Xulio Dobarro: Do Irixo (Saavedra) a Mallorca  pasando polo Val Miñor-as Mariñas, sobre a técnica  da pedra en  seco ou a “óso”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo

 O DOG de 29 de setembro de 2016 recolle unha Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do patrimonio cultural a técnica tradicional da construción coa pedra en seco como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

A materia prima no monte de Saavedra, “transporting” de canteiro e valado-chouzo na Freixa

 Nesa resolución delimítanse, entre outras, as seguintes características:1: Denominación: técnica tradicional da construción coa pedra en seco, tamén denominada pedra seca, cachotería ou cantaría tradicional. -Non se inclue o de “Pedra a óso”, cando, alomenos por terras de canteiros na aba oriental do Testeiro, pola parte do Irixo, en particular entre os canteiros de Froufe, A Espiñeira e Saavedra, a denominación habitual é esta, a non ser que aquela denominación fose adoptada polo contacto mantido coas terras de León e Castela, de cando moitos de por aquí se desprazaban ata esas latitudes e se poida considerar un “castelanismo”, como pasa co idioma e, polo tanto, ser rexeitada. Quizais por descoñecemento? 

2:Definición: Técnica tradicional de construción con pedra, sen labra ou cun traballo de regularización máis ou menos rudimentario, combinando entre si as pezas de diferentes tamaños e mesmo características, con múltiples combinacións en función do material usado e os seus requerimentos funcionais, pero sen aglomerantes nin adhesivos de ningún tipo, polo que estruturalmente funciona pola súa masa e o equilibrio e habilidade na súa disposición e combinacións..   

3:Ámbito de desenvolvemento: Galicia, en especial comarcas de Pontevedra e Terra de Montes, de Bergantiños, Soneira, Xallas e Fisterra, e as da Terra Chá e Ribeira Sacra.

 Con respecto ao que se considera como ámbito de desenvolvemento, entendo que ao tratarse do Diario Oficial de Galicia non se fai referencia conscientemente a outros puntos da Península ou de fóra desta, porque tal e como se redacta pódese interpretar que é algo exclusivo de noso, cando outros territorios compiten con Galicia tanto en calidade como en cantidade na técnica da pedra a óso.

 Tanto é así que aínda sendo eu de lugar e casa de canteiros de Saavedra, e, polo tanto,  sen ánimo de infravalorar o propio e enxalzar o alleo, o certo é que xorde esta incursión na cantería con motivo dunha visita á illa de Menorca da que, segundo os investigadores se calculan en máis de 11.000 Kilómetros construídos segundo esta técnica, cabilando especialmente nos muros. E será verdade, porque non fai falla realizar moito esforzo visual para sorprenderse como van xurdindo na paisaxe unha innumerable mostra de muros, valados, a modo de cerres de parcelas, como os que vimos coñecendo entre nós como “parcelas cerradas sobre si”, ademais dalgunhas outras curiosas construcións adxectivas como por exemplo a proteccións dalgunhas figueiras e acebuches contra os ventos ou animais.  -Sí, figueiras e acebuches!

 Un dato maís, que contribúe a esta proxección internacional da técnica, é o feito de que a UNESCO no ano 2018 incorpora  a “Pedra Seca Galega” á lista do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, candidatura liderada por Chipre e Grecia e que inclúe tradicións construtivas doutros cinco países europeos: Suíza, Croacia, Eslovenia, Francia e Italia.

 No caso español son outras sete comunidade autónomas as que están presentes, baixo a coordenación do Ministerio de  Cultura e Deporte: Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e Valencia.

 Na nota informativa sobre esta convención convocada pola UNESCO,  a que era  Consellería de Cultura e Turismo daquela, informa que “para os propietarios dos bens construídos  con esta técnica non suporá requisitos adicionais á hora do seu mantemento e conservación máis alá dos existentes na lexislación vixente. En todo caso, a Xunta poderá ditar instrucións, recomendacións e suxerencias para os interesados no seu uso e conservación; así como fomentar a pedra seca a través de programas e proxectos específicos”.

 Dan como exemplos máis característicos de aplicación da técnica da “pedra a óso”: “muros, cerres e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiros, pombais, hórreos, alpendres, foxos do lobo, ou muíños que contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade e explotación do territorio”.

 Reitero o de “técnica de pedra a óso”, ao entender que se trata da mesma denominación empregada polo Diario Oficial de Galicia de “pedra en seco”, e tal e como recollen varios tratados sobre a mesma. A modo de exemplo, recollo un parágrafo do libro publicado por Ángel Cerrato Álvarez: A canteria : un oficio a extinguir (Vigo, 2004) :

“Os canteiros dominan a técnica de paredes curvas, as estructuras das casas dos castros. As pedras das paredes dos castros, coma hoxe en día, están unidas a hueso”. Descoñezo se esta denominación pode supoñer algunha restrición específica con respecto á de “técnica en seco”, pero, en calquera caso, era a empregada por meu pai e polo amplo número de canteiros de Saavedra e arredores.

 Castro de San Cibrao de Las. Cantos rodados e muro local na costa entre A Guarda-Baiona.

  Á vista destas mostras visuais, pódese concluír que a materia prima, o granito en diferentes formatos foi o que condicionou historicamente a consolidación da técnica da pedra a óso ata os nosos días, salvando as distancias en canto a recursos para a extracción daquela, así como o transporte, a axuda de maquinaria e ferramentas máis perfeccionadas.

 Se a materia prima é un recurso básico para poder poñer en  practica a técnica, non o eran menos os medios de transporte, -manual en moitos casos-  desde a canteira ou o obradoiro ata un punto máis cómodo ou directamente ao valado. Para iso valíanse da forza individual de cada home, que nalgúns casos apandaba directamente co peso da peza ás costas, ou a “boulos” axudándose de ferros, forras e pancas ata atoparlle o xeito para irlle dando o acabado axeitado para asentala debidamente, e se o perpiaño o requería movelo na fileira (hilada) despois que o escuadro e o chumbo deran fe de que respondía á idea do mestre canteiro, segundo as instrucións dadas aos que desde a canteira ata o pinche da casa ou do valado se encargaran da angueira.

 O autor antecitado, Ángel Cerrato , ao referirse aos “Andares da pedra. Primeiros rachados”, cando se está a referir aos traballos  na canteira, en particular na Limia, sinala que “a pedra que atopamos en maior abundancia é o granito. Hai tamén xisto e algunha cuarcita”. Información que vén a coincidir co terreo que mellor coñezo, o do Irixo, en Saavedra en particular, que para ilustrar esta abundancia de penedos non hai máis que botar man da microtoponimia e citar no monte do lugar: “O Penedo dos Corvos”, “Os penedos bastos”, “A freixa”, ou algo máis alonxados os de “Pena negra”, “Pena albura” (estes dous con predominio da lousa/xisto) ou “Pena grande” (granito). En ambos os casos houbo proxectos inacabados de explotación de canteiras na segunda metade do século pasado.

Sinala aquel que: “Unha das condicións para que o granito sexa bo, é que non teña lixo. “ Lixo”

Velaí unha mostra mínima das ferramentas máis comúns desde a canteira ao valado ou parede: maza, macetas, cuñas, escuadro, nivel, regra, punteiros, acudadeiras, picos, cabazo, pancas, e ferros apoiados no perpiaño mellor acabado, pero, a fin de contas “a óso”. Todo manual …

será pola Limia, pero, o que si podo aseverar é que no Irixo é “liso”, ou “gabarro” por Carnota.

No monte de Saavedra, “corte en levante” , despois do lume florecen as pegadas das cuñas

 Por se estes apuntamentos persoais sobre a cantería e os canteiros de Saavedra, de onde son veciño, resultasen sospeitosos de localismo, e de onde en cada unha das cincuenta familias había un canteiro alomenos, estamos a falar de tempos non moi lonxanos, mediados do século pasado, vou recoller unha observación do historiador J. Hervella quen, na última década do século pasado no seu libro, “Irixo, natureza, historia e arte nun municipio da Galicia interior”, suliñaba o seguinte con respecto ao Patrimonio arquitectónico:”Interesantes casas de ámbito rural no lugar de Saavedra, unha terra de bos canteiros, que deixaron a lembranza do seu popular traballo nas construcións do seu pobo nas que empregaron pedra granítica do país, extraída na súa meirande parte do Monte de Ollos”.

