Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

CORNEDA POLO SEÑOR SANTIAGO (25) E “OS DOLORES” (28) (2024).

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


Polo que foi “Couto Redondo” de Corneda e, polo tanto, terra independente das dúas xurisdicións que durante abondos anos rexeron o destino das parroquias do Irixo, a de Orcellón e a da Encomenda de Pazos de Arenteiro, chegamos á fin do mes de xullo ou Santiago, coa celebración do Apóstol Peregrino e da Virxe das Dores na parroquia. Despois da extinción das xurisidicións, de tipo civil ou relixioso, algunhas das parroquias actuais ostentaron a cabeceira dos primeriors concellos entre 1821-1822: Reádigos, Parada de Labiote, O Campo e Corneda dentro do partido xudicial do Carballiño, ata que en 1835 se crea o que vai ser o concello do Irixo como o identificamos na actualidade.

Corneda: igrexa parroquial e reitoral

 A modo de consideración previa, e tendo en conta algún dos documentos históricos maís próximos de consulta, podemos aclarar que  desde o Catastro de Ensenada de 1753, tanto as estremas da freguesía como dos lugares que incluía foron variando co tempo. Así, por exemplo, atopamos citados como núcleos de poboación: “Lugar de Monte de Ollos”, “Lugar de Eixán”, “Lugar da Bugalleira”. O “Monte de Ollos” na actualidade mantense como microtopónimo dentro da parroquia preto do que coñecemos como “Castro Pedroso”, limítrofe co monte de Reádigos e Saavedra. O “lugar de Eixán” correspondería ao que podemos identificar como a “Pedriña de baixo” ouinterior, preto do regato Pedriña que marca a divisoria entre os concellos do Irixo e do Carballiño. Con respecto á  Bugalleira, aínda na actualidade diferenciada no Nomenclátor como de Arriba e de Abaixo, ambos os dous núcleos pertencen a Dadín desde que no ano 1893 se adaptou o arranxo parroquial da diocese de Ourense.

  Segundo a tradición, as festas por excelencia de Corneda, a do Patrón, Santiago, e a dos “Dolores” mantiñan a celebración en días separados, o vinte e cinco e o trinta de xullo. De feito,o pasado ano, 2023, foron tres os día de lecer: O 25 na honra de Santiago e Santa Ana, e o 29 e 30 como festa dos “Dolores”, ou do “Día Grande” da parroquia.

  Sería unha ousadía pola miña parte pretender ser orixinal con respecto ao tratamento do Santiago Apóstol, despois dos milleiros de páxinas que se lle teñen adicado desde a noite dos tempos como é o caso do famoso “Códice Calixtino”  (século XII) que, como lembrará o sempre amable lector, fora roubado por unha persoa que prestaba os seus servizos na catedral en 2011 e foi aparecer un ano maís tarde no garaxe dun edificio do Milladoiro, preto de Compostela.

  Ademáis de ser obxecto de atención para  grandes escritores como Paulo Coelho ou directores de cine como Emilio Estévez, –El Camino-, protagonizada polo seu pai na vida real, Martin Sheen, fillo de pai galego que emigrara a Ohio onde coñeceu á muller irlandesa coa que casaría.

 Cando está a cumprirse o primeiro cuarto do século XXI, aínda non se teñen resolto de xeito concluínte algunhas dúbidas ao respecto da traxectoria e consolidación da figura do Apóstol por excelencia, Santiago o Maior,  para o occidente europeo e en particular para España e de sobremaneira para Galicia. Así, por exemplo, tense considerado como un elemento de carácter político o feito de que O Camiño de Santiago teña servido como alicerce na configuración da Unión Europea, que sendo o Patrón de España se lle teña desputada esa categoría en favor de Santa Teresa, e, polo tanto, tamén obxecto de desputa a nivel literario.

Se nos atemos ao tratamento do Apóstol desde unha perspectiva máis galega, e sen entrar en moitas fonduras, o primeiro que se nos ocorre considerar desde un punto de vista máis arriscado é o de que na cripta da catedral de Santiago de Compostela non fose enterrado o corpo do Apóstol, senón o do  bispo Prisciliano que foi condenado por herexe e  executado en Tréveris (Alemaña) no 385.

 A polémica aínda está servida na actualidade e vénse mantendo, a pesar de que no ano 830 o bispo Teodomiro “descobre” o sepulcro co corpo de Santiago, e todo o que isto supuxo para Compostela como lugar de peregrinaxe. O bispo fixera tres días de xaxún e oración e entende que se lle revela milagrosamente que alí estaba oculto o corpo de Santiago Apóstol. Buscan e atopan os restos  nun lugar posteriormente denominado Compostela. No sitio iníciase a construción da que ía ser a obra senlleira de culto arredor do Santo: A Catedral e todo o que encerra este exemplo do barroco compostelán; o Pórtico da Gloria, e as prazas que a circundan: O Obradoio, A Quintana, As Praterías e A Azabachería.

 As rúas de Compostela vense inundadas de persoas que chegan nas primeiras vagas desde Centro Europa e traen consigo algúns elementos que van ser fundamentais para o desenvolvemento cultural de Galicia nas diferentes artes: a arte románica e a literatura trobadoresca de inspiración occitana (lingua de OC) e francesa (lingua de OIL) son unha boa mostra desas raíces, como proban  un bo número de igrexas e dos cancioneiros galegoportugueses arredor do século XIII, e o recoñecemento da Lingua Galega como modelo lírico da época e lingua de Reis, como foron os casos de Afonso X na súa produción das cantigas de Santa María ou outras de carácter profano -que disque aprendeu o galego por terras de Allariz-, ou o caso do Rei Don Dinís de Portugal e do seu fillo O Conde de Barcelos.

A nómina de “artistas” como O mestre Mateo, de xograres e trobadores que beberon destas fontes artísticas son tantos que non vén ao caso citalos, sinxelamente lembrar que de non ser por eles non seriamos os mesmos, sen unha lingua, sen unha cultura propia. Neste sentido, Compostela, converteuse no epicentro  cultural e relixioso da man do bispo Xelmirez, da comuñón entre o poder político e relixioso do Antigo Reino de Galicia: o cáliz e as sete cruces que acompañan o escudo de Galicia son una boa mostra desa relación, ata que para completar a faena se vén unir a capitalidade da Comunidade Autónoma, -non exenta de polémica a decisión-, cando o 11 de xuño de 2002 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Estatuto de Capitalidade.

 Polo tanto, a cidade de Santiago de Compostela non deixaría de ser unha máis de non ser pola impronta exercida pola “descuberta” da tumba do Apóstol, que a día de hoxe, máis ca nunca, a expresión de que “todos os camiños conducen a Roma” estase a transladar a “todos os camiños conducen a Compostela”, sendo milleiros de pelegríns os que chegan desde os puntos maís afastados da xeografía universal: Europa, América, Asia…

 Os camiños oficiais, ademais do tradicional Camiño Francés (declarado Patrimonio Mundial pola Unesco e primeiro itinerario cultural Europeo), o inglés, portugués, primitivo, e do Norte, están a bater récords de afluencia, ademais doutros que se están a introducir  como o Camiño da Geira e dos Arrieiros entre Braga e Santiago, que xa ten a consideración de oficial e que transcorre en parte polas terras estremeiras de Boborás e Beariz.

 Nesta liña argumental, O Irixo tamén ten algo que dicir ao respecto e reivindicar como propio, xunta cos demais concellos polos que discorre, “O Camiño Nós”. Porque foi así comopartindo de Ourense cidade, os membros ourensáns da Xeración Nós, e utilizando como guía o mapa de Galicia de Domingo Fontán inician a xeira na capital e continúan polos concellos de Amoeiro, O Carballiño, O Irixo, Lalín, Silleda, Boqueixón e Compostela en 1926. Esta nova ruta vén de ser sinalizada coas correspondentes mouteiras á entrada de cada concello, ademais dos lugares polos que avanza. No caso do Irixo comeza na parroquia de Corneda na Ponte do Eixán-A Pedriña, continúa polo Concieiro, A Pena da Sela-A Seara-Dadín; As Laxas-A Ponte (con parada para xantar, arranxar o calzado e descansar xunta do Zapateiro na Casa de Lagarto), seguir ata a Ermida do Medio- A Castiñeira,  A Saborida-Vilatuxe- Os Carballiños (Lalín), ata pernoctar en Silleda e completar a andaina ata Ribadulla-  e Santiago.

Parte superior: en Corneda, santa Ana, Santiago e Xesucristo na paixón acompañado do galo que representa a negación de san Pedro ou a  volta de Cristo no Xuízo Final. As dúas imaxes inferiores corresponden a dúas das tres representacións maís comúns de Santiago (cerámica Celta de Pontecesures e capela da Misericordia-Baiona).

 Sobre a simboloxía coa que se envolve o Apóstol, ademaís de pelegrín co característico sombreiro de ala ancha, capa, bordón, cabaza e cuncha de vieira decorando sombreiro e capa; hai outra moi característica polo significado que historicamente se lle atribúe á súa intervención milagreira na derrota dos sarracenos na Reconquista como é a de aparecer montado nun cabalo de cor branca e golpeando coa súa espada a un grupo de guerreiros musulmáns (Santiago Matamouros). [Unha inxenuidade popular: De que cor era o cabalo branco de Santiago?] Aínda se dá esa terceira versión como sedente, en actitude de recibir os pelegríns e de mestre que ensina cun libro na man como apóstol que é.

 Polo que respecta á súa representatividade en Galicía, acada a  terceira posición despois de san Pedro e santa María como patrón de 277 parroquias, ademais de Patrón de España e de Galicia, cuxa celebración, o 25 de xullo, reúne en Santiago de Compostela diferentes  posturas ideolóxicas: O Día de Galicia, O Día da Patria Galega… a Ofrenda da Xunta no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval aos outros “santos civís”: Rosalía de Castro, A. D. R. Castelao, Alfredo Brañas e Ramón Cabanillas.

Porta lateral e imaxe da Virxe das Dores. Capela do Concieiro e retablo igrexa parroquial

As imaxes de Santiago Apóstol, que locen tanto no interior da igrexa parroquial de Corneda, como no exterior, e na espadana da capela do Concieiro, responden a ese modelo común, que, por outro lado, non debe ser casualidade que sexa Corneda tamén un dos puntos de referencia do Camiño a Santiago, porque tamén o é do Camiño Real que, entre a outros lugares, conducía non só a Santiago a pelegríns e arrieiros senón tamén aos que en dirección ás terras do Deza, Arzúa e Melide utilzaban esta ruta como unha das etapas de descanso desde o Ribeiro.

Igrexa parroquial e mouteira na Ponte do Eixán-Corneda

Unha das lendas máis recorrentes con respecto ao translado dos restos  do Apóstol, non só desde Xudea ata Padrón, senón tamén desde Iria Flavia a Santiago, é a que protagoniza A Raíña Lupa, quen gobernaba as ribeiras do Sar na contorna de Padrón, que non só se opón incialmente a colaborar na angueira cos discípulos que acompañan os restos de Santiago, senón que os encamiña a unha morte segura pola parte de Fisterra. Opérase o milagre e voltan a Padrón onde a raíña vai cambiar de opinión ao ver como superan algunhas probas imposibles, ata o punto que ela mesma dispón unha xugada de bois, de primeiras algo bravos, e chegan ao Pico Sacro, pero que amansan coa presenza do apóstol. Así a raíña converterase ao cristianismo e os restos son depositados no monte Libredón, a futura Compostela. Este lugar converterase durante os anos escuros do século pasado -especialmente durante a Ditadura de Primo de Rivera- en punto de encontro daqueles nacionalistas que mantiñan aceso o facho da esperanza  ao ter que escapar “ao monte” para a celebración do Día da Patria Galega.

Aí tamén se atoparan en 1926 os de NÓS  ourensaos cos amigos santiagueses que os viñan esperar: Tobío, Martínez López, Requejo,Noya e algúns máis”, cando aqueles realizaban a última etapa para entrar en Compostela.

 O cronista Xavier Pardo relátao así: “Xa chegamos â falda do Pico. Por un instante, a emoción foi dona de todos nós. O Risco e O Otero Pedrayo, caíron de xeonllos no chan e todos, pol-o baixo, recitamos  apregaria tradiciona: “Pico Sagro, Pico Sagro, líbrame do mal que eu trayo! Logo nos dividimos en dous grupos e escomenzamos a rubir ao Pico. Ni cume acenaban cunha gran bandeira branca. Nós sacámolos panos e atámolos ôs paus. O Risco, Pedryo, Cuevillas e Monxardín van rubindo pol-a dereita do monte, o Feixóo. O Sánchez e mais eu imospol-o mio car´a riba en línea reuta.”

 “Xuntos todos, xantamos e falamos longamente de todo o que quixemos, n-aquel lugar que nos semellaba isolado do mundo, e onde ninguén nos viña a estorbar: logo, inda percorrimos con tuda calma, o Pico, a hermida, a entrada da cobba, e dende o cume, ollamos ao lonxe, as torres da Catedral, o Convento de Santa Clara, O monte Pedroso…”

 “A emoción que sentimos ao pisar Sant-Yago, dimpois de catro días de longo camiñar pol-o corazón da Terra, non é facilmente descriptíbel…”

 Derradeiras verbas da crónica: “¡Ouh Santa e diviña emoción da pelengrinaxe, de ti non saben os que nos chaman tolos!

A antigüidade do nome propio Santiago, do latín Sancte Jacobe, deu lugar a variantes como Xaime ou Iago e hipocorísticos como Iaio, Santi. Portugués: Tiago; Francés: Jacques, Jacqueline…

 O  refraneiro está cheo de referencias ao apóstol  e mártir:

-Eu ben che dicía nena,que non foras a Santiago; que che ía meter medo ver un home, nun cabalo.

-Santiago de Compostela díxolle á Pilarica: mentres eu teña galegos, non teñas medo, Mañica.

-Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.

 Temos como unha das manifestacións máis populares da tradición galega o romance de Don Gaiferos, que o músico Faustino Santalices interpretara acompañado da zanfoña de xeito maxistral:

 
 -I a onde vai aquel romeiro,

meu romeiro, a onde irá?

Camiño de Compostela,

non sei se alí chegará.

///////

 -I eu chámome don Gaiferos

Gaiferos de Mormaltán,

se agora non teño forzas

meu Santiago mas dará.

//////

 A parroquia de Corneda tamén conta co seu repertorio particular en canto á defensa e autoestima de seu. Así:

 Viva O Campo, viva O Campo;

 San Cosme xa ten a sona;

a parroquia de Corneda

é a flor de España toda.

Nesta escolma de virtudes de Compostela, alén doutras que non veñen ao caso, non hai que esquecer que aquí está o xérmolo da Universidade galega (Fundada en 1495 e impulsada pola man do arcebispo Alonso III de Fonseca) co que converteu a cidade no epicentro de irradiación de cultura non só humanística, senón tamén científica, xa que era a única de Galicia ata mediados dos anos setenta do pasado século. O cal supuxo, como mínimo, unha dobre pelegrinaxe: a do pelegrín en strictu sensu, e o estudiantil.

  Pechamos esta andaina entre Santiago de Corneda e Santiago de Compostela cun lema popular que é obxecto de contorversia: “Santiago y cierra España” , que, con certa carga belicista pertencente á tradición militar española, animaba as tropas cristiás fronte aos “mouros” na Reconquista e que no noso caso propoñemos un “Santiago e abre Galicia”, parafraseando as palabras empregadas por un personaxe de luces de Bohemia de “Santiago y abre España”.

A FESTA DA VIRXE DAS DORES, popularmente coñecida como “OS DOLORES”  

Se o señor Santiago é o patrón da parroquia, a Virxe das Dores tiña o seu día propio en canto á festividade, que viña sendo contra a fin de do mes de xullo e con tanta ou máis devoción, se cabe, que a do propio apóstol.

 A Virxe das Dores, ou tamén coñecida como “A Dolorosa”, quere representar a dor infinita da Virxe cando asiste, impotente, no monte Gólgota, á crucifixión do seu fillo. Esa dor adoita representarse simbolicamente por un puñal ou pequenas espadas, que aparecen cravados profundamente no seu corazón e que ela suxeita con forza. Cando son sete as pequenas espadas están a referirse a diferentes momentos da vida de Xesús que foron especialmente dolorosos para ámbos os dous.

 A posición habitual é a de aparecer de pé, con vestimentas escuras que simbolizan o seu loito, chorando e botando a man ao peito do que asoman as espadas de dor cravadas no seu corazón, ademais dunha touca moi hermética que lle encerra a cabeza deixándolle tan só ver o rostro. Esta representación está en relación directa coas verbas que lle pronunciara Simeón a María  na presentación a Xesús no templo: “E a ti mesma unha espada hache de atravesar a alma”. É a patroa de varios concellos galegos como o de Lalín.

A imaxe que garda a igrexa de Corneda da virxe das Dores responde a esa descrición, ademais do enxoval que inclúe coroa e varios colares e rosarios das ofrendas dos devotos.

Na onomástica impúxose a versión castelanizada, Dolores, e como solucións abreviadas as de : Lola, Loliña, Cuca… Sobre o patrimonio da igrexa, ademais do edificio de estilo barroco santiagués, en cuxo exterior se poden admirar as representacións en granito de ambos os dous santos por excelencia da parroquia: un Santiago evanxelista e camiñante cos seus atributos característicos: o libro, o bordón, manto e sombreiro de ala ancha; e a da Virxe das Dores na porta lateral na que ao

semblante doloroso se engade unha rechamente espada. Destaca, ademais, a torre de dous corpos, no primeiro con cerre perimetral abalaustrado e campanario; o segundo de carácter máis decorativo a base de pináculos piramidais e fornelo ao que dá remate unha pequena cúpula profusamente adornada.

 O interior da igrexa destaca pola súa bóveda acasetonada do século XVI, ademais da sacristía con bóveda de canón. O acceso á tribuna e campanario resólvese na entrada principal cunha bóveda de de canón que garda a un lado a pía bautismal e ao outro a escaleira.

Todo en Corneda

 O retablo principal responde á súa clasificación como manierista dada a amplitude do mesmo e o elevado número de imaxes. Repártese en cinco “rúas” e un banco que acollen en varios fornelos imaxes diversas do santoral, destacando entre elas a de Santiago Matamouros no ático, e a de Santiago Peregrino no primeiro corpo, ademais da de santa Ana, san Roque e san Bernardo.

 A parte que sobresae en todo o retablo é a do Sagrario-expositor, organizado en dous niveis, o superior coas imaxes das virtudes teologais: Fe, Esperanza e Caridade; na inferior, ademais do busto do Pai eterno,  a porta do sagrario cun tema en relevo do Cordeiro místico, que garda a custodia que este ano despois de moito tempo saiu en procesión o día do Corpus.

 Dos retablos colaterais, un recolle a imaxe de Cristo suxeito á columna e o outro a da Virxe das Dores.

 O adro acolle varios panteóns dos canteiros locais e hai unha mostra interesante da Paixón en relevo, do escultor Mallo, propiedade da familia García Paz, xusto na entrada da porta lateral. Os panteóns están a “asfixiar” en certa medida a  monumentalidade do templo.

 Fóra do recinto sagrado, atopamos unha impresionante reitoral de estilo pacego, en estado ruinoso,  en cuxa construción sobresae unha ampla solaina a base de perpiaño apoiado en sólidos canzorros, ademais das estilizadas e solleiras columnas  con zapatas de pilastras de capiteis xónicos.

 A parroquia de Corneda conta, ademais, dentro do catálogo de bens arquitectónicos, coa capela do Concieiro na honra de San Marco, e cuxo estado regular de conservación  corre certo perigo de ruína. Na espadana repítese a imaxe de Santiago apóstol, pois,  como xa se suliñaba anteriormente, estamos a transitar polo Camiño Real/ de Santiago, e polo que se vén de sinalizar o do Camiño Nós.

 Sen entrar en moitos detalles, e a modo de referencia sobre o Catálogo dos bens culturais da parroquia, podemos suliñar que, ademais, da igrexa, a reitoral e o cruceiro, son varias as Casas grandes as que foron incluídas no proxecto do Plan xeral de ordenación municipal ( O Concieiro, Vilameá, A Enfesta, Campeliños co único escudo conservado en todo o concello)  así como algún pombal en Vilameá e Campeliños, ademais dun amplo número de hórreos, muíños, e fornos, ou conxuntos etnográficos con eira, palleiros…

 En canto ao patrimonio arqueolóxico é das parroquias que mantén un número elevado de construcións castrexas cos castros de Souteliño e de Castro Pedroso, ademais dun elevado número de mámoas identificadas polos nomes de Chousa da Lagoa (Matelo); da Forca (O Concieirro), dos Mouros (Vilameá).

 Algunhas das construcións civís da parroquia, varias delas en ruínas, e de certo nivel arquitectónico tiveron que ver coas herdanzas  da familia dos Quiroga. Un deles, José Quiroga, casara con dona Emilia Pardo Bazán que frecuentara a comarca, e desde algún dos pazos como o de Banga ou a casa “dos Quiroga” no Carballiño se inspiraría para, entre outros, o relato titulado “El cisne de Vilamorta”. Unha das fillas do matrimonio Quiroga-Pardo Bazán contraeu matrimonio co marqués de Cavalcanti, quen actuaría como vendedor dalgunhas desas propiedades en Corneda en representación daquela.

 Con estas, e outras curiosidades que seguen acochadas e quizais esquecidas para sempre, damos remate a esta modesta crónica, non sen antes desexarlles a toda a vecindade unha venturosa celebración do señor Santiago e dos “Dolores”.

O Irixo, 22 de xullo de 2024

Xulio Dobarro Ferradás


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.