A finais do século XIX a filoxera, un pequeno insecto que ten grande apetencia polas vides europeas (vitis vinífera) entrou “a saco” neste vello continente procedente das Américas, onde as cepas se autodefendían cun sistema ben sinxelo: as raíces tiñan un espesor suficiente para que a picadura do insecto non penetrara ata o interior podendo facer un dano mortal á planta. A practica totalidade do viñedo galego desapareceu, e milleiros de galegos e galegas das zonas vitivinícolas colleron o barco para tentar buscar fortuna noutras mundos, mentres que os que quedaron, tentaron recuperar as viñas enxertando a vide europea sobre o bravo americano resistente á picadura ou mesmo hibridando ambas razas, como sucedeu, principalmente nas zonas costeiras. En 1888, por instrución do ministro de Fomento, o ferrolán José Canalejas, créanse as Comisións Ambulantes Docentes formadas por un Enxeñeiro Agrónomo, un Perito Agrícola e dous Capataces Agrícolas para ensinar o cultivo da vide americana e a enxerta sobre esta das variedades europeas, para asegurar a reconstitución dos viñedos destruídos pola filoxera, e formar capataces enxertadores e de cultivo de cepas americanas. Comezou así unha lenta e custosa recuperación en varias comarcas vitícolas, pero outras zonas practicamente desapareceron, e a produción vitícola pasou a ser testemuñal.
Compre lembrar que en Galicia, a parte das D.O. Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, outras zonas vitícolas tradicionais foron recuperando o seu esplendor baixo a figura de Indicacións Xeográficas Protexidas (Val do Miño-Ourense, Terra de Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo, Terra de Betanzos, e Terras do Navia) baixo a denominacións de “Viños da Terra” . Precisamente, nestas dúas últimas, a viticultura profesional practicamente desapareceu e con ela, o cultivo da caste tradicional Branca Lexítima.
Afortunadamente, nas últimas décadas, cun traballo incansable de determinadas persoas entusiastas, a recuperación desta extraordinaria variedade de vinífera, cun potencial equiparable ao Albariño, Treixadura ou Godello foi, por fin, unha realidade. Entre estes precursores do reencontro atopamos a Xosé Antón Meixide “Tonecho”, enxeñeiro pola mañá e viticultor pola tarde que, xunto con Lucinda Vázquez deron vida a ADEGAS BORDEL, unha explotación familiar emprazada en Sarandóns, no concello de Abegondo, creando un exquisito viño branco BORDELAR, ou monovarietal de Branca Lexítima XEIXEDO, ademais dunhas incursións nos tintos e espumosos.
Pero esta iniciativa ten un valor engadido: ademais de elaborar uns bos viños, o feito de que sexan etiquetados e comercializados en galego, fixo que esta adega fora recoñecida este ano co premio Bacelo e Prata que concede a Asociación Alvaro das Casas, recoñecendo así o esforzo de centos de viticultores e viticultoras que fixeron un extraordinario esforzo por recuperar unha historia, unha tradición e un modo de vida e tamén preservar un idioma que nin a filoxera, nin reis nin caudillos foron quen de eliminar.

Xosé Carballido. Ex-director xeral de Estruturas Agrarias
Curriculum de Xosé Carballido Presas
Enxeñeiro técnico en Explotacións Agropecuarias, Hortofruticultura e Xardinería pola Universidade de Santiago
Máster en Viticultura e Enoloxía
Ex-director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia
Ex-director xeral de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense
Ex-director xeral de Rehabilitación Urbana do concello de Ourense
Presidente da Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo
—————————————————————————————————
Outros artigos de Xosé Carballido
Xosé Carballido: “Alerta Nivel 2: Que arda o monte”
Xosé Carballido: “O viño do Pepucho”
Xosé Carballido:” Agroecoloxía e outras modernidades “
De macro-granxas e micro-prezos
O Movemento Veciñal e a Cultura
Terra agraria, a lei como instrumento”