
Por Felipe-Senén
As xentes do camiño ben sabían as unhas das outras; ás veces tamén emparentadas como nun clan. Afeitas a aprender das curvas das aventuras e das desventuras da andaina, polas costas e as chairas, nos difíciles días ventosos e treboeiros, como nas raxeiras do verán, topenexando nas pedras do camiño. Derrotas entre brincadeiras de anxos e demos disfrazados de trasno. Andaina na loita pola vida, tantas veces en contra da propia vida. Xentes rexas, curtidas na determinación das encrucilladas, de fardelo ao lombo, de alforxas sobre as bestas, de carromatos cargados de fardos. Vellos barbados, resabidos con mozos aprendices deses ires e vires, dos traeres e levares … moitos dos que, xa patrucios, andados os anos se foron asentando pra acougar e contar as súas longas penas e ledicias nas enguedelladas andainas. Así, á beira dos camiños, na encrucillada, naceron e medraron aldeas e núcleos arrieiros, arredor do encontro, ando servizo ao campo da feira. Velaí Moraña, Vilalba, Lalín, Ordes…o Carballiño…
Vellas redes de camiños, carreiros, vieiros, vereas, corredoiras, sendeiros, congostras, rueiros… camiños reais, os máis medievais, os que van da montaña ao mar e aos ribeiros, algúns sobre trazados romanos, cando non feitos polo instinto das mesmas bestas bravas, as que buscan os recorridos máis accesible. Ben sabían os gandeiros que as mulas escollen o mellor camiño. Vieiros reforzados polos pes dos seres humanos, tripados polos cascos dos facos e encarrilados polos carromatos. Arrieiros, feirantes, gandeiros coas súas bestas, xornaleiros, artesáns muiñeiros….frades, titiriteiros, pobres de esmola…bandoleiros tamén ou simples xente a velas vir… Xentes, costumes, saberes e feitos das que aínda queda moito que contar, entre vellos camiños aos que abriu estudos Elisa Ferreira Priegue en “Los caminos medievales de Galicia” ( 1988). Atravesando pontes, furando na incerteza que separaba antigas tribos, condados, señoríos como a Ponte Veiga, as de Pazos e Cavadoso… e tantas outras que quedaron asolagadas por encoros, como o de Albarellos… Vieiros entre esa arquitectura, enxeñería, arte popular, de necesarias fontes cos seus bebedoiros…e sempre lembro a antolóxica Fonte da Moa en Señorín, sobrevivinte a carón do Instituto do Carballiño…onde non faltaban, erguidos cruceiros, petos de ánimas, lembrando aquel Viacrucis e ás almas dos que atravesaron as cancelas do Trasmundo… Camiños abeirados, de cando en vez polas sinxelas igrexas protogóticas, estudadas por Chamoso…. vellas estruturas, chans empedrados, marcos… Pegadas, arqueoloxía, proba do paso antigo, moitos deles pra quedar hoxe inservibles, invadidos por propiedades, cando pra ben recuperados pola ilustración municipal e o ánimo dos sabios pro sendeirismo.
Rede de camiños pra xeira arrieira, a “geira” que dicían os estraperlistas dunha e da outra banda da raia lusa. Camiños aqueles que por Banga, Pazos, Leiro, Beade, Ribadavia, Cortegada, levaba ao Santuario da Peneda, na serra do Laboreiro… os que mesmos que seguiron moitos fuxidos da guerra civil, como o mestre agrarista Antón Alonso Ríos. Concorrido santuario, resultado da cristianización de grandes penedas, tan na devoción dos carballiñeses. Longa andaina que mesmo facían a pe e que eu fixen, pra atoparme, do mesmo xeito e pra unha perenne amizade co poeta Cesáreo Sánchez, ambos nenos acompañando ás avoas.

