Xosé Carballido: “Alerta Nivel 2: Que arda o monte”

A alerta de Nivel 2 significa alto nivel de risco, con posibilidade de perigo para a vida humana, propiedades ou contornas naturais valiosas. Neste caso, a prioridade dos equipos e medios de extinción consiste na protección das vivendas, as granxas, os negocios ou as industrias e, evidentemente, as persoas que poidan resultar afectadas polo incendio.

Por tanto, cando hai perigo para as casas, para as aldeas, pobos, vilas ou cidades (lembremos que en Galiza temos mais de 30.000 núcleos de poboación) hai que decretar, cando menos, o Nivel 2 de Alerta que, coloquialmente, quere dicir: «protexer as casas, aínda que arda o monte».

A necesidade de establecemento do Nivel 2 en toda a provincia de Ourense, como aconteceu esta semana pasada transformouse en miles de hectáreas queimadas. O operativo contra lumes, aínda con reforzo do estado ou internacional pode verse desbordado nunha situación de centos de incendios por toda a península, alto risco polo vento e altos temperaturas, e cunha cantidade de combustible desorbitante: matogueiras, mimosas, toxeiras, pasteiros, ou antigas terras de labor abandonadas.

O sistema tradicional dos asentamentos de poboación deste pais consiste nun grupo de casas (lugar ou aldea) rodeado das terras de labor, prados e pasteiros, o que chamamos tecnicamente SAU (Superficie Agraria Útil). Arredor deste terreno agrogandeiro están os montes de particulares, o terreo forestal onde se sacaba a madeira, a cartilla de aforros de tantos galegos e galegas para cando cumpría retellar a casa, pagar a manutención, aloxamento e libros dos que querían estudiar ou o billete de ida cara as Américas ou a Europa de postguerra na busca dun futuro mellor.

Nos terreos máis afastados situábanse os terreos de uso común, os montes veciñais, onde aprovisionarse de estrume ou vender algunha partida de madeira para as festas de San Xoán  ou Santa María (hoxe da Sardiña ou do Churrasco, respectivamente)

Pero ese mundo acabou. En moitos deses núcleos xa non queda ninguén (ou catro vellos, entre os que me inclúo), e os terreos pegados as casas xa non se traballan. A Superficie Agraria Útil pasou a ser Superficie Agraria Abandonada, por riba fragmentada en mil cachos.

Antes, cando ardía o monte, as campás tocaban arrebato para que as xentes se puxeran coa extinción, con xestas batendo o lume e carrexando caldeiros de auga. Hoxe veñen camións e aeroplanos e un feixe de extenuadas e mal pagadas brigadas con mangueiras e batelumes. Pero non veñen a defender o monte; veñen a defender as casas, por que coas hortas , labrados e lameiros abandonados, o lume chega ás portas.

A política agraria non é limpar, rozar e apagar, senón ordenar, producir, cultivar … Hai que crear mecanismos e activar os existentes: Banco de Terras, Polígonos Agroforestais, Unidades de Xestión Forestal … ou cambiamos isto, ou temos Nivel 2 para rato.

Xosé Carballido. Ex-director xeral de Estruturas Agrarias


Curriculum de Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago

Máster en Viticultura e Enoloxía

Ex-director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia

Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense

Ex-director xeral de Rehabilitación Urbana do concello de Ourense

Presidente da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo

—————————————————————————————————

Outros artigos de Xosé Carballido

Xosé Carballido: “O viño do Pepucho”

Xosé Carballido:” Agroecoloxía e outras modernidades “

Contrato co medio rural

Adeus, presidente

De macro-granxas e micro-prezos

Un tiro no pé

A etiqueta tamén importa.

O Movemento Veciñal e a Cultura

Tempo de vendima

O Gran Balneario de Ourense

A tarifa eléctrica

Terra agraria, a lei como instrumento”

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------