A opinión de Xosé González: “No concello de Xermade celebrarase  o día da restauración da memoria lingüística”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.


Cando o 25 de xaneiro de 1891 foron trasladados os restos mortais de Rosalía de Castro  ao Panteón dos Galegos Ilustres gravouse nel un acaido epitafio en lingua galega. É o primeiro  epitafio escrito no noso idioma. Un ano antes, no semanario lugués “A Monteira”, publicarase tamén a primeira esquela no noso idioma anunciando o falecemento dun crego.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Desde entón o uso da lingua galega nas exequias fúnebres foi aparecendo moi de cando en vez. Aínda hoxe podemos constatar que só unha de cada mil lápidas están escritas en galego; da mesma maneira, as necrolóxicas publicadas nos medios de comunicación son pouquísimas: unha de cada cen  redactanse no idioma do defunto ou defunta.

Cando acudimos aos camposantos podemos comprobar esa anomalía cultural que fala de seu: as lápidas perpetúan as memorias dos seus moradores nun idioma que endexamais falaron. Mais sempre houbo entidades e familias dispostas a seren coherentes no tratamento do perfil cultural do defunto, utilizando o idioma que falaron, aínda  que son excepcións, desgrazadamente.

A evidencia desta marxinación cultural, cando temos unha lexislación que recoñece a oficialidade da nosa lingua ten a súa causa na contraditoria autoestima tan xeralizada en amplos sectores populares. O galego aínda non ten prestixio social abondo. Esta é a razón de fondo. Hainos que xustifican ese imperdoable proceder coa argallada de que neses trances traumáticos as familias non teñen abonda serenidade de ánimo para redactaren a esquela e  epitafio en galego. Tal estado anímico, sen embargo, non lles  impide reaxir e elixiren o tipo de caixa, módulo da esquela, número de coroas e cantos cregos queren que oficien o funeral. Temos que ser concluíntes: é preocupante o desleixo xeralizado no tratamento da memoria das persoas falecidas.

A antropoloxía cultural  galega  ten no culto aos mortos manifestacións evidentes; máis que noutras latitudes xeográficas próximas á nosa. Rosalía de Castro descríbeas maxistralmente nun poema titulado “Da Terra”, que di así:  “D´os vivos amigos sodes/mortos que ali tés descanso/ e nin os nenos vos temen/n´a ninguen causas espanto./ Visitanvos cada dia/falan convosco rezando/auga bendita vos botan/n´a sepultura ó deixarvos…/E “Hastra mañá!”, se despiden/de vos para o seu traballo”.

Esas imaxes repítense acotío nos cemiterios onde os vivos  “dialogan” cos defuntos diante do nicho ou sartego con epitafios en castelán.  Por forza, esa circunstancia idiomática ten  que producir unha molesta inteferenza na emotividade deses momentos. Cómpre evitar ese trauma sentimental para unha mellor  comunicación emotiva entre  vivos e mortos, restaurando as lápidas.Velaí o sentido das moitas celebracións que organiza nos camposantos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística  baixo o rubro de Día da Restauración da Memoria Lingüística; unha iniciativa pedagóxica partilladas con moitos concellos e familias que amosan unha resolta vontade  de harmonizaren a lingua dos devanceiros coa dos vivos.

O Concello de Xermade celebrará  o próximo día 17, ás 11:00 horas, no cemiterio de San Mamede de Momán un acto de restauración  do idioma que foi deles. Descubrirase unha placa na que  queda constancia do  agradecemento a todos os que ali xacen por seren os auténticos protagonistas da pervivencia da  nosa cultura e lingua; ao tempo,  será substituida  a lápida en castelán do nicho  de don Jesus Paz Paz, coñecido por “Suso o panadeiro”, defensor da feira de Momán e promotor do grupo “Novas estrelas” por outra en galego.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia chama á veciñanza a participar nesta sentida homenaxe,  agradecéndolles ao Concello, nomeadamente na persoa do seu alcalde don  Roberto García Pernas, ao crego-párroco, don  Luís Ángel Rodríguez Patiño,  á filla do finado,dona Lucía Paz Calvo, e á Secretaría Xeral do Concello e activa militante da Irmandade Xurídica Galega, dona Cristina Varela García, o entusiasmo que puxeron na organización e convocatoria deste acto que dignifica a memoria cultural da parroquia. Ogallá o exemplo do Concello de Xermade sexa imitado por outros.

* Presidente do Foro E. Peinador.


Outros ártigos de Xosé González

A opinión de Xosé González: “lembrando a Xosé Manuel Rodríguez-Abella”

A opinión de Xosé González: “Premios Bacelos de Prata 2024”

Xosé González: “Vertebrar o país. A lingua nas empresas”

A opinión de Xosé González: ”O himno galego nas celebracións litúrxicas”

A opinión de Xosé González: ”Os emigrantes galegos en Catalunya premian a unha arraiana de Goián”

A opinión de Xosé González: ” Homenaxe ao doutor Sixto Seco”

A opinión de Xosé González: ” Os premios Peña Novo no castelo de Soutomaior “

A opinión de Xosé González: ”Couto Mixto, unha República rescatada “

A opinión de Xosé González: ”A XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”

A opinión de Xosé González: ”A irmandade da sanidade galega homenaxea ao doutor Carlos Guitián”

A opinión de Xosé González: ” Embutidos Lalinense, un exemplo de galeguización empresarial “

A opinión de Xosé González: ” As mentiras do relato da transición democrática”

A opinión de Xosé González: ” Para Sermos Máis Nós”

A opinión de Xosé González: ” Precursores da conciencia galega”

A opinión de Xosé González: “Galeguización dos Concellos”

A opinión de Xosé González: “dous reitores compartiron ilusións para transformaren a Usc”

A opinión de Xosé González: “no pasamento dun amigo de meu”

Xosé González: “Os montes veciñais en man común “

Xosé González: “acto de homenaxe ao reitor Rodriguez Cadarso en Lubián”

Na Limia en Galego, Agora e Sempre

A opinión de Xosé González: “Na memoria de Domingo Lorenzo en Barcia de Mera”

A opinión de Xosé González: ” A identidade lingüística dos defuntos”

A opinión de Xosé González: ” Sumar Navantia”

A opinión de Xosé González: ” Homenaxe a don Ramón Castromil”

A opinión de Xosé González: “Premios á Etiquetaxe en Lingua Galega”

A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”

NO DÍA DA PATRIA GALEGA

A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”

A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”

A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “

A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------