Mesoneiros, contrabandistas, saltadores, aliados dos arrieiros…
Ben sabían os arrieiros con quen aliarse, os máis cos tratantes do gando, das bestas bravas do monte, os besteiros, tan necesarios pra facilitar o mercado dos animais de tiro dos carruaxes e a que feiras e a que tendeiros concorrer. Ben sabían moitos destes tratantes do camiño, arrieiros, taberneiros, gandeiros… da necesidade de aliarse ou ser alcaiotes das gavillas de salteadores de camiños, se non o tiñan sido eles mesmos. Bos coñecedores das serras, da domesticación, a rapa e o comercio dos cabalos e do gando, o que tanto supuxo ademais pros curtidoiros e pra tan común industria galega de produtos de coiro. Gavillas armadas e montadas a cabalo que actuaban en grupo, ás agachadas, na noite, entre as tebras dos foxos e revoltas das vereas, como lobos. Señores e señoras tamén dos camiños que dominaban redes de pousadas, obrigada parada e fonda, mesmo na Metrópole e nas cidades do itinerario. Velaí os temidos e poderosos Balseiro, orixinarios da serra do Forgoselo, no Norte, en Grañas do Sor… de aprendices a socios e conselleiros do mesmo Luis Candelas: escola de dominio dos camiños e dos mercados e da que saíu Mamede Casanova, alias “Toribio” que non respectaba, nin vivos, nin mortos, a señores de pazos, a cregos de poderosas reitorais, nin casona de ricos indianos, nin mesmo os seus panteóns…pra roubarlle as alfaias complementos da mortalla…. Asunto que inspirou a autores como a Pardo Bazán ou a Valle-Inclán…e valaí a orixe de tantos mitos, mesmo de mulleres salteadoras como Pepa Loba, a Cachapanda de Señorín… detrás das que se ocultaban familias arrieiras.Sobre o devandito merecería capítulo a parte o libro de Beatriz López Morán “El bandolerismo Gallego” (1984), cun capítulo especial dedicado á temida “Gavilla do Carballiño”, conformada esta por xente de variadas procedencias e profesións. Autora que ademais foi querida profesora no Instituto do Carballiño, compañeira do lembrado historiador X. Ramón Barreiro Fernández.
Na primeira metade do século XIX, pazos, reitorais, casas grandes do rural amurallábanse, deixábanse abertos nos amplos valados pequenos buratos, bufardas de vixilancia e pro disparo… e os seus propietarios armábanse con trabucos e espingardas. Entre ele velaí ao salteador Ventura González, de Ourantes, capitán do grupo carballiñés, condenado no 1821 á forca… e moitos outros a traballos forzados en obras públicas ou a penais de Ceuta ou da Coruña. Gavillas, como subliñamos onde non faltaban mulleres como Antonia Garea, Pepa Álvarez, Pepa da Touza entre outras “Pepas” que nutriron o mito de Pepa Loba, estendido a toda Galiza dende o Carballiño, Lalín, Chantada, avivado no século XX por autores como Rey Soto autor de “La Loba” (1918), e sobre todo a do recordado e querido profesor Aurelio Miras Azor “La juventud de Pepa Loba” /1968), máis recente “Pepa Loba” (2006) de Carlos G. Reigosa, tema ao que se volve.
Arrieiros somos e atopámonos no camiño
A arrieiría era a sangue do comercio e no seu progresar económico foron adaptando as carruaxes ás novas tecnoloxías, mesmo a crear talleres, carrocerías dos vehículos que foron a motor, empresarios e condutores. Mais o seu grande competidor e mesmo quen acabou con este xeito de ser e vivir foi o ferrocarril. Sábeno ben na Maragatería, mestres arrieiros.
Arrieiros que eran aliados con gremios de artesáns que ían dunha banda a outra de Iberia, xornaleiros canteiros, entre estes tendo sona os trasmeranos cántabros; os cordaneiros de Calataiude, tan necesarios na arte de trenza de cordas, imprescindibles en todo traballo… colegas dos negociantes e prestamistas rioxanos, dos cameranos que mesmo chegaron a banqueiros… de corredores de viño, entre eles os aragoneses cos que houbo vella e grande amizade, eles mestres niso de facer cordas e como troco a levar produtos salgados ou secos do mar ou do agro: pulpo, congro, maruca, bacallau…pero tamén touciño, lacóns, xamóns…mercancías máis elaboradas de coiro, cestas, lonas… E así aprendendo foi madurando a feira e o comercio. Os pasegos especialistas nas quesadas e sobaos, escola de barquilleiros… Mesmo escoitamos dos máis vellos que os primeiros poboadores do Carballiño foron os cordaneiros de Maceda, posiblemente aprendices no oficio dos aragoneses.
Pobos os devanditos que, dende os seus recónditos lugares se aventuraron aos camiños, entendidos en ocasións como “pobos malditos”: argotes navarros, vaqueiros de Alzada asturianos, moinantes, xitanos, maragatos, arrieiros….e moitos deles de adn xudeu.
Entre os vellos señores de coches temos escoitado e convivido cos sucesores, nomes como Maioral, Reque Rodríguez, este o “Rebusco”, Piñeiro, González, Rivera, Campinas, Cabanelas, Bacalau, Farruquiño, Salto …. Don Ramón Otero Pedayo contou algo dese mundo que lle tocou vivir na súa infancia, seu pai cliente do Rebusco, que lle facía sitio ao neno, diante…. Aqueles carromatos de rodas radiadas pintadas, cubertos de lona, como os do mítico Western,… tirados por dous a mais de tres pares de cabalos, aguilloados a golpe de fusta e tanxer de axóuxeres. Aínda tivemos a sorte de ver algúns daqueles carromatos, como os cargados de palla e entre eles os porróns, olas, cuncas e barreñóns dos oleiros de Niñodaguia, os que proveían ao “Gito” ou acudían á feira. Arrieiros que cos produtos dos ribeiros e da montaña, entraban en Compostela polo Arco de Mazarelos, a carón do que, en Patio de Madres “A Carballiñesa” era parada e fonda con orixe.
E o camiño remárcase polas pisadas, ás veces luídos camiños de pedra, coas marcas das rodeiras dos carros, outras profundos, fundidos, entre a sombra e o paraugas natural dos loureiros…en zigzagueantes pendentes, lamacentos, empedrados… e quizais, á súa beira, algún pobriño pedindo esmola ou remedio pra o seu mal. Rico repertorio etnográfico: xeitos de vestir, de falar, cantares, músicas, danzas, receitas gastronómicas e moitos documentos e libros sobre o tema.

Vellos camiños, os máis sobre os que se fixeron novas estradas: na memoria colectiva perdura a significación dalgunhas curvas: a Reverencia en San Facundo de Cea, a Ferradura en Punxín, o Varón, A Fontenla, a Ponte de Godás…. nelas a lembranza dun asalto, dun accidente…dos que se foron.
Por algures sempre atopamos cuestións do camiño, dos arrieiros, e velaí un documento breve co que petei nun libreiro de vello da Coruña, máis ben ofreceumo a min sabendo da miña predilección e coleccionismo polas cousas do Carballiño: ringleiras de coidada caligrafía e erros na construción, as que puideron ser contraprestación dun escribán “de media tinta” quizais bacharel, seminarista, que o mesmo arrieiro poido levar.
Escrito feito sobre un folio de papel branco con marca de auga (unha M envolta en circunferencia con acios en cruz no seu perímetro) e timbre dirixido do Carballiño á Coruña, en galego, dirixido polo arrieiro Silvestre do Campo ao Capitán Xeral da Coruña.

Escrito do arrieiro Silvestre do Campo
Non ten data e pode ser arredor do 1809, pleno fragor das guerrillas e loitas contra os franceses. Tema e escenarios estes estudados por Xosé Ramón Barreiro Fernández en “Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia” ( 2009). Texto o referido no que insiste en que “os pobres estamos deixados da súa Maxestade”, en que é un probe arrieiro que ten “tres bestiñas ao camiño, gracias a Dios, fíxeme con elas por setecentos reais… que lle gostaban aos franceses e que eu e os meu fillos matamos no Camiño do Carballiño, pois eles, os condenados queimáronme a casa e o millo. Teño catro fillos no exército e para manterme e mandarlle algo ando arrastrado nos camiños..” conta o motivo do escrito que cada vez que pasa pola Ponte Sampaio, “cinco ladróns que ali hai, con moito mando”, cóbranlle de máis polo paso da ponte pese a ter eles xa o seu soldo. Suplicándolle que os castigue, que sendo bos mozos, os mande ao exercito. Pedíndolle por Deus e que lle quiten o pontazgo…Cousas do camiño
—————————————————————————————————
Traxectoria e obras de Felipe Senén
—————————————————————————————————
Outros artigos de Felipe Senén:
Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira
O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte
Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural
Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño
Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño
A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…
O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri
Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…
As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”
Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…
O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”
Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega
A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre
O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba
O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán
Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida
Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo
Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo
As tradicións do Entroido do Carballiño
A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas
A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño
O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai
Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño
Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño
O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor
A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura
Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura
A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza
Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte
A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño
Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea
A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo
Lembranzas de pintura mural no Carballiño
Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego
A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey
As augas e as fontes do Carballiño
Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño
Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño
O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño
E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…
Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros
A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño
Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño
O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados
O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega
Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes