que tiveron a ocasión en días pasados de achegarse a estas -sempre humildes páxinas- de inmersión na contorna do concello do Irixo, poderalles sorprender o cambio de rumbo, xa que na anterior colaboración imaxinabamos un panorama morredizo ao presentarmos un “Vindeover no cadabullo”  para referírmonos a unha situación de abandono na perda dalgúns motivos que poderían irreversiblemente estar chamados á extinción (lugares enteiros,patrimonio material e inmaterial;sexa este,como sexa, de tipo arquitectónico, arqueolóxico, lendario ou de costumes) se non se bota man daquilo que foron conservando os nosos antergos -por necesidade- ou que aínda se está a tempo de poder salvarmos -por cultura- para nós e as xeracións vindeiras.

OZOCOgz Deseño Galego
Narcisos e xenciana que agroman de xeito espontáneo nas leiras a ermo e pastizais

 Pois ben, con algo máis de optimismo por atopármonos na estación que invita ao renacer  da natureza, animal e vexetal, e,segundo moitos dos tópicos que adornan a primavera, suxiro unha andaina polo concello onde un dos eslógans máis típicos -tamén para outros moitos de Galicia- é o de que “A natureza é arte”.

 Teño para min que o que pode resultar máis rechamante neste prodixio de arte  natural é o carácter espontáneo, e de balde, de como esa natureza pode satisfacer os cinco sentidos.Unhas veces presentándose de xeito humilde, outras, indomable e salvaxe pola evolución dos acontecementos.

Camelia no Cardedo, que pode ser centenaria. Flor da camelia en Saavedra

 Non é de estrañar que con este colorido primaveral, aqueles paxaros que coa invernía tiveron que emigrar, retornen aos seus fogares de aparellamento e de cría.Así, coincidindo coa data sinalada do 21 de marzo, de comezo da estación, e tamén data sinalada como de homenaxe ás árbores, aos bosques e á poesía, escoitamos  -porque non é moi doado achegarse a eles- os primeiros e esquivos cucos da tempada, respondendo ao coñecido refrán de “Entre marzo e abril, o cuco ou a fín”, ou “Oíu cantar máis de catro cucos”, para entendermos, respectivamente que, de non ser así, o futuro preséntase escuro, e que a persoa xa vai entrada en anos. Son varias as expresión que teñen como protagonista este astuto paxaro que, como é sabido, caracterízase por non preocuparse de construír o niño propio e poñer os seus ovos no alleo, para que ademais se encargue de incubalos, xunta cos propios o verdadeiro dono do niño, que, a xeito de “okupa” expropia o cuco e crea unha situación complexa aos pais adoptivos porque estes teñen que alimentar os fillos alleos e en moitos casos abandonar os propios, porque, ademais, as crías do cuco tenden a ser máis grandes e desprazan os verdadeiros fillos, ata o punto de que moitos destes non conseguen sobrevivir. Estamos a pensar, por exemplo, no agarimoso e arquitectonicamente coidado niño do carrizo, un dos máis cativos de  entre a avifauna da contorna, que a medida que van medrando os descendentes do cuco acaban por expulsar os propios, polo tamaño e a demanda da comida.A memoria popular tamén incorporou este habilidoso paxaro á onomástica do concello como mote/alcume, así, son polo menos dúas as familias, unha pola parte do Cardedo e outra por Valdesoiro, que son abondo coñecidas por ese alcume.

 Neste eterno retorno, tampouco faltaron á súa cita outros dous migrantes: a bubela ou merdeiro coa súa crista elegante e o seu variado colorido ( a segunda denominación ten que ver coas deposicións daquela ao redor do niño, xeralmente construído nas paredes das casas, e así evitar o contacto humano) e a andoriña que se acocha, sobre todo, debaixo das solainas senlleiras, de tal maneira que a lama empregada na confección do niño manteña a suficiente humidade para que se sosteña adosada ás paredes, nese ir e vir continuo desde os puntos máis lamacentos ata aquel.

 A actividade das aves nestes días é frenética, porque, non só están apuradas na construción dos niños, senón tamén en aparellarse cantos antes para estaren en condicións de voltaren a climas máis cálidos, aínda que, cada ano menos, polo xa tan coñecido cambio climático, que cada quenda que pasa tende a ser máis benigno, e así non é de estrañar que entre nós vexamos os fuxidíos estorniños; parrrulos ou cormoráns no Viñao ao longo de todo o ano. Estes,abondo mal vistos, porque a súa excelente capacidade de inmersión incide de xeito negativo nas futuras capturas dos pescantíns.

As primeiras andoriñas en Saavedra (21-03-2022) Ao fondo, O Coto do Marco, sobre A Filgueira

 Digamos que estas  especies: o cuco, a bubela, a andoriña ou o carrizo -e ata onde eu coñezo- son os altavoces principais de que a primavera xa está aquí. Hai outras que se manteñen, practicamente todo o ano, que resultan moi familiares polas hortas e leiras de cultivo  -cando as había-; e así estamos a ver choutar na terra fresca o paporrubio/pisco (no Irixo) , no que destacan as cores “rubias”do macho; a lavandeira branca e cincenta detrás dos regos abertos, ou a negra merla que co seu peteiro amarelo non deixa de escaravellar e saltar por entre as verzas ou nos curros onde pode compartir espazos coas galiñas a roubarlles a mantenza.

Isto non é unha guía ornitolóxica, senón unha mostra mínima daqueles máis cercanos:A merla, o carrizo, a bubela ou o paporrubio macho, á parte do sempre presente gorrión/parda

A listaxe dos paxaros ao noso redor, aínda que van a menos, -íncluso os gorrións- é abondo longa como para pretender ser exhaustiva, así por exemplo, se temos en conta os seus espazos maís comúns de nidificación poderiamos indicar que uns son maís perfeccionistas ca outros -creo que o carrizo e a andoriña superan a todos os demais-, e así, as árbores maís altas son escollidas polo lagarteiro, o gaio, a pega ou o corvo; no toro das mesmas, o peto escóitase peteirar intensamente ata perforalo; nas maceras/figueiras atopan acougo o vichelocrego e o xílgaro, ambos de vivas cores; as silveiras son preferidas pola merla ou a rula, que non se esforza moito; as paredes das construcións  son escollidas polo gorrión ou a bubela, e entre as toxeiras escóndense a  carriza  ou a escribenta.

  Velaí o cuco, sempre esquivo, e atento a calquera ruído. Adicado á terra dos pulpeiros, para quen o cuco nos lembra que: “Desde que vén o cuco, fóra o pulpo” (polbo) (Galego eu)

 Estas son algunhas das marabillas que nos deixa a primavera no que toca á avifauna, sen entrarmos en outras moitas variedades  como as de hábitos nocturnos: a curuxa de sinistra lembranza, asociada á morte, o moucho, ou o miñato (Os Miñotos:microtopónimo), o martiño pescador de variadas cores, ou a escorrediza becada, -tan prezada polos cazadores- nas espesas ribeiras dos regatos.

 Aínda podemos adicar unhas liñas ao pombo, e sobre todo, á pomba que clasificaremos  entre silvestre e doméstica, porque na longa tradición dos pazos e casas fidalgas galegos non podía faltar o típico pombal que abastecía os esixentes estómagos dos donos cos pichóns criados nas súas construcións de planta circular dos que se conservan algunhas mostras na contorna, e de entre elas destacaría o da Alén de Froufe pola súa orixinalidade. Outras veces, algunhas familias, debaixo das solainas ou nos faiados tamén criaban pombas; quizais, máis por curiosidade que por necesidade.

 Ata aquí, pode dicirse que o sentido da vista e do oído pode darse por satisfeito cunha incursión no medio natural do concello, e en particular, ao axexo dalgunhas destas aves que, nestes días, se manifestan moi activas cos seus cantos para atraérense unhas ás outras e aparearse, así como polo labor construtivo da súa morada da tempada.

 Deixaremos para o resto dos sentidos, o olfacto, o gusto e o tacto, aínda que tamén compartidos cos da vista e o oído, o que podemos clasificar como patrimonio natural, no que a vexetación e a auga xogan un papel fundamental. Déronse no inicio desta crónica, algunhas notas de colorido que estes días xorden de xeito espontáneo nas hortas, prados e leiras, na maioría dos casos ermas, aínda que inzadas de silvas,xestas, codesos, salgueiros ou carballeiros, ofrecen algunha sorpresa, porque a forza da primavera supera as dificultades do abandono das terras e a mairía  brotan espontáneas.

Algúns pombais do Irixo, de arriba a baixo,de esquerda á dereita: A Alén-Froufe (lugar ao que debería facilitarse o acceso, aínda que estea deshabitado); Campeliños e A Sueirexe.

 Desde onde calquera pode recrear con maior solemnidade o sentido da vista, ou ao menos para ter unha visión do conxunto, e segundo un veña do norte, sur, leste ou oeste é achegarse ata aqueles puntos máis elevados que dan acceso ao concello. Asi, para os visitantes dos concellos da bisbarra, por exemplo do Carballiño, ademais de suxerir unha parada no pazo de Madarnás, no que ademais do pazo familiar que foi propiedade da familia Temes, con soberbios escudos en ambas fachadas, orixinal cheminea, entrada señorial e unha xoia exterior que debería ser considerada como conxunto sennlleiro ou árbore senlleira, a carballa que precede a entrada principal, e das que xa nos falara o cronista da xeración Nós Xabier Pardo Bedia cando ía relatando as vivencias que tiveran na andaina entre Ourense e Santiago con motivo da celebración da pelegrinaxe que levaron a cabo os membros ourensáns da xeración en 1926.

Carballa á entrada do Pazo (Madarnás), que xa chamara a atención dos ourensáns da Xeración Nós.Case cen anos despois, mantense en pé (21 de marzo de 2022).Hai que vela para crelo¡

A pouca distancia, na estrema co concello do Irixo, atópase o que hoxe se pode considerar o conxunto artístico máis orixinal de Galicia en canto a que convive nel a natureza, a arte e a palabra -maiormente a poesía-, predio, que formaba parte das propiedades do pazo de Madarnás, que aquel foi adquirido polos pais de Luís González Tosar e  reconvertido nun espazo senlleiro.Precisamente, o pasado 21 de marzo celebrouse o “Día da árbore e da poesía” nesa contorna orixinal  e no que participaron, ademais das autoridades políticas, unha representación de todos os centro de ensino da comarca e, como instituto invitado o Ies do Castro de Vigo.Os cativos recitaron poemas de Florencio Delgado Gurriarán, poeta ao que este ano está adicado o día das Letras Galegas, ademais de desfrutar dun espectáculo musical e da coreografía que acompañou a Mirian Sandoval, arxentina de orixe, que interpretou varios temas relativos á fusión galego-arxentina que nese día tivo un espazo especial, coa asistencia do cónsul adxunto de Arxentina en Galicia (Vigo) e a representación do alumnado do Ies do Castro, como centro convidado pola relación coa simbólica árbore que nese día foi transplantada, un ombú, ou árbore da bela sombra, como proba do recoñecemento ás Letras arxentinas, tendo e conta que o promotor desta iniciativa naceu na Arxentina e forma parte da Academia de Letras da República, e o Ies do Castro é o único de Galicia que no seu xardín pode presumir desa especie, que foi agasallada ao concello de Vigo polo centro Gallego de Arxentina, criada por Manuel Ocampo con agarimo durante cinco anos e traída en 1931 por Martín Echegaray Olañeta en 1931, que foi recoñecida en 1916 como árbore senlleira pola Xunta de Galicia, polos méritos que concorren nela, tanto pola súa vistosidade como polo simbolismo que representa; de tal xeito que, eu mesmo me atrevín a cualificar o acto como de fusión “arxentina-viguesa-carballinesa-irixense-natureza e poesía”

Interesante relato sobre os antecedentes do Ombú arxentino-vigués. Libro disponible na Biblioteca municipal do Irixo.
Copia da acta do concello de Vigo de nove de marzo de 1931 na que se dá conta dos agradecementos a Martín Echegaray Olañeta (vigués falecido en Baños de Molgas en 1932) e ao “Coro de Ruada” como portadores da gratitude entre Vigo e Bos Aires   
Ies do Castro de Vigo, xardín e mural coa interpretación de Doa Ocampo do Ombú. Nas imaxes inferiores, Xefa de estudos,profesora e alumnado vigués no momento de proceder á plantación na presenza das autoridades:Presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar; Director Xeral de P.Lingüística, Valentín García; Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; Alcalde do Carballiño,Francisco Fumega; Cónsul adxunto de Arxentina, Javier S. Cebrelli.(21 de marzo de 2022

A ponte do Eixán, sobre o regato O Pedriña, serve de nexo entre os dous concellos, o do Irixo e o do Carballiño, que, ademais,fai de estrema coa Insua dos Poetas.

Se voltamos aos carreiros do Irixo, e segundo a idea de encamiñármonos ata os puntos máis elevados; neste caso, se vimos do Carballiño, pola estrada que vai a Lalín, temos a posibilidade de  desviármonos no Casar cara onde se atopa a área arqueolóxica de Cangues, desde a que, ademais do sennúmero de petróglifos, a vista pode acadar ata puntos ben afastados e continuar cara á parroquia de Loureiro ata chegarmos ao punto xeodésico no Pico Seco despois de deixar á esquerda o lugar de Lousado ( Lousadiño para os de Santa Uxía de Lobás) de frescas e abondosas augas  e se nos arriscamos achegarnos ata os que foron os lugares máis afastados da parroquia, hoxe abandonados,Os Amieiros e Ramil.Actualmente, ese punto xeodésico comparte espazo cos xeradores eólicos,que, dalgunha maneira, coinciden cos lindes coa Madanela e Piñor, ademais do coto do Marco sobre os lugares da Filgueira, O Cardedo, Menaz e Orosa.

 De posible interese no acceso leste: Área arqueolóxica de Cangues; Punto xeodésico no Pico Seco (800 m. de altitutude); A Pena Grande coa marca da estrema entre O Campo (C)  e Loureiro (L).Ao fondo, o lugar dos Amieiros; abondas carqueixas e uces que se aproveitaban para carbón vexetal

 A outra opción sería achegarse ata a Rúa, coa igrexa parroquial, peto-fonte e cruceiro, e continuar ata Valduíde con Casa Grande e capela-palleira, cuxo escudo foi espoliado, e adentrarse nalgunha das fragas que abeiran a estrada e, se a sabiduría o permite, descubrir algunha das minas e fervenzas da contorna, ademais do colorido das xestas, carrascos ou toxos, e o tacto suave,olor e cor lila da uz.

 Desde a Rúa, e denantes de chegar a Barro pola estrada, hai un desvío que comunica coa parroquia do Campo, cuxa liña divisoria está marcada por unha inscrición na Pena Grande -para os da Alemparte, disque “Pena Vella”-, ademais dunha ampla e curiosa representación de “cazoletas”, quizais naturais de diversos e “elaborados” resultados. 

Como non é o obxectivo desta crónica presentarmos unha guía detallada de todos os puntos de interese, senón, simplemente chamar a atención sobre aqueles motivos que poden sobresaír coa recén estreada primavera, e seguindo un criterio xeral dos accesos segundo os puntos cardinais; despois da anterior aproximación polo leste, podemos dirixirnos ao Paraño, seguindo o acceso da Nacional 541, e tendo presente que nos atopamos en primeiro lugar coa parroquia do Regueiro, que aínda que esta está encravada no concello de Boborás, desde o punto de vista administrativo, o lugar das Antas presenta a particularidade que está repartido entre os tres concellos, O Irixo, Boborás e Beariz.Unha das primeiras observacións que podemos ter presentes é a coñecida como “Mesa dos  bispos” na marxe esquerda da estrada, se vimos de Pontevedra ao Irixo, que, proba ben que desde antigo estamos nun punto estratéxico.Á esquerda un desvío leva á Candosa, afundida entre os estesos montes da Dorsal Galega; ao continuarmos a nacional atopáremonos en primeiro lugar co sempre admirado Testeiro á esquerda e a curiosa paisaxe de monte baixo que á altura da primavera presenta a súa cara máis amable pola floresta que alimenta un alto número de colmeas e unha paisaxe alpina ao redor dos lugares de Cerdeira de Arriba e de Abaixo.  

 Cerdeira de Abaixo-O  Regueiro

 Desde o alto do Paraño temos unha panorámica case completa do concello do Irixo, principalmente a parte do val regada polo Viñao, ademais de vermos as  ruínas do lugar do que foi a antiga parada,venda e paso obrigado dos arrieiros de cara a Pontevedra.Ao pé da montaña a parroquia de Parada, ao fondo as da Espiñeira e Froufe. Se seguimos pola estrada nacional 541, bastante antes de chegar a Brués, hai un desvío á esquerda que nos fonde na paisaxe case mediterránea de Xendive- Boborás e Reádigos; vense as primeiras corticeiras ao pé da estrada e as antigas pangas que soportaban o peso das cepas das que se obtería o nomeado “requilante”. Na parroquia de Reádigos merece a pena achegarse ata a súa igrexa parroquial polo seu curioso “campanile”, ademais dos pintorescos lugares da Barcia ou Santiso; este ultimo con Casa Grande, dos Caldeireiros -alcume

Panel informativo ao pé da igrexa parroquial no Regueiro

dos seus antigos donos porque eles traballaban o cinz e o cobre…-Case todos os lugares da parroquia, algún xa abandonado como Ferradás, teñen ás súas portas abondosas mostras de castiñeiros en caracocha -aproveitábanse máis para froito que para madeira- e moitas carballas, algunhas delas rachadas pola forza do raio, que deberon actuar como protectoras dos lugares.Desde Ribela pódese ascender ao castro de Santiso-Monte de Ollos -monte de varas- sinalizados, así como a ruta dos arrieiros e Camiño Real.

Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, oito de abril de 2022.


Outros artigos de Xulio Dobarro

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV