
O próximo día trece de maio, coincidindo coa aparición en Cova de Iria-Fátima (Portugal), de cuxo lugar a virxe adoptou o seu nome, Fátima, -aínda que este sexa de orixe árabe (Fâtimat), o concello do Irixo ten declarado ese día como festivo local desde hai uns cantos anos, despois de que en 1964 se consagrara a capela daquela na súa advocación no lugar da Ponte. Nese cruce de camiños, onde, desde ben antigo xa lucía un Peto de Ánimas exento, tal e como documentou Vicente Risco cara 1926, que, ademais, como moitas persoas xa coñeceran, a ubicación coincide cunha senlleira construción nese mesmo cruce, a casa familiar da sonada dona Manuela, que ben podería ser considerada como pazo por aquilo de “pombal, capela -a medias- e ciprés” no amplo enxido, arredor de cuxa estirpe xirou en grande medida a vida social e política do concello ao longo de anos abondos desde finais do XIX ata ben entrada a década dos sesenta do XX

(De nuestro corresponsal J. César: La Región: 17 de maio de 1967)
Con respecto á capela, xa fora en 1906 un dos eclesiásticos da familia, Manuel López Suárez, quen deixara un donativo de 25.000 pesetas para a súa construción. Esta retrasouse ata que en 1950, o bispo de Ourense, Monseñor Temiño, deu o visto bo, e despois de contar coa cesión, de balde, dos terreos de dous veciños do lugar, emigrados en Arxentina, tal e como se pode ler na inscrición na fachada lateral de 1964.
A presenza dese Peto de Ánimas, que foi encastrado na parte dereita da entrada da capela e retirado hai uns anos, se temera pola súa desaparición. Sabiamos que fora enviado a restaurar –ou iso se dicía-, e así foi, aínda que quizais dun xeito algo descoidado- e reubicado no lugar que ocupara desde a inauguración da capela en 1964.

Capela d´A Fátima, peto, coa reixa orixinal de ferro, e resultado da restauración.

Dous dos motivos decorativos que de Vicente Risco reclamaran a súa atención, ao seu paso pola Ponte de cando a peregrinaxe a Santiago en 1926, polo de hoxe identificado como Camiño Nós: O Peto de Ánimas: “O do centro está na Ponte Irixo ( Carballiño) e ten carácter bárroco; o retábulo aparez defendido por unha pequena reixa de ferro”. Sobre o Petador das portas, di Risco: “Os de abaixo (refírese á páxina), de feitío animal, un diles con figura humá (un labrego vestido á antiga usanza) que semella unha momia exipcia. Este petador é do que Risco dá conta cando ao pasar por diante da casa que sería/é dos de Rei nas Laxas lle chamara a atención e denantes de acomodarse na casa de Zapateiro/Lagarto a xantar e reparar o calzado.
A continuación unha mostra de tres petadores-chamadores, obra dos ferreiros da contorna: A “Trenza” en Santiso na casa grande dos Caldeireiros, cuxo alcume lles viña precisamente do oficio de traballar o cobre e o latón, ademais do ferro; o de formato alongado, o máis común nas grandes portadas, e “A man de Fátima” na Sueirexe que o antropólogo Rafael Quintía describe así: “Amuleto apotropaico (relativo a ritos máxicos) doméstico, que protexe a entrada do fogar. Nome co que se coñecen os petadores das portas con forma de man. A representación desta man adoita levar un anel.

O nome fai referencia ao famoso amuleto coñecido como Hamsa ou Man de Fátima, figura dunha man de cinco dedos simétricos típica da tradición do norte de África, posiblemente de orixe exipcia ou fenicia. Ás veces contén outros símbolos, como o ollo de Deus, ou inscricións de carácter relixioso”. Desde logo, esta Man de Fátima na Sueirexe, poidamos ou non identificala con este nome, responde con bastante exactitude á descrición de Quintía.
Con respecto á celebración da Fátima da edición de 2024 xa deramos conta dalgúns destes e outros detalles na publicación ao efecto en Badal Novas:”Unha vez na casa de Lagarto na Ponte, como ademais de taberna era zapateiro o seu dono, aproveitan para facer a “toilette” dos pés, soben ao sobrado en cuxa sala hai unha gran mesa con bancos aos lados e : “O patrón, home serio, de bigote fíxonos rubir por unha moza, ovos duros partidos a mitade, guiso imitante ao do pulpo, e dimpois, xamón cocido con patacas ao xeito de cachelos, queixo, pan e viño e café con uha botella de augardente do Ribeiro”.
Despois dunha curta soneca: “Enantes de surtir, do Irixo, inda fixemos unha foto de un peto de ánimas, e outra de unha vista da aldea, na que retratamos a xente de alí, entre eles un vello de bigote e óculos pequeneiros con mandil de coiro, con todo o aer dun zapateiro. [A mención ao peto das ánimas é unha proba máis da existencia deste, anterior á capela de Fátima, como se dicía máis enriba]. –Mágoa que non se puidesen localizar algunhas das fotos que din que realizaran tanto a algunhas persoas como da paisaxe!! Ou da cerámica que se cita noutros traballos de Risco”.
Foi así como xurdiron accións actuais dos concellos polos que discorre esta ruta, inspirados no grupo dos intrépidos ourensáns que aos catro días aterrara en Santiago, guiándose polo mapa de Fontán, en 1926, e, polo tanto a piques de cumprirse o centenario do evento.

O menú, quizais debería ser revisado, se se quere ser fieis ao servido en 1926
Entendo que estas digresións están xustificadas, na medida que todo xira arredor da Ponte, sen esquecer a idea orixinal da advocación d´A Fátima, ademais, das xa publicadas en citas anteriores nese día trece de maio.
A capela foi ampliando o seu grao de devocións e incorporou dous nomes máis do santoral. Un, coa imaxe do santo Isidoro/Sidro/Sidre/Cidre que eu lembro na Cámara Sindical Agraria a cargo de Cesáreo Villaverde, dado que aquel é considerado o patrón dos labregos e da Facultade de Enxeñería Técnica Agrícola, -que non se confunda co S. Isidoro de Sevilla-.
Este Sidro -por este nome é coñecida unha familia do Cardedo, polo tanto, unha vez máis a memoria tráenos a luz- foi un labrego de Madrid, de cando alá polo sec. XI, que era tan relixioso que nunca deixaba os seus rezos e algunha vez que parou o traballo para unha oración, viñéronlle os anxos seguir o labor. Atribúenselle moitos milagres e foi canonizado en 1622. A súa iconografía é ben coñecida e a ela responde a da Ponte: traxe tradicional de labrego castelán co arado tirado pola xugada. O santoral ten fixado o quince de maio como día adicado á súa honra, que, no caso do Irixo, dada a proximidade entre A Fátima e aquel, os cultos relixiosos de novena, procesión e misa cantada concéntranse nas mesmas datas. O de ser o Patrón de Madrid, parece que ten que ver coa rivalidade co San Isidoro de Sevilla, aquel máis manual e este máis intelectual.
O San Sidro faime lembrar do que hai un tempo relatara con respecto a unha interesante novela da inmensa dona Emilia Pardo Bazán a cuxa “Pradera madrileña” acudiran os protagonistas de “Insolación” mentresa protagonista viguesa non puidera refuxiarse no seu Vigo da alma, escapando do secarral castelán. Ademais de ser un triste lugar de lembranza de cando na Guerra Civil era utilizado como punto de fusilamento dos inconformistas co Réxime da Ditadura. Entre outros, un fillo da mesma E. Pardo Bazán.

Interior da capela d´A Fátima na Ponte.
Con respecto á terceira advocación, quizais proceda unha consideración previa en canto á identidade deste Padre Pío, pola posible confusión con moitos dos papas que historicamente ocuparon a cátedra romana na basílica de San Pedro -xustamente nestes días que andamos en sede vacante pola morte do Papa Francisco Bergoglio-, e que os nomes de pía das persoas que foron bautizadas como Pío, -pénsese en Pío Baroja, Pío Cabanillas, Pío García Espinosa (pai de don Román de Cusanca) a non ser algunhas máis recentemente, deben ter como antecedente a algún deses doce papas que teñen encomendada esa misión ao longo da historia da igrexa católica.
Non é un nome propio moi común entre nós, aínda que que habelos hainos e esta tradición pode ter que ver co último papa de nome Pío XII (entre 1939-1958), quen durante a Segunda Guerra Mundial se tiña enfrontado ao fascismo, nazismo e o marxismo e polo tanto a favor da Ditadura franquista.
En relación con esta advertencia, contamos no concello do Irixo cunha proba documental incontestable desta admiración polo papa Pío XII , de cando o once de marzo de 1951, e segundo testemuños recuperados do mestre-alcalde Avelino Penelas escribiu a seguinte información á foto que segue, na que sería a praza do recoñecido como protomártir pola Ditadura, José Calvo Sotelo, fusilado en Madrid en 1936.
A talla que na actualidade sobresae en toda a capela é a do Padre Pío, beatificado polo papa Xoán Paulo II en 1999, despois dunha que outra polémica na que se viu incolucrado, ademais de ser suspendido “a divinis” ata que en 1964 lle foi levantada a suspensión polo papa Paulo VI.

Na pancarta que suxeitan os escolares pódese ler: ”Maestros y niños por su santidad Pío XII. SEM-IRIJO”. Cando se cumpren 74 anos neste 2025, algunhas persoas poderán lembrarse e, mesmo, identificarse. Que así sexa!

A imaxe, a tamaño natural, foi traída directamente desde a localidade italiana, con motivo dunha peregrinaxe da parroquia ata San Giovani Rotondo onde se construiu un santuario na súa honra, un dos máis visitados do mundo, aínda que el nacera en 1887 en Pietrelcina.
A súa caracterización responde á dos hábitos capuchinos de San Francisco -co cordón dos tres nós-, home barbado e de avanzada idade, bendecindo, coa estola ao pescozo e colgándolle da cintura un rosario.
Fora arredor de 1916 cando empezara a ter visións místicas de Cristo e da Virxe. É en 1918 cando lle aparecen uns estigmas que se manterán case toda a súa vida, e atribúenselle varias actuacións sobrenaturais: profecías, biolocalización, levitación, clarividencia, poder ler o pensamento, e, quizais a mais valorada: a de curar graves doenzas.
Sexa como for, o caso é que as listas de espera para ser confesado por el resultaban interminables, ata a creación da Casa de alivio do Sufrimento que, a partir de 1956 se converteu no hospital mellor dotado do sur de Italia.

Priegue-Nigrán, ao pé do Camiño portugués pola costa.
En Galicia a tradición con respecto á súa advocación ten un percorrido relativamente curto, na medida da cercanía da súa beatificación e a complexidade da mesma ata que se consolidou. Así, a única capela en Galicia na que el aparece como patrón é a de Priegue en Nigrán-Pontevedra.
A parroquia do Campo, que chegou a contar cunha capela máis en Menaz, ademais das aínda conservadas na Ermida do Fondo da advocación da Purificación, -actualmente celébrase o Día da Candeloria- e a do San Roque na Esfarrapa, non foi a única en incorporar novas ermidas como foi así o caso da de Lourdes na parroquia da Cidá no lugar de Orros, cuxo promotor máis activo foi o seu párroco, José Loureiro Quiroga, cuxas “Villa e Avenida de Nª Señora de Lourdes” serían inauguradas en 1962.
Por último foi a parroquia de Parada de Labiote, no lugar de Nogueiroa, a última en levantar a súa na honra de Santo Antón, coincidindo coa inauguración da traída de augas desde o lugar de Cebral na parroquia de Froufe. Neste caso aprovéitase a planta bixa para fonte-lavadoiro.
Sobre a construción destas tres últimas capelas véñense considerando a da Ponte e a de Orros como de estilo historicista por incorporar algúns motivos propios da arquitectura “culta”, así, por exemplo, os frontóns, os óculos, as ventás e vidreiras da Ponte poden ser de inspiración gótica, ademais dunha liña local-atlantista na que o granito propio da contorna e a pegada dos canteiros de Saavedra, Orros… son o verdadeiramente importante. –U-lo arquitecto?
Se aquelas dúas poden considerarse do máis ecléctico arquitectonicamente, pero nas que polo menos predomina a pedra en sillares de perpiaño, a de Nogueiroa non deixa de ser unha construción máis en cemento á que se lle engadiu un campanario e se sacralizou no seu momento. Con respecto á ampliación da torre-campario da da Ponte, entendo que non deixa de ser unha reforma inapropiada que rompe co deseño orixinal, tanto nos materiais como no resultado e perda de vistosidade da entrada principal.

Exterior e retablo da capela de Lourdes en Orros- A Cidá.
O Irixo, 3 de maio de 2025.
Xulio Dobarro Ferradás.
Outros artigos de Xulio Dobarro
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.