 “No século actual (XX), destacaba o Mestre de todos eles JESÚS GONZÁLEZ GONZÁLEZ, que estudiou o oficio na Escola de Artes e Oficios de Ourense . Deixou obra en Folgoso (Pontevedra), en Carballiño (Apostolado do templo da Vera Cruz) e, sobre todo no concello do Irixo, traballando coa súa “cuadrilla” na escultura dos panteóns dos cemiterios do Campo, Corneda, Dadín e Loureiro. O seu estilo é historicista copiando modelos do mundo medieval. Técnica de traballo artesanal, sempre en pedra de granito. Un dos seus discípulos, vivo na actualidade [1990], é José Covela Des [O Rato], que acompañou e traballou ás ordes de Jesús González en Irixo, e unha vez falecido o mestre  fixo obras propias nos cemiterios de Corneda, Parada de Labiote, etc…Cunha “cuadrilla” formada por Emilio de Esfarrapa, Adolfo do Mato e José Antonio de la Iglesia, traballaron na iglesia de San Cosme de Cusanca, sendo párroco don Ramón García, e nos cemiterios de Avión, Brúes, Cameixa, Carballiño, Xubencos, etc..Todos traballaban a pedra de granito cunha técnica artesá, de carácter popular, no seu taller situado nun alpendre ó lado da igrexa de Dadín”. Aínda engadiría máis adiante os nomes de Pedro Pérez, tamén de Saavedra, e  de José Dobarro, Agustín de Orros…

 Con respecto á cita anterior, xa serán coñecedores os sempre estimables seguidores destas reportaxes, que o Mestre canteiro Jesús G. G. foi obxecto de atención pola miña parte, e despois de contar coa colaboración do seu fillo, Manuel Gonzalez Cortizo, para poñer negro sobre branco que o seu verdadeiro nome era o que vén de empregarse, aínda que con certo ton despectivo se recorrese en moitas ocasións só ao de “Saavedra” ou “Santeiro”, que en nada o desmerecen, tanto polo lugar de orixe como pola súa afección a tallar santos, pero, como dicía a parábola: “A Deus o que é de Deus, e ao César, o que é do César”.

 Como proba desta tradición centenaria da pedra a óso en Saavedra, ademais das innumerables mostras en valados; moitas veces a base de “pedriñas”  chegan a formar unha sólida construción de aproximadamente un metro de ancho como paredes, cando non son son as laras encaixadas verticalmente ou en distintas posicións con esveltos postes as que delimitan as propiedades de chousas, prados leiras ou porrais. Hai paredes de vivendas construídas a base de “morrillos, cantazos,” -cachotería- e algún tranqueiro para darlle solidez, ademais das soleiras e senlleiras lumieiras que dan acceso ao curro ou cuberto, onde, ademais, abondan os poios para mazar o liño, outras veces como mesado nas cociñas de lareira, piares ou solainas de sólidas pezas que protexen do frío e facilitan a entrada do sol, que descansan sobre aqueles, e canzorros. Nas das casas de construción moderna conviven aquelas maís antigas, a base de perpiaño do país, grisáceo, con outras máis recentes con materiais moi diversos: rosa do Porriño, pizarra e fibrocemento nos tellados, formigón, que en pouco contribúen ao fermosismo promovido pola Xunta. 

En Saavedra, parede de vivenda. A portada  incorpora motivos ornamentais moi comúns na cantería: un San Marcos, cruz e pináculos.  A vivenda, de sólidos piares e cornixa senlleira acolleu a que foi  Casa Tulla, onde se depositaban as rendas da parroquia e outros lugares que despois se transladaban a Pazos de Arenteiro mentres durou o Antigo Réxime ata a creación dos concellos.

 En canto ás construcións máis comúns a base da técnica da pedra en seco, ademais das referencias xa apuntadas como as dos castros, durante a Idade Media o desenvolvemento da arte Románica é tamén unha boa mostra desta liña de traballo, porque os produtos que despois se introduciron como “adhesivos e aglomerantes” eran inusuais, por iso, tanto as igrexas como outras construcións civís se levantaron a base dos arquitectos-canteiros no aproveitamento da pedra. Así, contamos con rexas construcións que a base de sólidos contrafortes perduran ata os nosos días. Para velo non fai falla transladarse a longas distancias e comprobar este pormenor, ben sexa nas igrexas románicas da contorna (San Pedro de Lobás, San Pedro de Dozón, Santa Mariña de Gomaríz…), ou como a monumental adega da Granxa de Gomariz ou algunhas pontes medievais máis próximas como a Ponteferreira das Campinas sobre o Viñao, na Bubela, ou en  Brués a ponte das Poldras.

 A técnica da pedra en seco, ademais destas construcións de carácter culto, ten a súa mellor manifestación na construción de valados-muros-paredes que, por un lado marcan as estremas con respecto ao lindeiro, e, por outro, tamén marcaban distinción de clase. Así, fora historicamente aceptado que as construcións próximas a igrexas, mosteiros, conventos e casas fidalgas ou da realeza non debían ser superadas en altura pola poboación común, de tal xeito que os muros dos predios eclesiásticos, realeza e fidalguía  marcaban esa diferencia entre os distintos estamentos, tanto  por distinción, protección ou privacidade. Isto é algo que se vén observando desde antigo nas vilas ou cidades que desde tempo inmemorial mantiveron ese privilexio, pero que na actualidade o están a perder, a pesar de ser moitos daqueles obxecto de protección por ser declarados Bens de Interese Cultural, de tal maneira que a súa privacidade está a ser burlada por construcións modernas de maior altura.

Entre muros en Florencia. Pazo da Pastora en Vigo. Camiño das sete curvas en Baiona: á esquerda muro da que hoxe delimita a rúa Entrehortas, con respecto ao enxido do convento das Dominicas. Fábrica de papel en Lousado-Piñor.

 Se nos atemos ao título inicial da reportaxe, e sen pretensións de ser moi exshaustivos, pero procurando manter un fío condutor do tema obxecto de consideración sobre a técnica da pedra en seco ou a óso, cabe lembrar que, tanto Saavedra e a súa contorna, como o que é o tramo de costa comprendido entre A Guarda e Nigrán son un bo exemplo desa técnica milenaria. Como tamén o é o   concello de Carnota, que en palabras de José Cernadas Conde, –que se declara no limiar do libro “Os canteiros. Técnicas e construcións tradicionais no concello de Carnota” “como canteiro profesional, formo parte dun dos gremios máis importantes na historia e na cultura de Galicia, que igual que ocorreu con outros oficios tradicionais desapareceron ou se transformaron totalmente as súas técnicas de traballo”.

 O DOG, polo que se inclúe no Censo de patrimonio cultural a técnica tradicional da construción da pedra en seco, incorpora na parte final unha serie de motivos, con fotografías incluídas, que van desde “Os Chantos en Vilalba”, “Muro en Santiago de C”., “Pendellos da feira de A Golada”, “Pombal en Moraime-Muxía”, “Hórreo en Lira, Carnota”, Valados en: Guitiriz, Muras, Carnota, Forcarei, Cervantes, Ponte Caldelas ; Cruceiro na Pastoriza, Teito de forno/muíño en Ponte Caldelas; o que nos leva a cabilar que, en realidade, á marxe de que algunha bisbarra sexa recoñecida como  terra de máis ou menos tradición de canteiros, -por exemplo, Pontevedra e  A Terra de Montes- , Soneira, Bergantiños, Xallas e Fisterra, A Terra Chá, e A Ribeira Sacra-, en toda Galicia hai pegadas da actividade, aínda que no caso de Pontevedra fose de maior tradición por esa singularidade de contar no oficio cunha xerga propia: “O Latín dos canteiros/ Arxinas” e desde onde  moitas cuadrillas desta zona se transladaran ata diferentes puntos da Península.

Mosteiro de Santa María de Oia, muro de contención con troneira e acceso interior en fronte da “Camboa”-non visible na foto-, que regulaba o aproveitamento da pesca. Propiedades anexas  

 Pois ben, considero que unha das mostras máis evidentes desta técnica da pedra a óso é o tramo de costa da provincia de Pontevedra comprendido entre A Guarda e Nigrán, no que sobresaen, dentro do minifundio secular, unha continuada representación de valados/muros de menor ou menor altura, na súa maioría en función da economía que os promoveu. Así, reitorais, pazos, e mosteiros sobresaen pola altura desas defensas, mentres que as hortas, leiras ou prados dos fregueses son unha sucesión de cerres “sobre si”, que historicamente eran traballados á man e na actualidade moitos deles resultan invisibles polo abandono do rural.

Camiño das “Sete curvas” que delimita o convento con respecto ao que eran hortas. Na mesma praza do concello, o muro característico en “pedra a óso”. Altar no viacrucis da Virxe da Rocha.

 Quizais, unha  das mostras arquitectónicas máis completas  en canto á tecnica da pedra en seco nestes concellos da costa pontevedresa debe ser o da vila de Baiona, na que o casco antigo vai convivindo  coa modernidade “daquela maneira” -como na maioría dos cascos antigos de vilas e cidades-  onde perduran no medio de construcións recentes as pegadas das antigas propiedades de cultivo delimitadas por eses muros, a maioría deles coas antigas portas que marcaban a propiedade individual ou colectiva da veciñanza. E, desde logo, sobresaíndo o do convento das monxas dominicas que avanza paralelo ao do que foron as hortas, -Carreiro das sete curvas-, cuxa antiga actividade dá nome actualmente á rúa “Entre hortas”.

 Sen embargo, e co máximo respecto para os que foron e para os poucos canteiros que exercen o oficio  na actualidade en Galicia, en particular na aplicación desta técnica da pedra a óso, hai algo que me ten sorprendido moi satisfactoriamente. Foi a recente descuberta de que no arquipélago Balear, especialmente a illa de Menorca, conta cunha longa tradición desta liña construtiva e, quizais o maís rechamante é que segue viva.

As imaxes da esquerda corresponden á publicación antedita. As da dereita no Arenal e Valdemossa.

Foi da man dunha publicación tetralingue titulada “Menorca, paisatge de pedra seca” (2018),  no que, ademais da fotografía extraordinaria de varios motivos arquitectónicos, se fai unha introdución histórica e explicación do proceso da construción segundo esta técnica, en todo momento de xeito moi visual, didáctico e artístico, a cargo de Laurence Toussaint e Frédérique Mahieu, aquela, fotógrafa parisina cuxo obxectivo é “captar o esencial do lugar para compartilo nun acto de fotografía artística de autor”; e esta: “mestra artesá da pedra en seco, autora dos textos e creadora do Espazo de Pedra Seca nas canteira de s´Hostal da Fundación Líthica”.

Semellanzas entre bancais na Ribeira Sacra-Lugo e Valdemossa (Mallorca).O viño e o aceite, en cada caso, deberon ser a causa de que os romanos se mergullasen na angueira

 Sobre os textos, só mencionarei algúns titulares que poden dar unha idea de por onde discorre o interese da publicación: “Unha arquitectura sen arquitectos”; “A través de miles de mans”: (Os paredadors (paredeiros en Galicia) son artistas que crearon un xardín nunha terra salvaxe. Para que a pedra seca non se convirta nunha reliquia do pasado ten que tratarse como un patrimonio vivo). Non se pode imaxinar a paisaxe de Menorca sen as paredes de pedra seca); “A memoria das pedras”: As paredes cumpren unha triple función: aproveitar as pedras que afloran á superficie despois das labranzas, delimitar as zonas de cultivo e pasto, e protexer as terras do  vento; “Cultura e tradición”: Para conservar a tradición viva, é preciso  considerar a arte de construír muros nun contexto cultural global, preservar a transmisión da súa técnica,…fomentar a súa divulgación…crear condicións propicias para as novas xeracións de artesáns; “Pedra seca e viva”: Antes de que se inventara o termo ecoloxía, as paredes xa eran un exemplo de reciclaxe…é unha técnica completamente limpa..; “A intervención do artesán”: Para construír un muro en seco, o artesán coloca as pedras en dúas filas horizontais paralelas…unión por un recheo interno…a última fila sélase cun acabado a base de grandes lousas … Elementos complementarios da pedra seca: Escaleiras, integradas no espesor do muro ou sobresaíntes; Comedeiros para o gando; Buracos (caneiros para rego, pequenos animais, portas con lumieira…), “Corrals”: muros circulares como protección de certas árbores como figueiras, acebuches, etc.

Exemplos locais da técnica da “pedra a óso” en vivenda e outras: De arriba a baixo, da esquerda á dereita: Fontes-Reádigos, A Pena da Sela, Orosa, Forno na Barcia, Subirol, Froufe, Xirei.

Por todo o anterior, e sempre contando coa xenerosidade da persoa á que conseguín manter a súa atención ata estas últimas liñas, -aínda que non me considero para nada experto na materia pero  que  me move a difusión daquilo co que nos podemos identificar como pobo-, agradecer o seu interese e na medida do posible contribuírmos á difusión e conservación dun PATRIMONIO morredizo que está en serio perigo de extinción. 

 O Irixo, pola Santa Mariña de Loureiro e A Cidá, 2025

Xulio Dobarro Ferradás


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro: “Semana grande na parroquia de Dadín (O Irixo) con peregrinaxe “móbil” e procesión á Pena da Sela

Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”

Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes  por  Emilio Duro Peña “

Xulio Dobarro “Quincuaxésimo aniversario da pergrinaxe da virxe de Fátima  desde a Ponte  á Pena da Sela  (1967). Novena  a partir do día 3 de maio -2025.”

Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”

O Irixo:  “O galiñeiro parrandeiro”  da asociación os Parrandas do Irixo,  acada o 1º premio no desfile de comparsas do entrodo do Carballiño-2025

 O Irixo-Dadín : J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (III)

 O Irixo: J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (ii)

O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal”  en “La Región”

Xulio Dobarro: “a memoria recuperada: Centro de Estudos Chamoso Lamas da comarca do Carballiño (o Irixo). Reseña divulgativa

Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán

Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”

Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------