Xosé Carballido Presas

Presidente Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo
Somos o país do millón de vacas, como ben definía Manuel Rivas naquel fermoso relato/retrato de finais do século pasado. En realidade, temos 954.017 bovinos pois, vacas, o que se di vacas, temos algo máis de medio millón pero, para o caso, da igual. Destaca o concello de Lalín con 27.391 cabezas, na Pastoriza 25.563 e Mazaricos 24.318, liderando as respectivas provincias de Pontevedra, Lugo e Coruña. Na provincia de Ourense correspóndelle a honra a Montederramo, con 5.778 reses de carne e 1 de leite (IGE 2020) mentres que en Ribadavia, Arnoia, Beade, Pontedeva ou Rubiá xa non queda unha vaca.
Tampouco na comarca do Carballiño andamos sobrados, con escasamente 3.000 cabezas, das que 2.000 pastorean nos concellos de Cea e Piñor. Aquela foto do antigo campo da feira no que agora é a Alameda e Praza do Emigrante ateigada de vacas é unha imaxe irrepetible. Nos últimos dez anos desapareceron 185 explotacións e perdemos case 600 reses nun

Tralo balbordo creado polas declaracións do ministro de Consumo respecto das macro-granxas, e coincidindo plenamente que ese non é o camiño, o certo é que está a punto de publicarse o Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros que establece o límite de 850 Unidades de Gando Maior (UGM) por explotación ou 1.400 bovinos por cebadeiro, medidas que no panorama galego consolidan o que para nós xa son modelos super-intensivos e, unha vez máis, obvia a nosa realidade, como xa pasaba hai corenta anos. Lembro aquela anécdota dun ministro da transición de visita por Ourense, diante dunha (macro) finca de 70 hectáreas: ¿y en Galicia, las hectáreas son grandes o chicas?”

Temos arredor de 30.000 explotacións de bovino, das cales 20.000 teñen menos de 30 cabezas, e pouco máis de cincocentas superan os 200 animais. Mentres, as producións de carne e leite de calidade ligadas a terra en explotacións en extensivo, que son o noso sinal de identidade, están a sufrir o desamparo institucional, e están a vender en moitos casos por debaixo dos custos de produción.
As veces non se trata tanto de lexislar senón de aplicar as leis que xa existen. A recente reforma da “Lei da cadea alimentaria” transcribe as esixencias comunitarias da directiva europea sobre prácticas comerciais desleais: “Co fin de evitar a destrución do valor na cadea alimentaria, cada operador da mesma deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción de tal produto en que efectivamente incorra ou asuma o devandito operador”
O texto indica que deberán elaborarse os índices de prezos e de custos de produción mediante o emprego dos criterios que deberán garantir a transparencia e obxectividade. Pois veña, poñerse a traballar pois, con macro-granxas e micro-prezos o resultado final está a vista: en 2010 tiñamos un millón de vacas e 45.000 explotacións. En 2020, co mesmo número de vacas, quince mil explotacións menos. Un rural cada vez con menos xente.
Curriculum de Xosé Carballido
Enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago
Máster en Viticultura e Enoloxía
Ex-director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia
Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense
Ex-director xeral de Rehabilitación Urbana do concello de Ourense
Presidente da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo
—————————————————————————————————
Outros artigos de Xosé Carballido
O Movemento Veciñal e a Cultura
Terra agraria, a lei como instrumento”