Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Vilamorta era tan pouca cousa, tan “villita”, que nin casino tiña. Refírome ao tempo no que dona Emilia andou polo Avieiro. Nieves, que lle roubou os sentires do Cisne a Leocadia, compúxose, coa secreta ilusión de velo, como se fose a un “sarao” de palacete e non a un baile de “poblachón”; case se avergonzou ao vestirse daquela guisa.

AVANTAR ACTIVIDADES

No tempo de dona Emilia non había casino, pero si baile privado. Así que Nieves, a “ministra”, acudiu ao salón do concello.  Atravesou a praza infestada de viscosa lama, rachada, cada pouco, por escuros regueiros que conducían os fluídos da feira. Tal como a véspera, cando veu ver os fogos, tivo que tentar onde poñía os pés para non pisar a  xente anicada que enchía os arredores do consistorio ata o arrinque das escaleiras. O salón agardaba coas paredes de cal esvaída, as cadeira de pano brillante polo uso e unha araña de latón con candeas que bolboretaban como luciñas vagaceiras.

 Nieves decatouse das reviradas olladas dos mozos que ocupaban o centro da sala, nunha desequilibrada mestura entre autóctonos, auguistas, forasteiros e presumidos “orensanos”; e tamén das olladas envexosas, dos ruxe-ruxe boca-orella, das mozas vilamortás con exceso de po de arroz, escotes miserentos e longas colas de tea que rematarían esnacadas tan pronto se puxesen a choutar como se a vida rematase.

Un rememora aquel ímpeto bailarín nos rostros suorentos da mocidade que fuxía do baile do casino na procura do frescor da “calle” principal nos días soados (fin de ano, reis) mentres o frío aterecíanos os que mediamos a rúa, arriba e abaixo, porque non podiamos entrar no casino, ou non queriamos.

Mais Vilamorta tiña pretensións. Unha década despois de que dona Emilia imaxinase a Nieves, inaugurouse con toda solemnidade o casino e dende aquela o baile do día grande celebrábase tamén “en sus elegantes salones”[1].  Mentres, as rúas animábanse coa banda militar do rexemento Murcia, 42, que era de Vigo, e os “bailes campestres” coa música da vila, dirixida polo Sr. Teixido, e coa “charanga”, di o gaceteiro, do gaiteiro de Ventosela[2].

O tránsito de século foi soado; ata o punto de que, agás erro do xornal, os días das festas mudaron. Se o fixeron foi só aquel ano; puido ser polas múltiples actividades. Ademais das lóxicas funcións relixiosas, nada máis e nada menos que asistidas polas voces da catedral de Tui, e a feira-exposición anual de gando, unha comparsa de 16 gaiteiros e 8 tamborileiros percorreron as rúas; houbo bailes en tres sociedades e no café Cuíñas; regatas no Arenteiro e cabalgata ata a Saleta. Vilamorta medraba. Naquelas festas iluminouse a torre da igrexa, hoxe díselle “vella” pero daquela non é que fose nova, é que era “novísima”; aínda tardaría un lustro en se rematar e a campá Castora, doada por Perfectino Vieitez en lembranza da súa irmá, non soará ata xaneiro de 1906. Aquel ano de comezo de século inaugurouse a ponte de madeira de Toscaña e a “los pobres se le dieron bonos”, di o xornal[3], sen que saibamos moi ben para que.

O espazo arredor do balneario, coa presa do Arenteiro, o muíño de Toscaña e a nova ponte, convertíase no espazo de lecer da xente forasteira, parece que con certo desgusto da indíxena, pois segundo outro xornal o alcalde accidental non tivo mellor idea que privalos das súas festas máis populares, ás do “Bo Xesús”, obrigando a banda a que tocase nun “bosque próximo al establecimiento balneario” na vez de facelo, como sempre, na praza da constitución. Tal mudanza orixinou unha manifestación de protesta “propinándose a la autoridad una silba fenomenal” [4].

Outra asubiada monumental merecían os que deixaron primeiro deteriorar e despois desmontar o fermoso edificio onde estivo nun tempo o casino, retratado, na imaxe que acompaña, por José Pacheco cara a 1900[5] e que os da miña quinta coñecemos como “ferraxería Soto”, para deixar no sitio o oco baleiro do oprobio.



[1] El lucense, 7/9/1901

[2] Diario de Galicia, 17/9/1895.

[3] El eco de Galicia, 10/10/1900

[4] El correo de Galicia, 13/8/1903

[5] Tomada de Fernández, M.A. (1992): O Carballiño, vellas historias, vellas fotografía 1870-1970. O Carballiño: Xociviga.


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas